A decisión de Trump de bombardear unha base da aviación siria amosa ate que punto Washington, os seus aliados, e sobre todo as clases dominantes, están desesperadas e confían o seu futuro á potencia militar, mesmo a custe dun conflito nuclear. O ataque obedece á lóxica da confrontación internacional entre potencias polo reparto da riqueza e do poder, así como á dinámica interna norteamericana.

Resulta evidente que o ataque foi preparado hai tempo, aínda que se aproveitase o encontro en Florida entre o presidente chino e o dos Estados Unidos, para mostrar músculo. Tamén chama a atención que coincida co fracaso da ofensiva de Al Nusra (antes Al Qaeda) no norte de Hama, en Deraa, e nos suburbios de Damasco. Asemade, acusar Siria de ataques químicos, minimiza a inmensa ringleira de mortos civís en Mosul provocados pola aviación norteamericana, e busca recuperar o papel central de Washington na zona. En poucas palabras, o ataque ten moitas vantaxes para Trump. No interno, recuperando o apoio do complexo industrial militar e das corporacións globalizadas, e diante do pobo, amosando que dispara máis pronto que ninguén, ao estilo vaqueiro.

Mais, non todo saíu como esperaba Trump. Que a maior parte dos mísiles non deran no branco, e algúns caesen sobre aldeas a varios quilómetros, é moi grave para a potencia hexemónica, que se gaba de ser a máis avanzada tecnoloxicamente. Ademais, non é doado xustificar o ataque sen probar antes as responsabilidades. Primeiro, porque Siria eliminou as súas substancias químicas con fins militares, baixo o control internacional, coa participación da ONU. Segundo, neste intre concreto e nesa zona, eran os terroristas os que estaban recuando e perdendo territorio, despois de fracasar a súa ofensiva. Terceiro, bombardear con gas tóxico civís, na retagarda, non ten ningún fin militar e serviría para dar argumentos á coalición internacional que esixe derrocar a Assad, a mesma que divide os terroristas en bos e malos. E finalmente, o Goberno sirio e Iraq denunciaron unha e outra vez a utilización de gases letais pola oposición armada, mais, ou non foi comprobado ou as investigacións eternízanse.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 13 de abril de 2017