A deriva dos partidos de esquerda

Marzo 11th, 2017  |  Published in| the_category globalizacion, neoliberalismo, soberania, traballo

Os resultados electorais e as enquisas en varios países europeos reflicten o afastamento da clase obreira respecto dos partidos de esquerda, aos que desde a súa orixe nutriron de militantes, alimentaron as mobilizacións que convocaban e aos que confiaron o seu voto. Este proceso pode ser comprensíbel en relación coa socialdemocracia, mais amosa eivas de maior fondura, xa que tamén atinxe ás distintas variantes ou derivacións dos partidos comunistas e de forzas de liberación nacional e social, agás contadas excepcións. Esta ruptura entre a clase obreira e a esquerda maniféstase con maior forza nos países centrais do sistema, tal como se reflectiu por exemplo na votación do Brexit no Reino Unido ou nas eleccións norteamericanas.

Unha tendencia semellante amosan as enquisas en relación coas vindeiras eleccións en Francia. Algo de enorme valor simbólico, porque se trata da segunda economía da UE e e dun país no que a clase traballadora amosa o maior grao de mobilización dos estados da OCDE. Entre 2005 e 2013, a media de xornadas de folga por cada 1.000 traballadores/as foi de 132 en Francia, mentres que no Estado español era de 63, e nos Estados Unidos, 8 xornadas. Segundo a enquisa Cevipofi, o 42% da clase obreira e o 39% dos empregados/as en Francia non pensa votar. E entre os que o farían, un 44% dos primeiros e un 35% dos segundos optaría pola Fronte Nacional, un partido da extrema dereita. Sen dúbida, que o establishment caracterice a FN como antisistémica axudou bastante para acentuar esa intención de voto. Do mesmo xeito que a preocupación polo futuro do emprego e os ingresos, diante da deslocalización, da robotización e do medre da man de obra de reserva (inmigración).

O argumento de que a clase traballadora francesa, ou calquera outra, se acomodou, contradí a realidade. Máxime cando os dereitos e as condicións laborais e salarios están a recuar con rapidez, e as expectativas son preocupantes. Esta argumentación simplista quere salvar a responsabilidade política dos partidos de esquerda, para xustificar o seu abandono da centralidade da cuestión de clase. Daquela o releve que se lle dá á fragmentación da clase traballadora, á perda de importancia numérica do movemento obreiro (que artificiosamente reducen ao sector industrial), e a poñer énfase especial na urxencia doutras problemáticas sociais.

Nun artigo de Michael Verbauwhedeii sobre o libro do sociólogo Julian Mischi, “O comunismo desarmado. O PC francés e as clases populares desde 1970” destaca: “Segundo Julian Mischi, o PCF tiña un papel de “portavoz” da clase obreira. Todas as clases populares podían identificarse con ela. O papel do PCF, que pon en primeiro plano a voceiros obreiros é crucial para a toma de conciencia da propia clase”. Escribe logo: “A partir de 1980 e sobre todo a partir 1990, o PCF aspira a representar non só as clases populares, se non a Francia na súa “diversidade”. A lectura da sociedade en termos de clase desaparece detrás de temas como a “participación cidadá” ou a recreación dos “vínculos sociais” (…) O PCF abandona gradualmente a referencia á clase obreira, aos mecanismos de promoción de obreiros no seo do Partido, ao esforzo de destacar a obreiros nos postos dirixentes e como portavoces públicos” (…) A “política de cadros” -un sistema de formación que favorecía aos militantes obreiros das empresas- apágase progresivamente. Para a renovación do partido, discútese principalmente do rexuvenecemento e a feminización. Cando se fala de “diversidade social” nunca se trata da promoción explícita de activistas procedentes das clases populares”.

Pola súa banda, a filósofa feminista norteamericana Nancy Fraser valora deste xeito este proceso, que nos Estados Unidos comezou con Bill Clintoniii: Durante todos os anos nos que se abría un cráter tras outro na súa industria manufactureira, o país estaba animado e entretido por un rebumbio de “diversidade”, “empoderamento” e “non-discriminación”. Identificando “progreso” con meritocracia no canto de igualdade, con eses termos equiparábase a “emancipación” co ascenso dunha pequena elite de mulleres “talentosas”, minorías e gays na xerarquía empresarial do quen gaña, fica con todo, no canto de coa abolición desta última. Esa comprensión liberal-individualista do “progreso” veu gradualmente reemprazar a comprensión anticapitalista -máis abranxente, antixerárquica, igualitaria e sensíbel á clase social- da emancipación que florecera nos anos 60 e 70. Cando a Nova Esquerda minguou, a súa crítica estrutural da sociedade capitalista murchou, e o esquema mental liberal-individualista tradicional do país reafirmouse a si mesmo á vez que se contraían as aspiracións dos “progresistas” e dos sedicentes esquerdistas. Pero o que selou o acordo foi a coincidencia desta evolución co auxe do neoliberalismo. Un partido inclinado a liberalizar a economía capitalista atopou o seu compañeiro perfecto nun feminismo empresarial centrado na “vontade de dirixir” do leaning in ou en “romper o teito de cristal””.

Esta ruptura das clases populares, e sobre todo da clase obreira, coa esquerda política, exprésase tanto na abstención como na procura dun “salvador supremo”, e débese a que os partidos que a representaban, abandonaron ou relegaron a un segundo plano a loita contra a explotación. Este afastamento óllase na baixa ou nula participación da clase obreira que aínda milita, nas xuntanzas e actos partidarios. Contribuíu moito a esta situación que a dirección dos mesmos estea constituída case exclusivamente por aqueles/as que proveñen da clase traballadora acomodada, profesionais, ou persoas sen relación directa coa explotación laboral (que se dá especialmente no sector privado). A sensibilidade de clase foi devecendo. Tamén pesa de seu, a hexemonía do neoliberalismo no eido das ideas, e a derrota que significou a caída do socialismo real. Mesmo así, non existe xustificación posíbel, xa que a explotación laboral medra acotío, e a clase traballadora nunca tivo un peso proporcional tan grande no mundo do traballo, na contribución fiscal, e a través do salario diferido (pensións). Podemos afirmar que para a esquerda, a clase obreira é invisíbel, aínda que as mobilizacións masivas e a maioría das manifestacións e actos de protesta a teñan como protagonista. A esquerda que queira exercer como tal, tamén a nacionalista, terá que se poñer as pilas. Deberá volver ás súas orixes, se non quere ser sepultada pola historia ou ter un papel residual na confrontación política.

iiihttp://www.cig.gal/nova/eua-o-final-do-neoliberalismo-progresista.html

Artigo publicado en Sermos Galiza o 7-11 de marzo de 2017

Os comentarios están pechados.