O ataque con mísiles cruceiro tipo Tomahawk contra a base siria de Shayrat, na provincia de Homs, representa un pulo cualitativo cunha intención que vai para alén da confrontación de intereses en Siria. O bombardeo foi realizado sen ningunha advertencia previa, e todo indica que estaba preparado con antelación á denuncia da oposición armada da utilización de armas químicas polo exército na cidade de Khan Shaikhoun. Malia ser este o pretexto para o ataque, a acusación do emprego de gas tóxico polas forzas de Assad non foi comprobado por ningún organismo independente. Ademais, carece de lóxica que o governo sirio actuase así.

Analicemos o contexto. En primeiro lugar, Siria xa eliminou baixo o control internacional as súas substancias químicas de uso militar, nun proceso no que participou a ONU. Segundo, neste intre concreto e nesa zona, son os rebeldes os que están recuando e perdendo territorio, despois de fracasar a súa ofensiva. Terceiro, bombardear con gas tóxico civís, na retagarda, non ten ningún interese militar e só serviría para dar argumentos á coalición internacional que esixe derrotar a Assad, a mesma que clasifica os terroristas en bos e malos. Cuarto, unha e outra vez o governo denunciou a utilización de gases letais polos grupos terroristas, algo que a chamada comunidade internacional non tivo moito entusiasmo en comprobar, eternizándose as investigacións.

No conflito sirio, este ataque reflicte que os Estados Unidos non están dispostos a permitir que o governo dese país e os seus aliados derroten a oposición armada. A presenza crecente de tropas de Estados Unidos, así como dalgúns aliados seus, na loita contra o Estado Islámico así o demostran. Só contempla dous escenarios, ou un governo submiso en Damasco, ou a fragmentación de Siria. Tampouco parece casual que o conglomerado que se move arredor de Al Nusra, iniciase no último mes ofensivas no norte de Hama, en Deraa, e nos suburbios de Damasco, e que a acción norteamericana coincida no tempo coa derrota desta tentativa da oposición. Evidentemente, estas ofensivas serían imposíbeis sen recibir novo armamento (de Arabia Saudita, Qatar, etc…). Ao que cómpre sumar os bombardeos de Israel contra bases do governo, mesmo en zonas tan afastadas como Palmira, e na creación por parte de Turquía de campamentos de adestramento dos grupos armados no norte de Ibdil, despois de o exército de Erdogan verse freado no seu avance na provincia de Alepo.

Agora ben, o ataque ordenado por Trump para “defender os países civilizados”, hai que analizalo no contexto internacional para comprendelo. Así como na pretensión das clases dominantes norteamericanas, e dos seus socios e aliados, por manter unha distribución da riqueza e do poder que sempre lles sabe a pouco. Utilizan para iso o seu enorme poder militar, o control dos medios de información e da cultura de masas, e do sistema financeiro. Teñen capacidade para fabricar noticias e expandilas como certas, practicamente sen ser sometidas a contraste; as voces discordantes son medios minoritarios ou moi diabolizados, como RT. Non hai máis que lembrar a forte campaña previa en todo o mundo, dando por feito, sen ningunha investigación imparcial, que a aviación siria utilizara gas tóxico contra civís.

Esta acción táctica semella unha advertencia a Rusia. Porén, dado o momento elixido, parece dirixida sobre todo á maior potencia industrial do mundo. Non se pode considerar circunstancial que este ataque fose realizado poucas horas despois da reunión entre os presidentes de Estados Unidos e China en Florida, e que os resultados da mesma sexan descritos polos medios occidentais no senso de que “un abismo separa a Trump e Xi”.

En todo caso, a nova etapa dependerá de como responderán Rusia e China a esta advertencia armada, e a outras medidas anteriores e paralelas para garantir a primacía dos Estados Unidos (das súas clases dominantes). Putin describe o acto como unha agresión a un país soberano. Réstalle valor, ao considerala como un subterfuxio para agochar a morte de civís en Mosul pola aviación norteamericana. Pode que este reaxer tan morno sexa para non verse obrigado e seguir os tempos que marca o Pentágono. Agora ben, desta agresión, todo o mundo toma nota, sobre todo China, Rusia, Irán, etc. Por certo, non é a primeira vez que Washington envía unha mensaxe. Lembremos que en setembro do ano pasado a aviación norteamericana bombardeou o exército sirio en Deir Ezzor, causando a morte a máis de 80 militares, freando deste xeito a ofensiva contra Estado islámico. Aínda que daquela, nos modos de Obama e os demócratas utilizaron a escusa de que foi un erro. Trump é máis directo.

Este pulo cualitativo na confrontación entre as grandes potencias, no eido militar, que é onde os Estados Unidos e aliados, se senten máis fortes, fortalece a vía das guerras localizadas, e máis destrución nos países considerados adversarios do imperialismo. Aumentan asemade as tensións migratorias, os conflitos no campo económico, e dá folgos ao perigo sempre latente da utilización das armas nucleares. Todo por cobiza. E neste paso regresivo na humanidade, Trump fará o papel do vaqueiro, mais non se pode obviar que esta actitude foi alentada polos partidos demócrata e republicano, polas grandes corporacións, polos medios de comunicación hexemónicos, e mesmo conta co apoio dunha esquerda liberal e “progre”. Non foi unha arroutada, senón unha andaina funcional ao complexo militar industrial e á fracción hexemónica do capital nos Estados Unidos, na Unión Europea, Xapón, e outros aliados menores. Esta é a esencia do capitalismo, na súa versión neoliberal ou na reformista, depredadora coas clases subalternas, cos territorios máis débiles e dependentes, cos ecosistemas. Por iso crea o terrorismo de Al Qaeda e logo, cando non lle serve, o combate en Afganistán, para despois terminar sendo o seu aliado en Siria e Iemen. Os seus intereses económicos e xeoestratéxicos están por riba das persoas, da democracia, da vontade dos povos.

Artigo publicado en Sermos Galiza o 7-9 de abril de 2017