O pasado fin de semana, co gallo do 60 aniversario do Tratado de Roma, os 27 países que quedan despois da segura saída do Reino Unido, prometen rectificacións e un maior pulo para construír un futuro feliz. Fano porque saben do descontente da maior parte dos pobos que integran a Unión, como reflicten todas as enquisas. É a resposta ás gaiolas económicas e legais que construíron para lle restar capacidade de decisión ás clases populares, coa axuda da burocracia europea. Como non abonda, agora dan folgos á liturxia do medo, para evitar que o esfarelamento da UE sexa maior.

Malia que non concretan as medidas, para negociar e decidir á marxe do pobo, todo indica que as decisións que se van a tomar serán transcendentais. Ou sexa, que afectarán todos os aspectos da vida das persoas na UE, dende o económico ate o social e cultural, e moi especialmente as normas democráticas. Polo que o xusto e razoábel sería que se abrise un intenso debate coa participación dos/as cidadás en cada estado da UE, e posteriormente realizar referendos nos que se deberían aprobar ou rexeitar as modificacións que se están a anunciar. Non se pode permitir que decisións fundamentais para o presente e o futuro se tomen á marxe do sentir popular. Non se pode admitir que organismos como a Comisión Europea ou o Banco Central Europeo non rendan contas diante das institucións electas por votación popular. E, ademais, o Parlamento europeo non ten a lexitimidade necesaria, xa que se trata dunha institución vista pola sociedade como lonxana, carente de efectividade, unha mascara para unha democracia baleira de contido.

Na Unión Europea os poderes reais son os lobbys empresariais e as Bolsas, ou sexa unha minoría constituída polas grandes fortunas e directivos de corporacións, que son os que deciden acotío nas institucións políticas e económicas. As/os cidadáns só son consultadas cada catro anos sobre temas secundarios, de trámite. Na práctica, existe un simulacro de democracia, que só mantén as formas, mais que carece de capacidade para servir o pobo, unha finalidade que se lle atribúe no papel.

Como proba do dito, temos que a UE a varias velocidades aprobada en Roma, asinada polos máximos dirixentes dos 27 estados, non foi debatida previamente en ningures. Aínda que se pode constatar que este é o modelo existente. É certo. Mais a novidade, o cambio cualitativo, é que este proxecto das elites agora quérese reforzar, renunciando deste xeito tamén no papel ao obxectivo de eliminar a fenda da desigualdade. Asemade, e isto é o grave, seica se pretende aumentar a concentración de poder político e económico na Comisión Europea. Seica, os da primeira liña, os socios privilexiados de Alemaña, estarían dispostos a aceptar un modelo común de relacións laborais, finanzas, etc. Completaríase así un estado federal, onde a soberanía real e formal estaría centralizada na Comisión Europea, e controlada por Alemaña, e totalmente afastada das clases populares.

A pregunta é: por que se responde baleirando de competencias os estados integrados, cando o medre da desigualdade social e territorial, o débil crecemento do PIB, así como o aumento das tensións internas, a saída do Reino Unido, e o medre do desconte social cuestionan a existencia da UE? Ante todo, porque un paso atrás significa un retroceso no proceso de globalización neoliberal, ou sexa, no avance da concentración e centralización do poder e da riqueza, en beneficio da fracción do capital ligada coa financiarización, as novas tecnoloxías da información, o complexo industrial-militar, etc. Daquela que, malia que se deixa aberta a posibilidade de que existan varias velocidades no proceso, resulta evidente que a pretensión é acelerar a integración da periferia (subordinación). Isto será válido tanto agora, baixo a ameaza de ficar nunha situación residual no futuro respecto da locomotora, como despois, mediante mecanismos económicos e políticos que van premiar e castigar segundo o grao de submisión ou rexeitamento ás decisións ditadas por Bruxelas. Non hai un cambio de obxectivos na UE por parte das clases dominantes, só unha mudanza de tácticas.

Para esta estratexia da fracción hexemónica do capital, a saída do Reino Unido é un retroceso e un mal exemplo, que podería ser seguido por outros estados. Máxime cando os argumentos para condenar a saída son contraditorios. Por unha banda se dixo ate o cansazo que só o anuncio do Brexit ía provocar un recuar do PIB, unha caída da bolsa e da libra espectaculares. Algo que non aconteceu ou foi moito menor do anunciado pola prensa sistémica. Ademais, o debate sobre a cuestión migratoria, amosa unha realidade ben distinta. Concretamente, hai 3.300.000 inmigrantes da UE no Reino Unido contra 1.300.000 de británicos/as no continente. O diferencial a prol do Reino Unido é considerábel, e ninguén emigra onde falta traballo ou a economía está en retroceso. Ademais, este comportamento positivo en materia de emprego non está á marxe de que os británicos manteñan moeda propia, co que isto implica en capacidade de decisión sobre a economía.

A UE tamén reflicte un grao de debilidade importante no feito de ameazar o Reino Unido con impoñerlle unha compensación de 60 mil millóns de euros pola saída. Evidentemente, tanto co obxectivo de amosar a tarxeta vermella a outros que queiran seguir o seu exemplo, como para facerlle pagar os gastos burocráticos da UE durante anos aínda que non se beneficie deles. Deste xeito quere ralentizar ou darlle un carácter progresivo ao aumento das transferencias por parte dos estados que se manteñen na Unión, nun momento tan complexo en materia de débeda pública e déficit orzamentario en moitos deles. Ademais, lembremos que por outra banda, Trump está a premer para que se aumente ate o 2% o gasto militar na OTAN. Son moitas frontes abertas para a Comisión Europea.

Daquela que a futuro feliz semelle un espellismo. Máis do mesmo e en maior cantidade, só pode producir un aumento das desigualdades, das contradicións, do desconte social, e da tensión entre estados. O éxito económico das grandes fortunas e altos directivos, confirma un capitalismo na súa etapa senil, delituosa, guerreira, de retroceso á lei da selva.

Artigo publicado en Galicia Hoxe o 3 de abril de 2017