Hai medio século, un 21 de abril, producíase en Grecia o golpe dos coroneis. A represión e o recuar democrático que presaxiaban o golpe foron reflectidos con todo o seu dramatismo polo filme Z” que dirixiu no ano 1969 o realizador grego Costa-Gavras, exiliado en Francia. Era un cine comprometido coas clases populares e o filme sería galardoado con dous premios Óscar en 1970, á mellor montaxe (Françoise Bonnot), e ao mellor filme estranxeiro (foi realizado en Alxeria). Tamén foi premiado como mellor actor no Festival de Cannes en 1969, o seu protagonista Jean-Louis Trintignant.

Vin esta película por vez primeira na Arxentina, pouco tempo despois, durante a ditadura militar de Onganía, xunto con outros compañeiros e compañeiras de militancia clandestina, nun cine da rúa Corrientes de Bos Aires que se atrevía a proxectar este tipo de filmes, na espera de ser pechado en calquera momento polas autoridades. Lembro que me impresionou. Unha sensación que volvín ter con Daniel Viglietti, o cantautor uruguaio, cando o escoitei cantar por vez primeira “A desalambrar”, nun centro protestante tamén na capital da Arxentina. Repetiuse ese sentimento cando vin a película “A Batalla de Alxer” (1966), de Gillo Pontecorvo, e o filme “Os Compañeiros” de Mario Monicelli (1963), a crónica dunha folga obreira nunha fábrica téxtil de Turín a finais do século XIX protagonizada por Marcello Mastroianni.

A xunta militar estaría presidida polo coronel Georgios Papadopulos. A escusa do golpe e represión seica era evitar unha conspiración comunista, con medidas que se concretaban na detención inmediata de centos de personalidades políticas e a prohibición dos partidos. Un aspecto clarificador do extremismo represivo do novo governo foi a prohibición do pelo longo e da mini-saia.

Agora ben, a razón de fundo pra o levantamento militar era atallar un sentir social propicio á República, co que viña ameazando unha posíbel alianza do centro e da socialdemocracia, e un governo presidido por Papandreu. As grandes concentracións populares en Atenas, Salónica e outras cidades gregas predicían este desenlace. A monarquía estaba alarmada, e os Estados Unidos e a CIA non podían ollar impasíbeis un desprazamento de Grecia cara a esquerda, xa que debilitaría a estratexia da OTAN. Daquela, que o 21 de abril saísen ás rúas de Atenas os tanques do exército aproveitando a noite. Deste xeito impedíanse as eleccións. O governo estivo presidido polo maxistrado Kollias, e axiña encetaron as redadas contra opositores “subversivos” e “comunistas”.

Ate o ancián Papandreu foi detido e tratado sen miramentos. Non tardaría en morrer no seu domicilio. Grecia posúe, como se sabe, moitas illas. Algunhas delas convertéronse en cárceres” (Transformaciones, nº 36, Centro Editor de América Latina, Arxentina, 1972). O rei Constantino tampouco estaba contente co levantamento, porque lle limitaba o poder que tiña coa monarquía constitucional. Daquela que con apoio da Mariña de Guerra intentase un contragolpe que fracasou. Mesmo así, a ditadura tivo que confrontar cunha oposición constante polo que procurou gañar aceptación alentando o nacionalismo mediante a anexión de Chipre, no ano 1974. Un intento que non foi adiante pola intervención de Turquía e a creación na illa dunha República Turca do Norte de Chipre o 20 de xullo de 1974. Catro días máis tarde, chegaba a Atenas Konstantinos Karamanlís (o líder do partido conservador) nun avión fretado polo governo de Francia. Remataba deste xeito a ditadura militar na Grecia, deixando en evidencia os consentimentos e límites impostos dende os exterior. Pouco despois, os golpistas serían xulgados e condenados. Os seus simpatizantes fundaron en 1980 un grupo do que xurdiría o actual partido de extrema dereita Amencer Dourado.

Artigo publicado en La Región o 4 de abril de 2017