O pasado mes de novembro de 2016, morría aos 90 anos Fidel Castro, o líder da Revolución Cubana. Foi sen dúbida unha das figuras máis relevantes no ámbito político mundial desde que o Exército Rebelde entrou na Habana. Sería apoiado nesta conquista final pola folga xeral revolucionaria entre o 2 e 6 de xaneiro de 1959, conseguindo que o día 8 se implantase un Governo popular. A biografía de Fidel Castro Ruz está indisolubelmente ligada á defensa da independencia nacional de Cuba, secularmente ameazada polo imperialismo estadounidense, á loita contra a ditadura de Batista, e á construción dunha sociedade xusta e solidaria.

Durante o século XX houbo outras revolucións senlleiras para rematar coa explotación e a opresión. Como por exemplo, a Revolución Rusa, a guerra popular en China, a emancipación de Alxeria, a liberación de Vietnam. Todos estes procesos triunfantes déronse en contextos moi distintos, e foron consecuencia da maduración de suxeitos sociais e políticos que respondían obxectivamente á agudización das contradicións existentes e do estado de ánimo das clases populares. Ningún foi unha copia. Aínda que existían entre eles principios e obxectivos comúns souberon aprender da experiencia histórica propia e da doutros países.

A Revolución Cubana ten un interese especial para o movemento nacional popular galego. Primeiro porque é o único país onde a socialización do aparello produtivo se mantén pola vontade do povo, malia todos os atrancos, máxime tendo en consideración a súa situación xeográfica, o tamaño do país, e o bloqueo económico. Tamén ten interese para nós, polo feito de que Cuba recibiu unha importante emigración galega, sendo o propio Fidel Castro fillo dun galego. Por outra banda, alí xurdiron iniciativas a prol da defensa da identidade nacional galega, como son a bandeira e a Academia da Lingua. Asemade, Neira Vilas lembra que “temos rexistrado máis de cento vinte paisanos mambises que loitaron polos idearios independentistas” (Galicia e América, Consello da Cultura Galega, 1992).

Socialismo participativo

O modelo cubano de socialismo é distinto, en comparación con outros desa etapa histórica. Comprobeino como convidado da Central de Traballadores de Cuba, en momentos tan duros como o ano 1994, con motivo da Asemblea Nacional do Poder Popular. Esta reunírase para debater a grave situación económica xerada pola caída da URSS. Escribira daquela sobre iso nun artigo en A Nosa Terra: “Respecto do apoio ao governo, a oposición di que cada día é menor. Pero manifestacións coma a de Pinar del Rio, con 70-100.000 persoas percorrendo as rúas da cidade de aspecto colonial con miles de carteis persoais, feitos a man cun anaco de papel ou cartón, nos que se apoia a revolución e o socialismo, indican que unha inmensa parte da poboación aínda que proteste (ten motivos para iso) segue pensando que isto é mellor que voltar baixo a hexemonía norte-americana ou das gadoupas dos grandes capitalistas exiliados en Miami”.

Para alén das dificultades, e mesmo dos erros, o proceso revolucionario en Cuba sempre alentou a participación da poboación, limitando así os efectos da burocratización, que están presentes sempre ao asumir tarefas de governo. No Congreso da CTC, coa presencia durante os tres días que durou o evento de Fidel e parte do Governo atendendo as críticas e dando respostas, vanse debullando os problemas de Cuba, os resultados económicos e as tarefas por realizar. Fálase abertamente, sen ambigüidades, con palabras sinxelas e referencias decote a dados concretos. Exemplo desta claridade é cando Fidel, nunha intervención, fai referencia a que todos os cubanos teñen hoxe bicicletas, e un murmurio de contestación percorre os 2.000 delegados sindicais ao Congreso, obrigándoo a rectificar por un “case todos”” (A Nosa Terra, maio de 1996). Ese confronto de ideas e valoracións aberto e construtivo segue vivo na actualidade.

A solidariedade internacionalista

Outro dos aspectos a salientar da Revolución Cubana é a solidariedade internacionalista. Esta manifestouse especialmente cos procesos de liberación, mais tamén mediante a axuda humanitaria a moitos países do mundo en dificultades, especialmente no eido da saúde e da educación. Esta política mantívose mesmo en momentos de tantas penurias para Cuba como o Período Especial posterior á caída da URSS. Destaca o apoio militar a Angola, para garantir a súa independencia, que se alargou durante un período de 16 anos (1975-1991). A axuda cubana a este país contribuíu decisivamente á independencia de Namibia e Cimbabue, e a acelerar a liquidación do apartheid en Suráfrica. Tampouco se pode esquecer a colaboración militar co governo socialista de Etiopía (1977-1988), fronte á invasión somalí apoiada por Washington.

Desde que en 1963, ano no que partiu a primeira brigada médica cubana para Alxeria en misión internacionalista, ate o ano 2104, foron 131.933 profesionais da saúde os que realizaron unha misión semellante, nunha morea de países necesitados de axuda. Por exemplo, no ano 2005 eran uns 25 mil en 64 estados, e no ano 2014 atinxían os 50 mil, dos que a metade eran médicos/as. As misións solidarias dánse ademais noutros ámbitos, como o educativo, aínda que con menor intensidade. Asemade, no ano 2005 estudaban con beca en Cuba 11.000 persoas de 83 países en 46 centros de ensino superior e 64 centros de investigación. A isto debemos sumar os milleiros de persoas, especialmente de América latina, que van á illa para recibir atención médica, por exemplo por cataratas.

Cuba no debate do modelo

A Revolución Cubana alentou un debate non dogmático, tanto sobre a folla de ruta como no relativo ao modelo de socialismo. E neste aspecto, tiveron un papel destacado o Che Guevara e moi especialmente Fidel Castro. Hai cando menos catro temas e momentos a destacar: a importancia da independencia nacional no proceso de emancipación popular; non aceptar a coexistencia pacífica alentada por Khrushchev, dando pulo á Tricontinental e á súa consigna “crear un dous, tres, varios Vietnam” que tanto incidiu nas loitas a prol da liberación na América Latina; a aposta pola viabilidade do socialismo malia a caída da URSS e dos países do leste; e na actualidade, o debate encol do socialismo posíbel neste tempo histórico. Daquela a morea de análises e artigos sobre cuestións como a propiedade, a dobre moeda, a sindicalización dos asalariados/as que dependen dos “cuentapropistas”, a valorización do traballo, e os retos das relacións cos Estados Unidos.

A respecto destes temas centrais, cómpre destacar que, ademais de considerar a loita de clases como contradición fundamental, o Partido Comunista de Cuba deulle sempre un gran valor á soberanía nacional. Isto ten base na colonización española e a longa guerra de liberación, e a opresiva dependencia posterior dos Estados Unidos. Daquela que no xuízo polo asalto ao Moncada: “Fidel non denunciou o capitalismo. El e algúns dos seus compañeiros (en particular Abel Santamaría, mártir do Moncada e segundo no movemento) tiñan lecturas marxistas e respecto polas ideas socialistas (…) A ideoloxía dominante no Movemento revolucionario 26 de Xullo era de tipo nacionalista” (Fidel Castro, la revolución cubana, Marcos Winocur, Historia de América, Centro Editor de América Latina, 1972, Arxentina).

RECADRO ESPECIAL

Galiza e a Revolución Cubana

Os galegos forman parte da Revolución cubana, tanto porque nesta participan algúns paisanos, como moitos dos seus descendentes. Tal é o caso de Fidel e Raúl Castro, Frank País, Manuel Piñeiro Losada (Barbarroja), Pedro Trigo, os irmáns Santamaría e os irmáns Ameijeiras, etc.

Asemade o nacionalismo galego estará relacionado antes e despois con este feito transcendental. Elixio Rodríguez coméntanos no seu libro “Matádeo mañá” (Edicións Xerais) como o galeguismo relacionouse moi cedo cos revolucionarios: “introduciume ao pechado clan dos cubanos o meu amigo e famoso coronel da aviación republicana Alberto Bayo”. Refírese ao período preparatorio da invasión en México. Pola súa banda, Luís Soto lembra no seu libro Castelao, a UPG e outras memorias” que participou destas relacións.

Na revolución tamén participaron activamente algúns galegos de nacemento. Tal é o caso dos irmáns José, Faustino e Manuel Díaz (este último foi membro do Comité Central do partido Comunista de Cuba durante vinte e un anos). Naceron na Pobra de Brollón. José morreu en Sierra Maestra, e os outros dous combateron ademais en Angola. O número de galegos e galegas non foi maior porque boa parte dos que emigraban non estaban casados, ou non levaban a familia, ou tiñan unha idade avanzada.

Asemade, a revolución cubana incidiu no secuestro en 1961 do Santa Maria por un grupo de galegos e portugueses, que pretendían alentar un levantamento nas colonias portuguesas de África, e deste xeito acelerar a caída das ditaduras de Salazar e Franco. Todo indica que foi Xosé Velo, quen fora secretario das Mocidades Galeguistas, o líder desta operación.

Artigo publicado en Comprendermos (Sermos Galiza) do 30 de marzo de 2017