Todos por Galiza!!!

Abril 14th, 2017  |  Published in| the_category Historia, soberania

Esta foi a consigna coa que hai vinte e cinco anos, o 2 de abril de 1992, as centrais obreiras e labregas do país convocaron unha folga xeral nacional. No Eixo, voceiro da Intersindical Nacional de Traballadores Galegos (INTG), do mes de febreiro, facíase mención ás razóns da convocatoria: Nos últimos anos a situación socioeconómica de Galiza foise agravando: medre do paro rexistrado (un 16%), perda de miles de postos de traballo na industria (peche de Motores Deutz, Exminesa, Pebsa, Citroen Ourense; perda de emprego en Bazán, Astano, Barreras, etc.; difícil situación de Santa Bárbara, Coalsa, Refrey, Álvarez …), salarios máis baixos que no resto do Estado, e un aumento progresivo da precariedade laboral (sobre un 30% de eventuais)”.

Contexto político e social

O Governo central estaba presidido por Felipe González, do PSOE. Era a súa cuarta lexislatura. A Xunta de Galiza tiña á fronte a Manuel Fraga Iribarne, do PP e o Parlamento Galego estaba constituído por 38 deputados/as do PP, 28 do PSOE, 5 do BNG, 2 de PSG-Esquerda Galega e outros 2 de Coalición Galega. Lembremos que 1992 foi o ano no que se asinou o Tratado de Maastricht, que rexeitaron o BNG e a INTG. Con este tratado creábase a Unión Europea, á que se lle cedían importantes competencias no deseño das políticas económicas e no relativo a unha moeda única, apuntalando así a globalización neoliberal.

No Estado español (EE) a folga coincidía coas obras dos Xogos Olímpicos de Barcelona, a construción da liña ferroviaria de alta velocidade Madrid-Sevilla, e cos preliminares da Exposición Universal nesta última cidade. Ou sexa que naquel momento estábanse a facer grandes investimentos públicos no triangulo Madrid-Barcelona- Sevilla, que se pretendía tivesen un carácter estratéxico. Mentres, na nosa nación pechaban unha morea de industrias, e tanto o agro como a pesca, ou a construción naval, pagaban os custes da integración na Unión Europea. Nun artigo no Faro de Vigo do día 1 de abril, como secretario xeral da INTG, salientaba este trato desigual:o Governo central continúa negando a Galiza un Plan de Industrialización e a defensa do sector lácteo e pesqueiro en Bruxelas, mentres dá saídas á problemática asturiana e vasca, ou defende con todos os medios a produción cítrica do Levante fronte a Italia e Grecia”.

Segundo o censo de 1991, a povoación galega era de 2.731.000 habitantes, fronte aos 2.178.000 no ano 2016. En vinte e cinco anos o noso país pasou de representar o 7% da povoación do Estado español a diminuír ate o 5,8%. Os baixos salarios, a precariedade e a alta taxa de desemprego, alentaron a emigración e reduciron a natalidade. Como resultado, a povoación estancouse e medrou o avellentamento, que a masiva inmigración non evitou. E a porcentaxe que representa Galiza na economía do EE practicamente non mudou durante este período. A mellora da renda media por persoa conseguiuse a costa de empurrar cara a emigración unha parte da povoación. Como era tradicional, afectou a aqueles que traballaban na actividade primaria, mais coa crise da última década, sumóuselle a mocidade con máis formación académica en paro ou precaria.

Agora ben, dende 1992 ate 2016, malia que a povoación non medrou, a temos unha sociedade máis avellentada, non deu aumentado o número de persoas ocupadas, que pasou de 984.140 a só 1.040.600, sen dúbida grazas a unha maior incorporación da muller ao mercado laboral. O desemprego era moi semellante a hoxe en cantidade: 190 mil en 1992, e 216 mil en 2016. O número de asalariados/as era en 1992 de 553.530, o 56,2% e no ano 2016 atinxía o 78,6% (817.900 persoas). Ou sexa que en 1992 as actividades primarias ocupaban aínda unha parte importante da povoación activa, polo que o sindicalismo agrario, que convocou tamén a protesta tivo un papel significativo. Por sectores os/as asalariados en 1992 eran: 33.980 no agro e pesca; 73.150 na construción; 139.570 na industria e 306.830 nos servizos.

Situación laboral previa

A folga do 2 de abril era unha contestación á grave situación laboral, cun desemprego do 18,7%. Esta problemática sufríase especialmente na comarca de Ferrol, e máis especificamente na construción naval. O 2 de decembro de 1991 realizábase en Santiago de Compostela unha manifestación que o Atlántico Diario calculaba en 40 mil persoas, e que fora convocada polos sindicatos obreiros CIG, CC.OO. e UGT, xunto cos agrarios: Unión Agrarias (UA), Sindicato Labrego Galego (SLG), Unión Sindical Agraria (USA), e Xóvenes Agricultores (XX.AA.). Os medios facían referencia aos motivos da protesta: 40.000 empregos perdidos nos últimos sete anos, e 520 expedientes de regulación de emprego que afectaban a 10 mil empregos presentados nos seis primeiros meses de 1991.

Poucos días despois, o 17 de decembro de 1991 convocaron CC.OO., UGT e máis a CIG (daquela Converxencia Intersindical Galega) un paro en Ferrolterra que foi un novo éxito. Á manifestación acudiron 10 mil persoas segundo La Voz de Galicia, cifra que o Faro de Vigo e o Diario de Galicia elevaban a 20 mil. Na mobilización participaron todos os alcaldes da bisbarra. O Correo Gallego destacaba en titulares ao día seguinte: “Toda a comarca de Ferrol apoiou de forma masiva e solidaria a folga xeral”. Mentres que La Región salientaba que: “Os sindicatos fan no Ferrol un ensaio de folga xeral na Galiza”. Durante os primeiros meses de 1992 continuaron as mobilizacións. Por exemplo, o 14 de xaneiro 4 mil traballadores/as da Bazán en Ferrol arrodearon as dependencias militares, e ao día seguinte ocuparon unha patrulleira construída pola armada. O 26 de marzo, cinco mil persoas manifestábanse en Ourense, convocadas pola CIG, CC.OO. e UGT esixindo a industrialización da provincia.

Durante este período previo cómpre salientar o Congreso extraordinario que realizou a CXTG o 18 de xaneiro en Narón, para decidir sobre a proposta de unificación formulada pola INTG, e homoxeneizar deste xeito as distintas posturas sobre este tema. O 10 de febreiro a CIG, CC.OO. e UGT e os sindicatos agrarios SLG, UA, USA e XX.AA. anunciaban en rolda de prensa a convocatoria de folga xeral para o 2 de abril baixo o lema ¡Todos por Galiza!

A folga xeral

Co titulo “A maioría dos galegos desouviron as chamadas de PP e PSOE en contra da folga” o semanario A Nosa Terra fai a seguinte valoración do paro nacional galego: “Todos os sectores produtivos, así como as distintas comarcas, secundaron a folga xeral na que por primeira vez desde o franquismo, participaron conxuntamente os sindicatos operarios e os labregos. PP e PSOE, así como unha indecisa CG (Coalición Galega) non apoiaron esta convocatoria que o povo tamén respaldou saíndo á rúa nas principais vilas e cidades. En Vigo a manifestación foi considerada das máis grandes da historia”.

Pola súa banda o Atlántico Diario anunciaba en titulares “250.000 galegos participaron nas mobilizacións por Galiza”. Engadía a continuación: “Baixo o lema ‘Todos por Galiza’ en resposta á crise industrial, agraria e maritimo-pesqueira celebráronse en Galiza once manifestacións que reuniron a unhas 250.000 persoas. Porén o paro laboral foi case que absoluto e preto dun millón de galegos secundaron a folga xeral convocada polos sindicatos e organizacións agrarias. As manifestacións tiveron lugar en Vigo, Ferrol, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía, Monforte, Compostela, O Barco e Burela”.

Pola súa parte El Correo Gallego salientaba en titulares, que ademais de ser a sexta folga xeral en Galiza, era “A maior protesta laboral da década”. Ademais, destacaba este xornal: “Galiza secundou maioritariamente a folga xeral convocada por todas as forzas sindicais contra a crise industrial, agraria e pesqueira. En Vigo manifestáronse 150.000 persoas… Galiza viviu onte a maior mobilización laboral da última década. Se cadra de toda a súa historia…”. O Xornal Diario facía referencia a que: “A folga xeral convocada en Galiza polos sindicatos a prol da industrialización e en contra da crise agraria e pesqueira tivo un seguimento masivo (…) Dende a primeira hora da mañá as rúas permaneceron desertas ate comezar as manifestacións nas principais cidades convocadas por CC.OO., UGT e a CIG”

A participación nas distintas manifestacións foi, segundo Diario de Galicia: 15 mil persoas na Coruña e outras tantas en Ourense; 3.000 en Pontevedra e 1.500 en Vilagarcía. O xornal Atlántico Diario daba 100.000 persoas en Vigo, 20.000 na Coruña, 6.000 en Ferrol, 10.000 en Compostela. El Correo Gallego pola súa parte daba 150.000 manifestantes en Vigo, 8.000 en Lugo, 4000 en Cangas e 1.000 en Monforte, onde Manuel María lería un comunicado. A Nosa Terra indicaba que en Compostela o SLG fixo unha manifestación propia polo serán, por discrepancias coa UGT que se opuña á realización de concentracións comarcais, que foi apoiada polo BNG, UG e os CAF, e á que acudiron 5.000 persoas. Segundo o Faro de Vigo concentráronse 500 persoas en Verín e de centos de persoas no Barco de Valdeorras. La Voz de Galicia dá 400 manifestantes en Burela e 300 en Ribadeo, neste último caso convocados polo SLG. Os medios salientaban a realización de concentracións agrarias na Galiza interior en varias vilas, así como o papel destacado que tiveron na manifestación de Lugo, cos tractores á fronte da marcha. Os xornais facían referencia á participación dos piquetes durante a mañá da xornada de paro, así como á presenza da chuvia.

Entre as declaracións do día que recollían os xornais temos a de Antonio Ramilo, presidente da patronal galega CEG, que afirmaba El Correo Gallego: Perdéronse 7 mil millóns de pesetas e danouse a imaxe de Galiza”. O ministro de industria, Claudio Aranzadi, foi o único integrante do Governo que ese día fixo declaracións sobre a folga xeral, argumentando que a súa continua utilización banalizaba este tipo de mobilizacións. Manuel Fraga, presidente da Xunta, dicía: “que durante ese día traballou o dobre” en declaracións que recollía o Faro de Vigo. Pola súa banda, Diario 16 recollía as seguintes declaracións do secretario xeral da CXTG-CIG, Fernando Acuña: “o Governo central esquecía a Galiza cando analiza os planos de investimento, mentres que o Governo galego está nas nubes”. Ao día seguinte Faro de Vigo recollía o comentario da ministra portavoz do Governo central, Rosa Conde: “a crise que atravesa esta comunidade autónoma non é abondo importante como para convocar unha folga xeral”. Así como a valoración da secretaria do SLG, Lidia Senra: “o paro foi secundado pola maioría dos traballadores do campo e nas manifestacións déronse cita un gran número de labregos e gandeiros que reclamaron a renegociación do tratado de adhesión á Comunidade Europea e a non aplicación das cotas lácteas e de redución das explotacións gandeiras”.

O día despois

Malia o éxito da folga, era evidente que tanto o Governo central como o autonómico respondían a outra lóxica, máis ligada aos intereses dos grandes grupos económicos, ao tradicional esquema de centro periferia, ou sexa de dependencia. Por este motivo, destacaba eu nun artigo no Faro de Vigo en calidade de secretario xeral da INTG-CIG do día anterior, que aínda que a pelota estaba no campo do Governo e da Xunta, “tampouco resultaba difícil realizar novas medidas de forza que deterioren os governantes que frean as aspiracións de Galiza”. E nun artigo que publiquei o 1 de abril na Voz de Galicia baixo co titulo “Unha folga para axudar a cambiar un país”, fixen referencia ao carácter colonial do país. E a que, cunhas taxas de desemprego e precariedade tan grandes, a unha agricultura “atrasada”, produciamos o 8% do total do sector no Estado español, así como o 43% da pesca, o 13% da enerxía eléctrica, o 19% da produción mineira, malia que a banca chuchaba o aforro galego para levalo a outras partes do Estado.

A idea de manter a presión e realizar novos paros non sería posíbel finalmente. A dinámica estatal, máis unha vez, volveu atrapar o sindicalismo españolista, condicionando a mobilización na Galiza. Os temas eran importantes. Unha reforma regresiva en materia de prestacións por desemprego (o decretazo) e un proxecto de lei de folga, que se sumaría á Lei Corcuera como mecanismo represivo, que deron como resultado a convocatoria dunha folga a nivel estatal o 28 de maio. Os pretextos do PSOE eran económicos: a falta de recursos. Mais nese mesmo intre, o Governo gastaba 3 billóns de pesetas nos Xogos Olímpicos de Barcelona, na Expo de Sevilla, e en Madrid Cultural.

O éxito da folga do 2 de abril de 1992, como doutras realizadas na nación galega co mesmo resultado, deixa unha ensinanza que non se pode esquecer: que o importante é, ademais da masividade, manter os conflitos no tempo, tal como se fai nas folgas de empresa (en Transportes La Unión por exemplo) ou nas de ámbito sectorial, onde o sindicalismo nacionalista tivo un papel tan destacado. A duración do conflito ten unha grande eficacia, xa que afecta moito máis aos intereses económicos das clases dominantes, e ademais tensiona á sociedade, polo que contribúe a socializar as alternativas e a folla de ruta antisistémicas. O movemento sindical, tamén o político, que loita pola liberación nacional e o remate da explotación de clase, debe aprender a alargar as experiencias que son exitosas no cualitativo. Como manter no tempo o conflito e combinar a mobilización parcial coa xeral, como dar folgos ao debate das alternativas, como alentar a manifestación e a folga. Esa é a cuestión. Daquela non falaremos só do éxito da folga no aspecto numérico, senón que o central será a loita que permitiu conquistar avances para a clase traballadora e a nación galega. Temos como exemplos deste tipo de campañas que se mantiveron no tempo: as xornadas de loita de 1978 coa ING, as tres folgas comarcais e xerais de 1983-1984, coa INTG, as grandes mobilizacións de masas contra a LOU, de Nunca Máis e Non á Guerra, as dúas folgas xerais do período 2001-2003, e as catro folgas xerais dos anos 2010-2012 coa CIG. En todas estas campañas a iniciativa partiu do sindicalismo nacionalista galego, e foi esencial o apoio do conxunto do nacionalismo, especialmente dos partidos de clase.

A folga xeral e as mobilizacións nacionais nunca poden ser un desafogo, unha demostración conxuntural, táctica. Sempre teñen que formar parte dunha estratexia. Deben ser un pulo cualitativo e cuantitativo, tanto no social como no político, ou cando menos nalgún destes aspectos. A historia do nacionalismo de esquerda, ese que ten como referencia a liberación nacional e social, que considera ambas contradicións interdependentes, e que polo tanto non relega ningunha delas en ningún momento na súa teoría e práctica, deixounos importantes ensinanzas políticas. Cómpre lembralas e analizalas polo miúdo.

http://manuelmera.blogaliza.org/

Artigo publicado en Sermos Galiza 11-15 de abril de 2017

Os comentarios están pechados.