A Arxentina nun intre decisivo

Abril 18th, 2017  |  Published in| the_category américa latina, Internacional

Algúns analistas arxentinos destacan que nese país estase abrindo unha conxuntura, ou sexa, un intre no que a correlación de forzas podería forzar un cambio de rumbo. Esta conclusión baséase na forte oposición ás políticas regresivas do governo de Mauricio Macri. Unha resposta social continua, que ademais segue en ascenso, especialmente por parte do movemento obreiro. Lembremos as principais mobilizacións de marzo: o día 6 concentracións de docentes, o 7 manifestación da CGT, o 8 grandiosas marchas polo Día Internacional da Muller, e o 30 manifestacións organizadas pola dúas CTA. Todas estas mobilizacións conseguiron un seguimento que había anos non se daba.

O éxito da folga xeral do 7 de abril significa un pulo cuantitativo e cualitativo, xa que as distintas correntes da CGT, despois dun ano de negociacións infrutuosas co Governo e varios amagos de mobilizar en serio, por fin atrevéronse a poñer toda a carne no asador por mor da presión das bases. Deste xeito a maior central sindical arxentina converxe na táctica coas dúas CTA, a de Pablo Micheli e a de Hugo Yaski, que dende o primeiro momento amosaron o seu desconte e se manifestaron contra as propostas neoliberais de Macri. Dende o Governo, restáselle importancia ao paro pra non alarmar máis as súas bases, e gañar tempo pra atopar a fenda que lle permita tender pontes coa CGT ou cunha parte dela.

Malia anunciar Macri un crecemento do PIB pra este ano, o sector industrial e da construción está en retroceso, así como o consumo. E a inflación pra 2017 calcúlase rente do 25%, moi por riba das previsións oficiais. En relación á situación, Eduardo Lucita, membro de Economistas de Esquerda, destaca: “O diagnóstico de medre do 2º semestre de 2016 foi un fracaso, foino tamén o deste 1º trimestre de 2017”. Pra compensar a falta de recursos, o Governo tomou a decisión de branquear os capitais que estaban no exterior (tal como se fixo no Estado español da man de Montoro). Acolléronse a esta medida capitais por valor de 120/130 mil millóns de dólares, o que se calcula engordará os ingresos fiscais en 130 mil millóns de pesos (15,3 pesos igual 1 dólar). O economista Julio Gambina valora que “o perdón fiscal pra os evasores e os que fugan capitais do país, non evita a continuidade do fenómeno, vía cancelacións da débeda, remesas de beneficios ao exterior, e saldo negativo do turismo internacional”.

O Governo rearma agora o discurso, deixando fóra do debate a grave situación económica e social, poñendo o acento nun teórico proceso destituínte, que racharía coa democracia, e do que el sería a vítima. Unha hipótese que os dirixentes sindicais desmentiron durante a folga xeral. Este tipo de argucias non se poden manter por moito tempo, máxime cando as cuestións que dan folgos ao anoxo están relacionados co aumento do custe da vida e a redución dos ingresos salariais. Analistas independentes valoran a caída dos salarios no ano 2016 nun 6-8% pra os traballadores/as formais e nun 10-12% pra os informais. Por se non abondase, o Ministerio de Enerxía anunciou aumentos no prezo do gas, con mínimos do 20-36% pra os consumos máis baixos, e que poden chegar a un tope do 400%.

As medidas de choque que aplicou Macri nos primeiros meses, e as novas que segue a aprobar de xeito silandeiro e máis a modo, co argumento de que van relanzar a economía e xerar emprego, non deron resultado. Mes tras mes, vese obrigado a adiar a data na que anunciará o triunfo. O tempo xoga na súa contra, e de vagar vai perdendo apoios. A unidade sindical na rúa así o amosa. Tamén o descontente ascendente de sectores da clase media, e do empresariado industrial afectado pola importación de bens que substitúen a produción nacional. A “volta da Arxentina ao mundo” (neoliberal) resultou un fracaso.

Artigo publicado en La Región o 18 de abril de 2017

Os comentarios están pechados.