Como garantir que gañe a minoría

Maio 2nd, 2017  |  Published in| the_category europa, neoliberalismo, soberania

A segunda volta das eleccións francesas semella unha formalidade. Todo indica que Emmanuel Macron ten asegurada a presidencia. Polo tanto, o candidato apoiado polos poderes económicos, a elite da burocracia europea, e os partidos sistémicos, malia acadar menos dun 24% de simpatías na primeira volta electoral poderá aplicar totalmente o seu programa, grazas a un sistema electoral presidencialista. Tampouco fixo falla que procurase os apoios doutras forzas. Na mesma noite das eleccións o conservador Fillon e o candidato do Partido Socialista Hamon pediron o voto pra Macron sen ningunha condición. O único argumento foi frear Marine Le Pen, polas súas actitudes xenófobas e ter cuestionado as políticas da UE.

Daquela que, malia que Marine Le Pen prometa que vai potenciar a economía e o emprego, pra os que defenden a globalización neoliberal (ou sexa o capitalismo na súa etapa senil), é unha boa nova que ela pase á segunda volta. Segundo as enquisas isto garantiría o triunfo de Macron. O resultado sería moi distinto se o candidato de En Marche! tivese que confrontar co progresista Mélenchon, xa que este arrastraría moitos votos do Partido Socialista e unha parte importante daqueles que optaron por Marine Le Pen. Este escenario ten paralelismo co que pasou nos Estados Unidos con Bernie Sanders, ao quedar descartado nas primarias dos demócratas, o que favoreceu o triunfo de Trump.

Se o modelo fose parlamentario, sería a Asemblea Nacional Francesa a que debería elixir o presidente ou presidenta. E aí, se a proposta carecese da maioría necesaria, como é o caso, debería facer concesións a aqueles partidos dos que procura apoios. Estes poderían mesmo ser conseguidos polo candidato/a proposto por unha das forzas con menor número de votos, mais que fose quen de acadar un consenso máis amplo. Asemade o eixo do debate centraríase nas consecuencias das políticas neoliberais, que é a cuestión que máis lle preocupa á sociedade francesa, como reflicten as enquisas. Resulta evidente que o sistema electoral actual é funcional ás clases dominantes, tanto neste aspecto, como pola división en distritos que garanten un plus de parlamentarios/as pra os partidos máis sistémicos.

Ademais das distorsións, que afectan á expresión da vontade popular como consecuencia do sistema electoral destes países, débese sumar a incidencia sobre o proceso dos poderes económicos, dos medios hexemónicos, e de cargos políticos e institucións exteriores. Dirixentes da Unión Europea, e governantes dos estados que a integran, anunciaron todo tipo de males en caso de optar por unha vía non ligada á UE e á OTAN. Nestes aspectos non existe imparcialidade, entenden que a intervención é necesaria e está xustificada. Por se non abondase, volvendo ao clima da guerra fría, acusouse dende diversos medios a Rusia de querer influír nos resultados. Cando, se hai alguén que ten o control, espía e intervén na rede, son precisamente os Estados Unidos, como se ten demostrado unha e outra vez. A súa historia de inxerencia externa e apoio a múltiples golpes militares, cambios de governos e todo tipo de accións punitivas no exterior así o amosan. A Rusia poderáselle acusar doutras eivas, erros, ou defectos, mais o da intervención nas eleccións non é críbel.

Este discurso do medo e de ambiente prebélico en Francia, e noutros países, quere garantir a toda costa o triunfo das políticas de centralización e concentración da riqueza e do poder. E esta vía estaría totalmente asegurada na Francia con Macron que é a opción máis neoliberal. Estes procesos electorais tamén deixan unha ensinanza: neste contexto e neste sistema, realizar a vontade popular utilizando exclusivamente a vía institucional é cada vez máis difícil, por non dicir imposíbel.

Artigo publicado en La Región o 2 de maio de 2017

Os comentarios están pechados.