Dez de marzo: lembranza e aprendizaxe

Marzo 9th, 2017  |  Published in| the_category soberania, traballo

O vindeiro dez de marzo conmemórase o Día da Clase Obreira Galega. Unha data na que a ditadura franquista reprimiu unha manifestación de catro mil operarios da Bazán, en Ferrol, matando a dous obreiros do estaleiro e ferindo a varias ducias máis. Nos días seguintes, 160 persoas foron despedidas, moitas detidas e xulgadas, e o estaleiro militarizado. Porén, este intre tráxico tamén reflectiu o espírito combativo e o nivel de conciencia de clase do momento, xa que pararon en solidariedade moitas empresas na comarca, en Vigo, e na Coruña, así como o estudantado da Universidade de Compostela.

Os paros de marzo de 1972 e a folga xeral de setembro en Vigo, coa posterior represión da ditadura, agudizaron as contradicións entre as clases populares e un poder político que xa comezaba a ser un atranco para o capital. Ademais, estas protestas fixeron agromar novas forzas para responder ás inquedanzas do momento histórico. Fortaleceuse o nacionalismo galego de carácter popular e xurdeu o sindicalismo nacionalista, tanto no mundo obreiro, como no eido agrario e estudantil.

Coa sinatura dos Pactos da Moncloa primeiro, e a aprobación da Constitución despois, o nacionalismo galego collería maior pulo. Estas decisións significaron, no primeiro caso, un retroceso salarial importante, ao colocar á defensiva unha parte do movemento obreiro, e no outro, a negación do dereito a decidir das nacións periféricas do Estado e a continuidade da Monarquía.

Neste intre, ficamos nunha nova conxuntura, onde a nivel internacional están abertos varios escenarios. A Unión Europea, os tratados de libre comercio, a concentración e centralización do poder e da riqueza, o aumento da desigualdade e da pobreza, amosan que o capitalismo está na súa etapa senil. Daquela que feitos tráxicos e ao mesmo tempo ateigados de coraxe, de solidariedade, de atrevemento, como foron no esencial as loitas de marzo en Ferrol e de setembro en Vigo, no 72, sexan unha lembranza necesaria. E sobre todo, unha escola da que aprendemos que non pode haber cambios a prol da clase traballadora sen sacrificios, sen mobilización, sen folla de ruta, sen organización sindical e política.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 9 de marzo de 2017

Os comentarios están pechados.