Por máis que o intente a burocracia de Bruxelas, tan ben pagada, e tan esencial para que as grandes corporacións e fortunas manteñan a hexemonía, a celebración do 60 aniversario do Tratado de Roma, do que naceu a Unión Europea, non dará máis folgos á globalización neoliberal. Tanto porque as previsións de medre do PIB son modestas, como porque as diverxencias entre os estados que a integran, son cada vez fortes. O triunfo do Brexit é unha demostración práctica, máxime tratándose dun socio tan importante da Unión (e o primeiro no eido financeiro).

As diverxencias son igual de fortes con Grecia, por mor dun axuste que destrúe o país, ou con Hungría e todo o Grupo Visegrád como consecuencia da política respecto dos refuxiados. Por se non abondase, todas as enquisas reflicten que cada vez son menos os/as europeos que confían na UE, xa que é sinónimo de precariedade laboral e desigualdade social e territorial. Estes aspectos son de moita maior transcendencia que o Brexit, porque amosan que se trata dun proxecto incapaz de ilusionar, que só se mantén polos medos que se sementan dende as estruturas de poder económico e político. Por iso necesitan poñerlle atrancos ao Brexit e que non se consolide. É un mal exemplo.

Para a maioría, a UE está queimada como alternativa! Iso non quer dicir que non se manteña como proxecto, porque para mudar a realidade non chega con que as contradicións sexan moi fortes, cómpre que exista un suxeito político capaz de confrontar e ofrecer unha alternativa liberadora. E polo momento reina a fragmentación nos obxectivos, e por suposto os conservadores ingleses ou a dereita populista europea non son unha solución. Asemade, malia que a economía, o emprego, e a defensa dos intereses nacionais, son os problemas máis importantes para a xente (ou sexa a loita de clases e a cuestión nacional), tal como se reflicte en todas as enquisas, os medios colocan en primeiro plano a competitividade e as problemáticas centradas nas identidades subxectivas. Mais a unidade por abaixo só se pode construír sobre a base das contradicións principais, polo que, sen xerarquizar prioridades, non haberá cambio sistémico.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 30 de marzo de 2017