Economía e igualdade de xénero

Marzo 23rd, 2017  |  Published in| the_category economía, sociedade, traballo

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Un documento do Fundo Monetario Internacional (FMI) destaca que a igualdade entre homes e mulleres fortalece a economía. Aporta un argumento máis para rexeitar todo tipo de discriminación de xénero. Aínda que, para alén desta valoración, tampouco pode existir un trato desigual por motivos de raza, orixe, etc. Isto é o fundamental, o xusto. No traballo só se deben considerar os aspectos profesionais. Engade o FMI que a incorporación da muller á empresa compensa o avellentamento da poboación, algo obvio.

Ese mesmo argumento pódese aplicar aos ingresos por sectores, empresas, países, medio rural e urbano, idade, tipo de contrato. Segundo a reflexión do FMI tamén nestes casos, a salarios igualitarios teríamos maior produtividade. Sendo así, como sempre defendeu o sindicalismo e a esquerda, non se entende porque o FMI e outros organismos internacionais alentan o axuste, a precarización e os baixos salarios, que fortalecen a desigualdade. A menos que esta institución faga valoracións á carta, e aposte exclusivamente pola igualdade salarial entre homes e mulleres, mentres se rebaixan os salarios globalmente e se aumentan as desigualdades en todos os demais sentidos. Ou sexa, como afirmaba criticamente a secretaria da muller da CIG, no Día Internacional da Muller Traballadora, estaríase a facer a igualdade por abaixo, reducindo as condicións laborais.

Chama a atención que o FMI demorase tanto tempo en recoñecer dun xeito tan claro o papel da muller no mundo do traballo. Non lle dá moito prestixio á institución que durante décadas pechase os ollos diante da discriminación salarial e a pouca presenza das mulleres na dirección das empresas. Este cambio de postura non parece que se deba a un ataque de igualdade e solidariedade, vendo a actitude que ten con Grecia, por poñer un exemplo. Ademais, en paralelo, anúnciase un crecemento do desemprego pola robotización, empúrrase a pobos enteiros á emigración (aumentando a man de obra de reserva), e impóñense políticas de axuste. Son mensaxes contraditorias, a menos que se vinculen cunha rebaixa da xornada e salarios dignos. Non vexo o FMI en confrontación co capitalismo.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 23 de marzo de 2017

Os comentarios están pechados.