O reformismo fortalece a dependencia

Marzo 3rd, 2017  |  Published in| the_category neoliberalismo, política, soberania

Se facemos caso ao Presidente da Xunta e ao seu partido a economía galega vai vento en popa. As exportacións (excluíndo ao Estado español, mais a tendencia é semellante) atinxiron os 20.000 millóns de euros, superando en 3.000 millóns as importacións. O PIB medrou un 3% no ano 2016 e a Xunta espera que o faga nun 2,3% en 2017. Un crecemento que non é moi alto, mais supera a previsión media da eurozona, que sería do 1,6%. Tamén aumentou o número de afiliados/as á Seguranza Social, que pasou entre xaneiro de 2015 e o mesmo mes de 2016 de 930.883 persoas a 950.747. Ou sexa, creáronse uns 20.000 empregos. Estes son os datos que lle serven ao PP e aos medios de comunicación sistémicos para xustificar as políticas neoliberais, especialmente de aumento da explotación da clase traballadora, e da dependencia da Xunta a respecto de Madrid e Bruxelas.

Con base nestes dados afírmase que é cuestión de tempo que esta mellora chegue ao ámbito laboral e social. Mais, se analizamos polo miúdo as cifras, vemos que este ano o crecemento da economía, e polo tanto do emprego, será menor que o ano pasado. Ou sexa, que o medre do PIB como tendencia non está consolidado. Algo lóxico se temos en consideración que nas últimas décadas o crecemento da economía susténtase en boa medida nas burbullas especulativas, na actividade delituosa e as guerras de rapina, o que reflicte o carácter senil do capitalismo (tal como o define Samir Amin). E, no caso concreto do Estado español e Galiza, o aumento do PIB débese ao crecemento do turismo, pola inestabilidade en países competidores, a relación euro/dólar, á flexibilidade cuantitativa do BCE en beneficio da banca, e ao baixo prezo do petróleo e gas.

Ademais deste marco global complexo, a recuperación do PIB a niveis de antes da crise fíxose a costa dun axuste no reparto dos ingresos entre clases sociais e territorios, tanto entre os estados da UE, como entre as autonomías e nacionalidades que forman parte do Estado español. Do ano 2008 a 2016 perdéronse 103.000 postos de traballo asalariado, e a participación das rendas do traballo no PIB baixou do 47,9% ao 45%, ou sexa 2.200 millóns de euros menos. A isto hai que engadir o aumento dos impostos (IRPF e IVE), a redución e privatización de servizos públicos, e as achegas públicas ás empresas (destacando neste aspecto o resgate do sector financeiro). Estes son ingresos e gastos indirectos, polo que a renda real da clase traballadora baixou moi por riba do calculado por algúns economistas. E todo indica que esta tendencia vaise manter, xa que os salarios están medrando por baixo da inflación. En moitos sectores é normal que non se paguen e non coticen a maioría das horas extras realizadas. E aumentaron os ritmos de traballo, ou sexa, medrou a explotación. Existe unha verdadeira lei da selva no ámbito laboral consentida polo Governo e a Xunta en beneficio do capital, tanto do grande como do pequeno, por máis que este último utilice o argumento de que é o único xeito de sobrevivir. Non parece ser así, dada a merca de coches de alta gama, iates, e a construción de hoteis de luxo.

Tampouco o crecemento das exportacións e un saldo positivo no comercio exterior parecen garantir o desenvolvemento do País. Nunca se exportou tanto. E mesmo así hai unhas expectativas tan negativas para a creación de emprego con salarios dignos, e a regresión demográfica. Asemade, sendo certo que un saldo comercial positivo xera emprego, o valor engadido real non é equivalente entre todos os sectores. Na análise non se pode esquecer que exportamos aforro e beneficios empresariais. O que gañamos con moito esforzo cunha man perdémolo silandeiramente coa outra pola dependencia exterior. Por este motivo, malia os éxitos no comercio exterior dos que se gaba Feijóo o PIB galego sobre o total do Estado español pasou do 5,28% en 2010 ao 5,19% en 2016.

O certo é que van pasando os anos, as décadas, e o espellismo de que con formación, laboriosidade, e aproveitando as potencialidades do país, seremos quen de saírmos adiante, non deu os resultados previstos. Non xa para acadar un nivel de vida semellante a países da nosa contorna, como Dinamarca, que se utiliza tanto como exemplo, senón mesmo en comparanza con Portugal, que cunha renda por persoa inferior, ten unha porcentaxe menor de desemprego, unha desigualdade social máis baixa, e maior vitalidade demográfica. Mesmo con esta contradición, os partidos estatais seguen prometendo o ceo, (e tamén hainos galegos que se sumaron a esta ilusión óptica), que ten como receptor central o tercio da povoación que non ten problemas para chegar a final de mes. Por máis que existan exemplos singulares de éxito empresarial en condicións tan negativas, non deixan de ser a excepción. No esencial, a tendencia é regresiva. Especialmente nos períodos que goberna a dereita, nos que se asume acriticamente o entreguismo, e se practica o seguidismo das decisións en Madrid e Bruxelas.

Sen renunciar a seguir poñendo parches e cambiar aquilo que é posíbel neste marco e correlación de forzas, a teoría e a praxe demostra que nun País que cumpre un papel colonial como Galiza non hai posibilidades de desenvolvemento sen rachar coa dependencia e construír unha sociedade xusta, igualitaria e realmente democrática. A experiencia ensina que coa acumulación de pequenos cambios non se pode mudar o sistema para poñelo ao servizo das clases populares, senón que mesmo se fortalece. É así porque o proceso de concentración e centralización da riqueza e do poder atinxiu valores máximos dende a Segunda Guerra Mundial. É así porque se coloca nun segundo plano a loita a prol da alternativa estratéxica liberadora.

Só se obterán resultados positivos se nestes pequenos cambios participa activamente o povo, e están asociados en todo momento e lugar á emancipación nacional e de clase no discurso, no debate, na incorporación de nova militancia, na disputa das institucións e dos ámbitos económicos, sociais e culturais, e se a mobilización non ten un papel central. O reformismo, o progresismo neoliberal, non leva á liberación. Nen á nacional, nen á de clase, que na Galiza son interdependentes. Nen sequera permite evitar a desfeita da nosa economía e sociedade, e contribúe á destrución da nosa identidade nacional (aínda que o reformismo se realice coa mellor das vontades). Non hai cambio sen confrontación de proxectos, de modelos de sociedade, sen soberanía nacional popular.

Artigo publicado por Sermos Galiza o 28 de febreiro-3 de marzo de 2017

Os comentarios están pechados.