1977, un ano de conquistas populares

Febreiro 21st, 2017  |  Published in| the_category Historia, nacionalismo, sociedade, traballo

A loita do movemento obreiro obrigou a ditadura de Franco (morto en 1975) a crear novos marcos legais cos que procurar conter a protesta social ascendente. Tamén empurrou no mesmo sentido na etapa posterior da Transición. Deste período temos a Lei de Convenios Colectivos de 1973, o Decreto Lei de Conflitos Colectivos de 1975, a liberdade de organización de sindicatos e a lei que eliminaba as restricións ao dereito de folga no ano 1977. A abertura destes espazos de legalidade pra expresar as reivindicacións da clase traballadora non estivo exenta de accións represivas contra as mobilizacións. Por exemplo, as manifestacións do 1º de maio de 1977 non foron permitidas, e as concentracións foron reprimidas, producíndose máis de 50 detencións.

Malia estes atrancos, 1977 foi un ano decisivo pra o movemento obreiro. Tanto polo auxe da mobilización, xa que a conflitividade nos convenios se alargou da gran empresa (Bazán, Astano, Barreras, Vulcano, Citroën, Freire, etc) ao ámbito sectorial, como pola legalización das centrais sindicais que desenvolveron a loita clandestina contra o franquismo. Este proceso iniciárase no ano 1976 coa denuncia do convenio do siderometal e o dos pintores da provincia da Coruña, e do metal na provincia de Lugo. No ano 1977 pararon os seguintes sectores por provincias: a construción en Lugo, o transporte en Pontevedra, hostalería na Coruña, e a construción e madeira en Ourense. Non foron alleos a esta vaga de folgas o sector da pesca e o marisqueo e o do ensino.

A folga no sector da madeira en Ourense abrangueu a 3.000 traballadores e durou un mes, sendo ate ese intre o paro de maior duración na provincia. Rematou con 15 despedimentos, e segundo o Eixo, voceiro da ING, “o saldo positivo foron as 150 asembleas, as 11 reunións coa patronal, e sobre todo as mobilizacións”. Na maioría dos conflitos o resultado foi moi distinto, xa que se conseguiron avances laborais e nos dereitos democráticos de representación.

Pra termos unha idea do momento cómpre lembrar que exercía a presidencia Adolfo Suárez (1976-1981) e que a nova Constitución sería votada en decembro de 1978 (a ING opúxose a ela xa que negaba o dereito de autodeterminación de Galiza e consolidaba o capitalismo). Nese intre, malia que unha gran parte da povoación galega vivía no rural e cunha produción de autoconsumo, o PIB representaba o 5,61% do total do Estado; no ano 2015 foi do 5,15%. Os asalariados e asalariadas representaban o 42% e obtiñan un 57,62% do PIB. No ano 2014, sumaban o 78% mais só acadaban o 45,14% do PIB. Son dados que dan que pensar, e que reflicten a precariedade laboral, o aumento da desigualdade, e a perda de peso do noso País, pra alén das súas potencialidades en materias primas, enerxía, e capacidade creativa e de mobilización.

No ano 1977, a conflitividade obreira e popular acadou un gran impulso que se mantivo nos dous anos seguintes. Nesa altura (outubro de 1977), o Pacto da Moncloa asinado coa escusa da crise económica e dun posíbel golpe militar regresivo conseguiu fracturar a clase traballadora, e inverter a tendencia favorábel ás clases populares. Destacaron, ademais das folgas laborais, as marchas de protesta multitudinarias como as das Encrobas, Xove e Baldaio, as concentracións labregas contra a cota agraria, convocadas polas CC.LL., como a de Lugo que reuniu 15.000 persoas. Podemos engadir a loita do estudantado a favor da galeguización do ensino, a proposta de ERGA.

Son feitos históricos de hai catro décadas, mais condicionaron a realidade económica, social e política actual. Cando algúns lembran a Constitución do 78 como un modelo fracasado, esquecen que se abriu paso co Pacto da Moncloa, e que nese proceso houbo partidos e sindicatos que reclamándose rupturistas avalaron a continuidade.

Artigo publicado en La región o 21 de febreiro de 2017

Os comentarios están pechados.