Democracia formal

Abril 27th, 2017  |  Published in| the_category europa, globalizacion, neoliberalismo, política

Os mercados e a burocracia da UE respiran tranquilos, porque nas eleccións francesas Emmanuel Macron colocouse en primeiro lugar, malia que a distancia a respecto de Marine Le Pen sexa mínima. Asemade, con toda seguridade o candidato de En Marche! sairá elixido en segunda volta, dado que conta co apoio explícito do conservador Fillon, e de Hamon, candidato oficial do Partido Socialista. Polo tanto, estaría garantida a gobernanza da opción máis neoliberal na Francia, a segunda economía da UE e potencia nuclear, sen necesidade de facer ningunha concesión a outras alternativas, dado o carácter presidencialista do sistema político.

Nesta segunda volta os/as electores non teñen moitas alternativas, aínda que a oposición ás políticas neoliberais de Bruxelas sexan maioritarias na sociedade francesa. Le Pen implica demasiados riscos para os dereitos democráticos. Se Jean-Luc Mélenchon tivese acadado a segunda posición, a situación sería moi distinta. Daquela, a confrontación sería entre os que apoian ou se opoñen á globalización neoliberal (o capitalismo na súa etapa senil). Neste caso Francia Insubmisa tería arrastrado os votos do Partido Socialista e unha parte dos que apoian a Le Pen e Fillon. Neste caso as Bolsas e grandes fortunas non estarían tan satisfeitas cos resultados. Algo semellante pasou nos Estados Unidos coa opción do demócrata Bernie Sanders.

Nun modelo parlamentario, sería a Asemblea a que debería elixir o presidente ou presidenta, polo que se a proposta carece de maioría debe facer concesións no programa. Neste caso sería en favor de limitar o poder da UE, de medidas máis sociais e de primar o emprego digno. Mais co actual modelo, pódense impoñer medidas neoliberais coa maior parte do pobo en contra.

Mais, nunca está dita a última palabra, e malia que este sistema político sexa funcional ao bloque hexemónico, iso non quere dicir que ás veces non funcione como se esperaba. Trump e o Brexit son un exemplo. Aínda que, en ambos casos, dado que non mudou a correlación de forzas na sociedade, a vontade electoral pode rematar frustrada por unha recomposición das clases dominantes. Son os límites do electoralismo.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 27 de abril de 2017

Os comentarios están pechados.