Cando os gandeiros tomaron as rúas

Febreiro 16th, 2017  |  Published in| the_category Historia, soberania, sociedade

O 28 de febreiro de 1987 realizouse na Coruña a maior manifestación do agro galego. Estimouse en 100.000 persoas. O motivo era a cota do leite imposta pola entrada no Mercado Común no ano 1986. Esta era un corsé que impedía o desenvolvemento dunha actividade en rápida expansión, dadas as boas condicións do noso País para este tipo de produción. Na primeira liña deste movemento popular estaba o nacionalismo anticolonial, e moi especialmente as Comisiós Labregas, que valoraba a integración no MCE como a ruína do pobo galego, xa que hipotecaba o futuro. Outras forzas reducían os danos a uns poucos sectores, como o agrario, e entendían que a incorporación ía modernizar Galiza, desenvolver a industria, mellorar os servizos e prestacións sociais, e empurrar a economía.

Houbo mobilizacións arreo no primeiro semestre de 1987, destacando as tractoradas e paros do 30 e 31 de marzo e a manifestación en Compostela do 14 de abril. No primeiro caso, cortáronse numerosas estradas e realizáronse manifestacións en cidades e vilas. A mobilización en Compostela coincidía coa visita de varios eurodeputados/as e ateigou a praza do Obradoiro. As protestas non foron en balde. Conseguiron que se adiase a implantación das cotas ate o ano 1989. Soubo a pouco. Faltou apoio do Goberno central para evitar a súa aplicación ou esixir unha reforma en profundidade da norma.

A crise do sector lácteo sería unha constante dende aquela, xa que os resultados non foron tan optimistas como pretendían algúns compracentes co poder, e deron a razón ao nacionalismo antisistémico e anticolonial. Corenta anos despois, o mundo rural está moi desfeito, que non morto, e a emigración mantívose forte en todo este período malia a baixa natalidade. Agora a problemática semella a contraria, a eliminación das cotas. Mesmo haberá quen pense que non hai medida que nos valga. Mais esquecen que ficamos nun contexto distinto, de madurez da globalización neoliberal, e que as cotas xa carecen de utilidade. Hoxe, o que favorece á centralización e concentración do poder e da riqueza é a economía de escala. Con este sistema sempre perden os países dependentes e/ou débiles.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 16 de febreiro de 2017

Os comentarios están pechados.