No último ano, o diferencial entre as saídas de capitais, para alén das fronteiras do Estado español, multiplicaron por 11,4 as entradas. Ou sexa que non só emigran as persoas, tamén os recursos, co que isto implica como hipoteca para o desenvolvemento da Galiza. Concretamente entraron 118,2 millóns de euros e saíron 1.343,6 millóns, no ano 2016. Claro que esta é unha visión parcial. Non ten en consideración o fluxo de capitais entre o noso país e o Estado español, que con seguridade é outro tanto en contía, e cun carácter negativo semellante. A estes aspectos regresivos, hai que sumar ademais o feito de que un número considerábel de empresas foi mercado por capital foráneo, co que isto implica en exportación de beneficios.

Os dados anteriores amosan con toda crueza a dependencia económica. O feito de que, malia as nosas potencialidades, temos un papel secundario no elo produtivo, e polo tanto na obtención do valor engadido e na creación de emprego, cualificado e con salarios dignos. Con este escenario, é lóxico que o sector industrial dependa de moi poucos sectores, do comercio exterior e do contexto internacional, co que isto ten de conxuntural.

Os medios destacan estes días que a Xunta pretende que para o ano 2020 o sector industrial represente o 20% do PIB. Agora ben, a cuestión é que este obxectivo debe ir acompañado por unha maior diversificación produtiva e unha menor dependencia do contexto internacional. En todo caso, os atrancos á industrialización non parecen vir tanto da competencia de Portugal, que por outra parte crea emprego neto na Galiza, xa que exportamos moito máis do que importamos, como do papel subordinado que cumprimos dentro da economía do Estado español e da Unión Europea. Portugal, especialmente o norte, representa un gran mercado para a nosa produción de bens e servizos, e podería selo aínda mais tendo en consideración a súa fortaleza demográfica. A perda de peso económico e de poboación da Galiza con respecto ao Estado español, a emigración que non cesa, o medre da desigualdade e da precariedade laboral, amosan a falta de proxecto de nación, a dependencia, do Goberno galego.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 20 de abril de 2017