O presidente da Arxentina vén de realizar unha visita de tres días ao Estado español. A súa intención era atraer os investimentos empresariais, xa que estes non chegan no volume que el prometera cando cedeu diante dos requirimentos dos fundos voitres. Pra levar adiante este obxectivo, fíxose acompañar de máis de douscentos empresarios, cargos institucionais, e representantes de partidos políticos que o apoian, así como de dous dirixentes sindicais de dereita, Dante Camaño e Gerónimo Venegas. Neste último caso, semella que quería escenificar que contaba co respaldo de todas as clases sociais. Unha ilusión óptica, moi afastada da realidade.

O perfil ideolóxico de Mauricio Macri fica retratado polas reunións que mantivo á marxe do estritamente institucional e empresarial. Concretamente, unha xuntanza con José María Aznar e unha conferencia con Vargas Llosa. Podemos non acudiu á cea que o Governo central lle ofreceu a Macri, manifestando que ese xesto era unha protesta polas políticas sociais regresivas do presidente arxentino, as contas que este ten en paraísos fiscais, e pola detención de Milagro Sala. Coido que é unha postura correcta. Malia que o Concello de Madrid, no que forma parte do governo, concedeulle a Macri as chaves de ouro da cidade. Unha actitude contraditoria, xa que vai pra alén dunha recepción protocolar. Será que Podemos mantén unha postura na oposición e outra onde governa, como fan os partidos da casta?

Porén, o máis preocupante son as políticas económicas e sociais que está a desenvolver na Arxentina o partido de Macri, chamado Cambiemos. No seu primeiro ano de xestión, perdéronse 120.000 empregos, a caída do salario real foi dun 15%, aumentou o prezo dos servizos como a enerxía e transporte (os tarifazos), e medrou número de pobres en 1.400.000 persoas. Calcúlase que a inflación foi no último ano do 46%. Entre o 3º trimestre de 2015 e 2016, o PIB caeu un 3,8%, e cálculos de economistas independentes auguran que este ano recuará un 2% ou 3%. As políticas neoliberais, a eliminación de aranceis que protexían a industria nacional, a presión do governo pra evitar a recuperación dos salarios a través da negociación colectiva (as paritarias), e o recuar en dereitos laborais, non axudaron a xerar emprego, senón que aumentaron o paro e a desigualdade.

Agora ben, estes retrocesos non se dan sen oposición. Mesmo que a maior central sindical, a CGT, amague coa confrontación, afrouxe presión con algunha mobilización, e prime o pacto, onde tanto valen os intereses de clase como aqueles vinculados coas estruturas sindicais. Pódese afirmar que na práctica, a contestación dáse desde as dúas CTA e algún sindicato sectorial que non segue as directrices da CGT. Neste contexto, a mobilización conseguiu que o Ministerio de Traballo frease o recorte dos plans sociais destinados á economía social, e que o Governo dese marcha atrás nos recortes ao xubilados. As protestas tamén conseguiron aumentos en sectores laborais, que evitaron a perda de salario, como nos bancarios.

O economista arxentino Julio Gambina valora deste xeito as concesións de Macri: “Son logros das denuncias e do alargamento das protestas, mais non enganarse. Macri recua recoñecendo erros, porén ao mesmo tempo avanza nas reformas estruturais que pode, caso da ART -Aseguradoras de Risco do Traballo- (…) Macri apunta a modificar de xeito reaccionario a lexislación laboral e os dereitos dos traballadores”. En resumo, e pra alén das posturas ideolóxicas previas, a abertura de mercados, a subordinación ás grandes potencias ou corporacións empresariais internacionais, non permitiron xerar emprego e aumentar o PIB. Ademais agravaron as eivas dos sectores produtivos, a precariedade laboral e a marxinación social.

Artigo publicado en La región o 28 de febreiro de 2017