En febreiro de 1917, hai un século, comezaba en Petrogrado (hoxe San Petersburgo) o proceso revolucionario que se estendeu axiña a toda Rusia, e que sería o antecedente fundamental para a realización da Revolución de outubro, e a construción do primeiro estado socialista. Como consecuencia da Revolución de febreiro caía o tsarismo e instaurábase unha República democrática. Tratouse dun estoupido espontáneo das masas, cansas das privacións e dos tres anos de guerra que se botaban sobre as costas das clases populares. Tivo tamén un carácter espontáneo a creación do Soviet (Consello) de deputados obreiros, que contou axiña con 1.500 representantes de obreiros e soldados da cidade. Lembremos que un 41% da clase obreira estaba concentrada en empresas de máis de mil traballadores. Os soviets eran organizacións asemblearias non partidarias que actuaban como a expresión política e social da clase obreira. O antecedente do soviet na Revolución de 1905, na que xogou un papel transcendental alentou sen dúbida a súa recuperación polas masas. O exemplo de Petrogrado sería seguido por outras cidades e os distritos rurais.

O carácter da Revolución de febreiro propiciou unha dualidade de poder. Por unha banda, un Governo Provisional, sucesor do tsarismo, constituído polos partidos da burguesía, e que foi recoñecido polas potencias estranxeiras. Por outra, os Soviets de Deputados Obreiros e Soldados, cos que aquel tería que convivir. Para as potencias occidentais, o interese pola situación en Rusia derivaba, tanto da necesidade de manter activa a fronte oriental, como do control que exercían sobre o sector industrial, a minería, e mesmo grandes explotacións agrarias. Nomeadamente, os maiores investidores foráneos eran Francia co 32,5%, Inglaterra co 22,5% e Alemaña co 19%. No Soviet de Petrogrado, o control estaba nas mans da fracción menxevique dos socialdemócratas e dos socialistas revolucionarios. No primeiro Congreso dos Soviets de toda Rusia, realizado a principios de xuño, de 822 delegados con dereito a voto 285 eran socialistas revolucionarios (os coñecisdos como eseristas), 245 menxeviques e só 105 bolxeviques. Polo tanto, a convivencia entre o Governo Provisional non semellaba estar ameazada, xa que os partidos da esquerda, incluído un sector importante dos bolxeviques, entendían que Rusia non estaba preparada para unha Revolución Socialista. O governo burgués resultaba beneficiado polo apoio crítico, ate que non se esgotasen as súas potencialidades.

Porén, dentro da fracción bolxevique da socialdemocracia existía un debate interno sobre este aspecto, que se intensificou co retorno de Lenin e outros exiliados o 3 de abril de 1917. Foi unha discusión sobre se existían as condicións para a Revolución Socialista (postura defendida por Lenin nas coñecidas como Teses de Abril). Esta idea, aínda sen concretar o momento de poñela en práctica, foise abrindo paso. A oposición a Lenin estaba representada por Kamenev. A conferencia dos bolxeviques de abril valoraba que a instauración do Governo Provisional non mudaba nen podía mudar o carácter imperialista da participación de Rusia na guerra dada a súa composición de clase. Unha postura que estaba na liña das Teses de Abril (As tarefas do proletariado na nosa Revolución) nas que Lenin afirmaba: “O poder do Estado pasou en Rusia a mans dunha nova clase: a clase da burguesía e os terratenentes aburguesados. Nesta medida, a revolución democrático-burguesa terminou en Rusia”. Desta conferencia sairía tamén a consigna de: Todo o poder para os Soviets! O Congreso do Partido bolxevique realizado en xullo, xa con 176.750 afiliados/as nesa data, avalaría esta liña política.

O acerto na caracterización da situación por parte de Lenin foi determinante para a Revolución de Outubro, xa que lle permitiu ao partido bolxevique converterse na forza que recollería as inquedanzas das clases populares. Foi así, porque valorou correctamente o estado de ánimo das masas, as súas preocupacións e arelas, e a correlación de forzas de cada momento. Non mudou esta caracterización cando se incorporou o socialista revolucionario Kerenski no Governo Provisional, nen que en maio este xa fose unha coligazón de partidos burgueses e de socialistas. Tampouco a fracasada insurrección de xullo, que os bolxeviques non promoveran, e a represión posterior, que daría lugar a un Governo con maioría de socialistas colaboracionistas, fixo mudar a posición de Lenin. Malia todo, a mobilización das clases populares non devecía, tanto a nivel obreiro, como dos soldados e mesmo no agro: “As rebelións campesiñas abranguen a 482 distritos, é dicir ao 71% de toda a Gran Rusia, e estaban orientadas cada vez máis á expropiación das posesións señoriais” (La Revolución Rusa, Siglomundo, Centro Editor de América Latina, Arxentina, 1969).

Óllese que non mudaron as relacións de produción en tan curto período de tempo, aínda que se agravou a situación social por mor da guerra e da falta de produtos básicos, como o pan (entre 1916 e 1917 a produción de trigo reduciuse nun 25 %). O factor determinante foi que o Governo Provisorio pregouse as esixencias dos aliados e continuou na guerra mundial, que non se tomaron medidas a prol das clases populares, e que as decisións do Soviet tiñan cada vez máis seguimento popular, daquela que os bolxeviques pedisen que exercese un maior control sobre o Governo. A agudización das contradicións entre os partidos da coaligazón governante e as clases populares deulle a razón aos bolxeviques, que ademais non estaban comprometidos cos partidos burgueses, como acontecía cos menxeviques e eseristas. Asemade, tiñan unha actitude clara a respecto de rematar coa guerra, polo que foron gañando a maioría no Soviet, e por suposto, aumentando a súa militancia. En todo isto, xogou un papel moi importante contar con medios de comunicación propios, (principalmente a Pravda) que socializaban a mensaxe do partido. Por suposto, os bolxeviques non agardaron pasivamente a que o vento lles fose favorábel, senón que incidiron decisivamente sobre o nivel de conciencia e o grao de mobilización do povo. Tomaron a iniciativa. “O 25 de outubro –data do calendario ortodoxo- as forzas bolxeviques entraron en acción. Os puntos chave da cidade foron ocupados; os membros do Governo Provisional caeron prisioneiros ou fuxiron, nas primeiras horas do serán Lenin anunciou na reunión do Soviet de Petrogrado o triunfo da revolución obreira e campesiña” (Historia de la Rusia Soviética; E.H. Carr; Alianza Editorial, Madrid, 1973)

Cando comecei a militar en Vanguardia Comunista na Arxentina, durante as ditaduras militares de Onganía, Levingston e Lanusse, nos seminarios previos ao ingreso, un dos temas que se debatía era o das Teses de Abril. Falo de debate porque ademais de ler os textos faciamos logo unha valoración do esencial, e debatíase entre os participantes da célula. Tamén se discutían outros textos de Lenin, concretamente: Que facer?; O Estado e a Revolución; Acerca do infantilismo esquerdista e do espírito pequeno-burgués; O imperialismo, fase superior do capitalismo. Evidentemente, tamén se facía o propio con textos de Marx e Engels, así como de Mao, libros de historia e economía arxentina e mundial. Esta experiencia serviríame despois para poñer a andar ERGA e a UPG no ámbito estudantil, e na parte que me correspondeu no ámbito obreiro. Quero destacar este período da Revolución Rusa, porque as Teses de Abril teñen a virtude de amosar na praxe a importancia de valorar axeitadamente cal é o estado de ánimo das clases populares e a correlación de forzas, así como o carácter da tendencia.

Artigo publicado en Sermos Galiza do 21-25 de febreiro de 2017