Sendo verdade que se están a acelerar os cambios na produción, non se pode ignorar que o avance tecnolóxico, a chamada revolución da información e da robotización, hai tempo que comezou, e xa podemos tirar algunhas ensinanzas deste período. Lembremos que cando se iniciou había quen teorizaba sobre o fin do traballo, e desde a socialdemocracia europea, augurábase un mundo de lecer. Porén, nunca traballou tanta xente. E ademais, a xornada laboral media, segundo o sector e o país, ou se estancou ou se ampliou. Non chegou o fin do traballo. Outra cuestión é como se reparte este no mundo, e dentro de cada nación.

Na Galiza e noutros países da periferia da UE, durante a crise (ou axuste) aumentou o desemprego, e en paralelo a precariedade, a temporalidade. Á vez, medrou a xornada laboral, os salarios perderon capacidade adquisitiva e apareceron os falsos autónomos. Os ingresos do traballo foron a menos no PIB, e o capital conquistou ese espazo, mesmo superando as rendas salariais, malia que estas últimas corresponden a máis do 80% da povoación ocupada. Estas tendencias regresivas na Unión Europea débense en boa medida á deslocalización empresarial, a un menor investimento privado, á globalización neoliberal, e ás políticas de axuste no sector público. Estas últimas están ligadas coas achegas para salvar a banca, mais tamén coa menor carga impositiva ás empresas, grandes fortunas e altos salarios, e non por mor da innovación tecnolóxica. En poucas palabras, os retrocesos laborais, sociais e democráticos son resultado dunha correlación de forzas moi desfavorábel para as clases populares e ás nacións dependentes. Unha situación moi distinta da que existiu na década dos sesenta e setenta do século pasado, cando tamén houbo grandes avances científico-técnicos.

Agora ben, os retrocesos sociais, dende o aumento do desemprego ate o medre da desigualdade, debéronse fundamentalmente á globalización neoliberal (ao capitalismo-imperialismo) e non aos avances tecnolóxicos. Se houbese un sistema económico e social ao servizo do povo, abondaría con aproveitar o aumento da produtividade e eficiencia polo avance científico-técnico para rebaixar a xornada laboral de inmediato e progresivamente. Deste xeito habería unha distribución do emprego máis acaída (evitando o cancro do paro) e revertería nunha mellora das condicións de vida da povoación, que tería máis tempo para o lecer e a convivencia familiar. Tamén se debería xerar emprego en sectores que necesitan dunha atención urxente, como é o caso das persoas dependentes, ben sexa por idade ou por calquera tipo de doenza.

Non se tomaron estas medidas progresistas, malia que era posíbel facelo sen perder capacidade produtiva. Ao contrario, ampliouse a xornada e aumentaron os ritmos de traballo, mesmo en países con incorporación masiva de tecnoloxía. Por outra banda, o necesario avance tecnolóxico utilízase para meter medo relacionándoo coa idea de que causará un gran aumento do paro, sen que existan solucións inmediatas. Aínda que se ven obrigados a recoñecer que os efectos poden ser “corrixidos polo mercado” co tempo, como en procesos anteriores (ignorando o papel da clase obreira neste proceso). Debúxase un escenario catastrófico imposíbel de evitar, coa finalidade de que a clase traballadora acepte todo tipo de sacrificios para impedir o naufraxio, desde un aumento da xornada ate salarios máis baixos. Todo isto co obxectivo evidente de optimizar ao máximo os beneficios do capital, mesmo a costa dun medre da pobreza e da desigualdade.

Hai medios que afirman que os efectos sobre o emprego serán inmediatos e terán un carácter ascendente. Porén, estas afirmacións non se corresponden coas políticas da Unión Europea nesta materia. Merkel alentou a entrada no último ano de máis dun millón de “refuxiados e refuxiadas”, seguindo a solicitude da patronal que dicía carecer de oferta para 800 mil empregos en Alemaña. Evidentemente a entrada masiva de emigrantes tiña como obxectivo captar man de obra barata e preparada (e desesperada), non era por solidariedade. Tal é así que cando viu que o mercado interno non os daba absorbido, que o proceso de incorporación era complexo e que aumentaban as protestas, optou por redistribuílos noutros países. E ante a oposición belixerante dalgúns governos, ao final pecháronse as fronteiras da Unión Europea. O custe para Alemaña en 2016 foi de 20 mil millóns de euros.

En resumo. Os avances tecnolóxicos non son por definición prexudiciais para o emprego. Teñen un efecto regresivo cando están baixo o control exclusivo dunha minoría que os utiliza para servir os seus intereses. Por outra banda, malia a robotización crecente, a produtividade está a medrar a un ritmo máis baixo, co que isto implica en relación ao emprego. Segundo a economista Paula Bach no seu artigo ¿Revolución de la robótica o estancamiento de la productividad? en Izquierda Diario: “Aínda que a produtividade por suposto incrementouse durante as últimas décadas, o seu crecemento vénse desenvolvendo a un ritmo decrecente (…) a produtividade engadida dos países do G7 marca unha tendencia descendente contraendo o seu ritmo de crecemento ate o 2,5 % durante a década dos 70 en comparanza cun valor próximo ao 4 % atinxido durante a década dos 60 e chegando posteriormente rente do 1 % durante a década dos 2000.”i Pola súa banda, Daniel Vaz de Carvalho dá outros dados algo distintos sobre a cuestión: “A aceleração do desenvolvimento tecnológico na segunda metade do século XX deu origem a um enorme crescimento do capital fixo investido por posto de trabalho (nos últimos 40 anos do século XX terá sido multiplicado por 10). O que coloca problemas quer económicos, pelos montantes necessários para concretizar a chamada “4ª revolução industrial”, quer sociais pelo desemprego que origina”ii.

En todo caso, para alén do debate sobre os efectos a medio e curto prazo, a historia reflicte que as transformacións causadas polos avances tecnolóxicos, no fundamental permitiron melloras nas condicións de vida, que se terminaron ampliando á maioría social. No último século este alargamento dos efectos beneficiosos do progreso científico-técnico conquistouno a clase traballadora mediante a folga e a mobilización, co debate das ideas, cun proxecto liberador, coa organización, e con moitos sacrificios e heroísmos. Poñer a tecnoloxía ao servizo do povo, evitando efectos perversos, como o do desemprego nos sectores máis afectados pola robotización, non será un regalo do capital.

ihttp://www.laizquierdadiario.com/Revolucion-de-la-robotica-o-estancamiento-de-la-productividad

iihttp://resistir.info/v_carvalho/forma_modo_producao.html

Artigo publicado en Sermos Galiza 21-24 de marzo de 2017