Macri en busca de Papá Noel

Marzo 2nd, 2017  |  Published in| the_category américa latina, neoliberalismo

O presidente arxentino estivo de visita no Estado español durante tres días, acompañado dunha numerosa delegación de empresarios e cargos institucionais. A razón que deu é a procura de investimento empresarial para este extenso e rico país, onde a situación económica e social vai de mal en peor. Ceder á chantaxe dos fundos voitres non atraeu o investimento exterior masivo que prometeu durante a campaña electoral. Ademais, os nexos entre os negocios familiares e o presidente están a aumentar a erosión de Cambiemos, o seu partido. Tamén a detención inxustificada en Jujuy da líder social Milagro Sala.

O seu triunfo nas eleccións, hai pouco máis dun ano, foi consecuencia da división do peronismo, e de que Cristina Fernández, mesmo realizando unha política progresista, foi incapaz de superar os atrancos dun capitalismo dependente dos grandes centros de poder. Entre esas políticas progresistas pódense destacar: a diversificación do comercio exterior, potenciando as relacións co Mercosur, medidas protectoras da industria nacional (que Macri se apresurou a desmontar), e achegas aos sectores sociais máis desposuídos.

En pouco máis dun ano, destruíronse 120.000 postos de traballo, aumentou a pobreza en 1.400.000 persoas, os salarios perderon un 15% de capacidade adquisitiva, e creceu a débeda externa e a fuxida de capitais ao exterior. As políticas neoliberais e a aposta polos tratados de libre comercio, que seica ían a converter a Arxentina de novo nun dos países máis ricos, son unha suma de retrocesos para as clases populares. A desigualdade e a pobreza conquistan novas cotas cada mes que pasa. O Goberno teima en que en pouco tempo veranse os gromos verdes. Mais pasan os meses sen que mude a tendencia regresiva. Daquela que, despois dunha caída anual do PIB do 3,8% dende o 3º trimestre de 2015 a 2016, afirme que 2017 será o ano do crecemento. Mesmo que fose así, economistas arxentinos críticos din que non. Deberíase manter no tempo para que beneficiase á base social. E neste contexto internacional, as economías subordinadas carecen de oportunidades. E Papá Noel prefire especular na Bolsa e investir nos negocios seguros.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 2 de marzo de 2017

Os comentarios están pechados.