O triunfo do Brexit na Gran Bretaña, a perda do referendo por parte de Renzi en Italia, o avance dos partidos de extrema dereita en varios países da Unión Europea, a contestación á política migratoria en Hungría e outros estados da zona, son un claro síntoma de que o proxecto europeo ten por diante graves atrancos. Se analizásemos exclusivamente estes feitos, poderíase pensar que só é unha cuestión de homoxeneidade, dun medre da confrontación por mor da crise. Agora ben, o aspecto máis importante é que deixa ao descuberto as eivas estruturais da Unión Europea, o feito de que se trata dun proxecto construído de costas aos intereses dos pobos, tal como se evidencia na resposta que se lle está a dar á débeda de Grecia sen ter en consideración o custe social.

O certo é que todas as axudas a Grecia por parte da UE, do Banco Central Europeo, e da FMI, tiveron como única finalidade salvar os bancos de Alemaña, Francia, e algún outro país, que concederan préstamos con moita alegría, xa que nunca primou a solidariedade. Daquela que, a esta altura, a débeda exterior grega sega igual de desmesurada que no inicio das “axudas” (e impagábel). No ano 2010 era do 120% do PIB, hoxe dun 180% do PIB. E calcúlase que ascenderá ao 260% no 2060. O PIB do país reduciuse un terzo nos últimos sete anos e un 15% da poboación está en situación de pobreza extrema.

E, malia que unha e outra vez se repite a escenificación de confrontación entre a troika e o goberno de Syriza, a primeira pedindo maiores axustes, e o segundo argumentando que o pobo xa está afogado e ameazando cunha rebelión, ao final, termínanse aplicando no fundamental as medidas esixidas. Lembremos que o IVE, que atinxe o consumo, afectando especialmente ás clases populares, xa está nun 24%, e as pensións foron recortadas nun 40%. Aumentáronse os impostos sobre a terra, as telecomunicacións, televisores, carburante, tabaco, café, cervexa, et. Ademais despediron milleiros de funcionarios públicos.

As novas esixencias da troika para conceder un novo tramo do préstamo comprometido implican novos e duros axustes, un recorte de 5.600 millóns de euros, co obxectivo de acadar un superávit primario do 1,75% este ano e do 3,5% en 2018. Para este fin baixaranse os salarios do sector público e as pensións, aumentaranse varios impostos e fixaranse novos gravames fiscais. Non é casual polo tanto que, malia o discurso ambivalente de Syriza, as enquisas auguren unha caída de 15 puntos ao partido de Tsipras. De se realizar eleccións anticipadas, pasaría do 35,5% ao 20,7%. E un aumento da conservadora Nova Democracia, do 28,1% ao 34,9%.

As axudas que se outorgaron desde Bruxelas, durante o período inmediatamente anterior e posterior á integración na Unión Europea, que empurran o crecemento da economía, o emprego e o PIB, nunca tiveron como obxectivo principal a solidariedade. Trátase de incorporar estes territorios periféricos ás necesidades de produción e mercado das corporacións empresariais das potencias centrais. Para o que é necesario a construción de infraestruturas, unha lexislación, aranceis e moeda común, e a formación dun imaxinario colectivo que reduza a capacidade de soberanía nacional e popular. Por iso, para alén da conxuntura, impóñense as tendencias que aumentan a desigualdade entre clases e entre territorios. E as nacións periferias perden diversidade produtiva, control sobre o sector empresarial, e as máis periféricas e carentes de soberanía recúan en poboación (como Grecia). Non é un andazo, nen consecuencia da crise, aínda que esta agrave a enfermidade, senón consubstancial co capitalismo que tende a concentrar e centralizar riqueza e poder, máxime nun modelo de globalización neoliberal.

Diante do avance da fragmentación na UE, tanto pola confrontación entre estados e a perda de valor do eixo franco-alemán en favor de Berlín, como polo polo aumento do descontente popular diante dun proceso que estreita a clase media e empobrece a clase traballadora, e que esta colabora coa extensión dos conflitos armados e alenta o litixio entre potencias, semella que existen só tres alternativas. A primeira, e máis lóxica, é a desintegración da UE ou a eliminación do euro, ou ambas as solucións a un tempo. A segunda, que a Unión se reduza aos países do ámbito xermano e asimilábeis con características moi semellantes (Alemaña, Austria, Países Baixos, Suecia, Dinamarca, Finlandia). E a terceira, que sería a máis preocupante, porque aumentaría os problemas económicos e sociais das nacións da periferia. Trataríase de forzar un proceso aparentemente “federal”, mais que procuraría conseguir que os acordos se tomen por maioría, e non por unanimidade, en beneficio de Alemaña e das grandes corporacións. A periferia seguiría a sufrir os custos da subordinación e dunha maior explotación laboral, que iría en aumento. Este semella que é o camiño escollido, se temos en consideración as declaracións no referente á actitude a manter na negociación para concretar a saída da Gran Bretaña, a actitude con Grecia, a creación dun exército europeo, e o acordo de libre comercio con Canadá.

Artigo publicado en Galicia hoxe o 21 de febreiro de 2017