Máis do mesmo

Xaneiro 31st, 2017  |  Published in| the_category economía, neoliberalismo, sociedade, traballo

Aproveitando a publicación da Enquisa de Poboación Activa (EPA), o Goberno gábase dos bos resultados no emprego. Mais esquece que aumentou o traballo temporal e a tempo parcial e baixou o salario medio. E tendo en consideración que o PIB foi semellante o ano pasado ao que existía no inicio da crise, resulta evidente que a recuperación fíxose a costa da clase traballadora, que perdeu participación no total da renda. Segundo dados de 2016, foi no Estado español onde máis medrou a desigualdade durante a crise, entre os países da OCDE. Só superado por Chipre. Asemade, hai menos ocupados e medrou a porcentaxe de contratos a tempo parcial. Non é precisamente para estar contentes, máxime cando a falta de autocrítica de Rajoy amosa que as políticas económicas e laborais serán máis do mesmo durante esta lexislatura.

Se non o evitamos cunha lexislación máis social, a precariedade ampliarase no futuro, tanto coa contratación de desempregados/as a novos postos de traballo como coa substitución progresiva de traballadores con contratos indefinidos e de tempo completo. Os dados son clarificadores. O salario hora dun traballador/a fixo na Galiza é de 10,50 euros, e o dun temporal, 8,67 euros. Asemade, as xornadas laborais no traballo a tempo parcial son cada vez máis reducidas, o que implica unha maior rotación, e salarios de miseria. Segundo dados sobre o conxunto do Estado (non se publicaron para Galiza tan recentes), entre o segundo e o terceiro trimestre de 2016, o emprego asalariado medrou nun 2,8% mentres as horas traballadas só o fixeron nun 0,7%. Polo tanto, non se trata de que a eventualidade e os contratos a tempo parcial se adapten mellor ás necesidades da empresa, senón que esencialmente implican uns salarios medios máis baixos e a máxima explotación, en beneficio do aumento do lucro empresarial.

Asemade, o axuste durante a crise tivo efectos no ámbito territorial, favorecendo unhas autonomías e prexudicando outras. Por exemplo, se tomamos como base o ano 2010, o PIB no 2015 representaba o 98% do primeiro para todo o Estado español. No caso de Madrid era o 102,4%, para Catalunya o 99% e para Galiza o 95,2%. Ou sexa que, ademais de se dar unha concentración da riqueza segundo a clase social, tamén se centralizou territorialmente, tanto en función do poder económico como do poder político, tal como reflicte o diferencial entre Madrid e Catalunya, e moi especialmente en relación co noso país, Galiza.

Facer números por adiantado sobre a creación de emprego nos vindeiros anos, tendo en consideración só a tendencia económica dos últimos anos, non deixa de ser un espellismo. O crecemento actual no Estado español é moi conxuntural, depende que o turismo manteña o ritmo presente, algo que depende da inestabilidade en Tunisia, Exipto, Turquía, Grecia e mesmo en Francia. Depende de que se manteña o valor de troco entre o euro e o dólar, o baixo prezo do petróleo, e a flexibilidade cuantitativa do BCE. E sobre todo, como van afectar o Brexit e as políticas da nova administración norteamericana á situación global. A isto débese sumar, como se desenvolvan conflitos como o libio, iemení, sirio, na Ucraína, no Mar do sur de China, etc. Vivimos nunha conxuntura entre dúas etapas, con varios escenarios posíbeis no futuro. Sobre todos eles hai que construír hipóteses. O Goberno só ve o que lle interesa, carece de obxectividade, de proxecto. É máis do mesmo.

Todo amosa que o Goberno de Rajoy non fixo os deberes. Que non se realizaron os investimentos necesarios para diversificar a actividade económica e os socios comerciais, polo que a dependencia do que aconteza na UE e no mundo é cada vez maior. No referente a Galiza, practícase o máis absurdo seguidismo, co agravante da dependencia, o papel dominante nas empresas dos intereses foráneos, e unha diversidade produtiva cada vez menor. Daquela, unha desigualdade e marxinalidade moi fortes, ás que se engade a perda e avellentamento da poboación. Apostouse o futuro á carta da subordinación, de cumprir ordes, de xestionar dende a dependencia este vello e rico país que algunha vez foi quen de ser unha referencia. Polo tanto, abonda de leria, de propaganda. A creación de emprego é positiva, sempre que non sexa reducida e conxuntural, e non se utilicen para agochar os problemas de fondo, os que nos van deslizando de vagar ao precipicio.

Artigo publicado en Galicia Hoxe o 31 de xaneiro de 2017

Os comentarios están pechados.