O espellismo da renda básica

Marzo 10th, 2017  |  Published in| the_category economía, traballo

A medida que nos países do centro do sistema capitalista aumentan o desemprego e a precariedade, redúcese a capacidade adquisitiva dos salarios. E nun contexto de repregue sindical e da esquerda, medran as propostas salvadoras de redistribución por abaixo, que non confrontan coas clases dominantes. Este é o caso da renda básica universal ou variantes deste tipo de subvencións públicas sen contrapartidas. A proposta base é a de dar unha renda a todas as persoas que viven nun país, que variaría entre os 1.000 e 500 Euros no Estado español (EE) segundo o grao de utopía de quen a formule. Algunha destas iniciativas diferencia tamén o ingreso segundo a idade. Trátase de contías considerábeis, que nen estados da UE con rendas que triplican a do EE están dispostos a levar adiante.

Sobre a orixe desta medida, dinos nun artigo Zamora Vargas: “Sen dúbida, poucos defensores actuais da renda básica universal sábeno, pero a versión moderna desta idea provén, entre outros, da alternativa ao estado de benestar que popularizou Milton Friedman en 1962 no seu famoso libro Capitalismo e Liberdade, e, de maneira máis ampla en 1980, en Liberdade de elixir. A súa alternativa é o imposto negativo. Aínda que non inventou este sistema, axudou en gran medida a popularizar a fórmula. A idea é relativamente simple: o Estado proporcionaría un subsidio (é dicir un imposto negativo sobre a renda) sobre unha base individual a toda persoa que se atope por baixo dun determinado limiar. Isto significa concretamente que por baixo dun certo nivel de ingresos, o estado dáche diñeiro co fin de proporcionar unha base mínima de ingresos. E non diferencia entre aqueles que están a traballar ou non, entre quen o “merece” ou “non o merecen, todo o mundo ten dereito, por baixo do limiar, a un suplemento do goberno. Por suposto, para Milton Friedman, isto acompáñase do fin dos servizos públicos” (http://www.jaimelago.org/node/106)

A proposta actual de renda mínima vai máis alá, e beneficiaría a todas as persoas, para alén de que teñan ou non outros ingresos. Mesmo que se puxese un tope, percibiríana persoas que non están dispostas a realizar ningún esforzo en beneficio da sociedade, co exclusivo argumento de que teñen dereito a vivir de acordo coas súas preferencias. Ou sexa, desalenta o traballo. Hai quen di que faría subir os salarios, sen ter en consideración que se alargaría o traballo en negro e a inmigración ilegal. No entanto, resulta xusta e necesaria unha achega deste tipo cando se trata de persoas que por idade ou algún xénero de discapacidade non poden ou non deben realizar actividades laborais. Por outra banda, unha subvención para todas as persoas que residan no territorio, provocaría unha riada inmigratoria. Non habería valla que o evitase, tendo en consideración a situación no mundo. Dirase que isto é propio dun estado ou país solidario. Vale. Mais quen pagaría esta renda básica universal? Este é un aspecto central e dos máis polémicos que presenta este tipo de alternativas.

Vexamos. Mesmo aumentando a presión fiscal, a tendencia actual no EE, na UE, e na maior parte dos países do planeta, reflicte un retroceso impositivo sobre as empresas e autónomos/as, grandes fortunas, e os salarios máis altos. Así como un aumento dos impostos indirectos (IVE, impostos especiais, etc.), e unha redución das prestacións e subvencións públicas básicas (ensino, sanidade, desemprego, pensións, dependencia, etc.) que se traduce nun medre do gasto das clases populares. Ou sexa, que calquera aumento da presión fiscal, por mínimo que sexa, farase a costa dos salarios e do consumo. Polo tanto, se non se cambia o sistema, ou sexa, a correlación de forzas, será a clase traballadora a que pague a renda básica universal mediante un aumento da explotación laboral.

A renda básica universal seica tería un custe de entre 140 mil millóns e 200 mil millóns, segundo quen sexa o seu defensor. Afirman que sería asumíbel xa que as transferencias ás autonomías para xestionar as competencias esenciais teñen un custe moi semellante. Evidentemente, para non aumentar os impostos habería que eliminar todos os servizos e prestacións públicas que estas xestionan e privatizalas (mesmo a sanidade e o ensino, que constitúen unha parte fundamental do gasto autonómico). Pensemos que, de non ser así, representaría un aumento de impostos de 15-20 puntos sobre o PIB (entre un 30% e 40% de todos os ingresos salariais), que se sumaría á actual presión fiscal. Mais, o aspecto máis importante, é que ao individualizar o gasto, a prestación perde o seu carácter solidario, deixando de atender as situacións con maior custe, as máis dramáticas, xa que pasará a ser un servizo a medida dos recursos de cada cliente.

O desemprego, a precariedade laboral, os baixos salarios, a perda de poder adquisitivo dos salarios, o aumento da presión fiscal e a diminución dos servizos e prestacións sociais, afectan duramente á clase traballadora. O avance da robotización e o aumento da man de obra de reserva, da xornada laboral e dos ritmos de traballo, converten en crónicos o desemprego e a precariedade laboral. É necesario un debate sobre o tema, que ataque en profundidade as causas. E iso implicaría botar abaixo as reformas laborais do PP e do PSOE (contratación, prestacións por desemprego, negociación colectiva e pensións) e adoptar as seguintes medidas:

A) Unha reforma fiscal que poña o acento sobre os impostos directos, e que aumente a presión sobre as sociedades, grandes fortunas e altos salarios.

B) Que os contratos temporais, a tempo parcial, e as horas extra só se podan realizar en situacións excepcionais.

C) Un aumento das penas e multas á patronal por casos nos que se realicen máis horas das legais, e non se paguen ou non se cotice polas horas traballadas.

D) Supresión da figura dos falsos autónomos e das Empresas de Traballo Temporal.

E) Que todas e todos os desempregados/as, rexistrados nas oficinas de emprego, que non conten con prestacións económicas, podan acceder a unha subvención a cambio de traballo social e formación, mentres non se recoloquen. Lembremos que atender a dependencia pode xerar moito emprego.

F) Un plano estratéxico para reducir a xornada laboral progresivamente na vindeira década, ate 32 horas semanais, coa finalidade de limitar os efectos do aumento da produtividade, da robotización, e contribuír a conciliación da vida familiar.

G) Aumento do salario mínimo ate os mil euros.

En calquera caso a única solución realista pasa pola redistribución da renda e do traballo. Non pode ser que os asalariados/as, que representan o 80% da poboación ocupada, sumen uns ingresos inferiores aos do capital e as rendas mixtas. Ademais, dentro da clase traballadora medrou moito a estratificación. Nunca houbo tanta concentración da riqueza. Daquela que haxa cada vez máis familias que son pobres traballando, e que o Estado español sexa un dos máis desiguais da UE. Pretender solucionar isto regando cartos a todos e todas, sen ter en consideración de onde van saír, cal é a correlación de forzas neste intre, e cales son os sacrificios que se deben facer a cambio, é un espellismo e unha inxenuidade. Sobre fantasías non se constrúen as transformacións, máxime cando se procura que sexan favorábeis ás clases populares.

Artigo publicado en galicia Hoxe o 10 de marzo de 2017

Os comentarios están pechados.