Segundo denuncian os sindicatos, o pasado ano a Seguridade Social tivo un burato duns 19 mil millóns de euros no Estado español (existe unha caixa única). Destes, 10 mil millóns foron causados polo déficit de réximes especiais, as subvenciona á contratación e aos autónomos/as, e a xestión burocrática do sistema. A isto hai que engadir a fraude pola que moitos empresarios e empresarias non pagan as horas extras nen as cotizacións correspondentes das persoas contratadas, e sobre todo a caída dos salarios. En poucas palabras, semella que existe a intención de deteriorar o sistema e terminar co Fundo de Reserva para crear unha situación na que a redución das pensións se vexa como a única saída, e que os que podan opten por sistemas privados complementares.

Se os salarios se mantivesen en relación co medre da produtividade, se se eliminasen as subvencións nas cotas da Seguridade Social e o tope máximo das cotizacións (3.751 euros mensuais), e se aumentase o salario mínimo, non existiría déficit e o Fundo de Reserva non estaría a punto se esgotar. Por outra banda, sería lóxico que as pensións de viuvez e orfandade se pagasen con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, como se fai agora coas pensións non contributivas, ou mediante un imposto especial. Tamén é necesario desvincular as pensións que corresponden aos asalariados/as, das que derivan dos ingresos e gastos dos autónomos, xa que responden a historias e realidades moi distintas.

Non se pode pensar que o Goberno non sabía cales ían ser os resultados da súa política económica e laboral sobre as pensións. Non volveu a cabeza para outro lado por casualidade, facendo unha e outra vez como se o problema non existise, gastando cada ano 2.500 millóns en subvencións á contratación e aos autónomos, a custe dos ingresos do sistema. Non o fixo por ignorancia… Hai ducias de técnicos cualificados na administración do Estado. O debate sobre as pensións non está á marxe das condicións laborais da clase traballadora, xa que se trata dun sistema de solidariedade interxeracional. A situación actual é consecuencia deste modelo que favorece aos máis ricos, extraendo lucro de todos lados.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 16 de marzo de 2017