É certo que as enquisas perderon moito prestixio despois do seu fracaso nos prognósticos das eleccións nos Estados Unidos e nos referendos no Reino Unido, en Colombia e Italia. Mais non se debería esquecer que marcan tendencias. Algunhas son de grande importancia política. Por exemplo, o medre da abstención no Estado español dende as últimas eleccións, mesmo superando en porcentaxe o transvase de votos entre partidos. Este aumento da abstención podería ser comprensíbel en relación co PP, tan desgastado polos duros axustes que está a realizar na súa xestión da crise, e polos altos índices de corrupción. Tamén se entende a respecto do PSOE, pola súa reforma laboral, a modificación express da Constitución por Zapatero para certificar a submisión aos ditados económicos de Bruxelas, e o golpe contra Pedro Sánchez para garantir a abstención e apoio ao governo de Rajoy. Porén, resulta menos entendíbel no caso de partidos como Podemos e Ciudadanos, que non teñen practicamente xestión de governo e foron quen de recoller non hai tanto tempo os descontentes do PP e do PSOE (e doutras forzas), así como un bocado da abstención, que daquela era menor.

A abstención ten razóns moi diversas. Desde as persoas que non creen nas institucións ate outras que lles dá o mesmo quen governe. Mais tamén hai unha porcentaxe que se abstén porque deixa de confiar no partido que apoiaba. Neste último caso, pode consolidarse ou ser unha abstención transitoria, ou terminar por escoller outra opción política. Podíase considerar que hai unha abstención estrutural, e outra que é variábel, e que non sempre atinxe aos mesmos partidos, sendo un barómetro da capacidade que estes teñen para ilusionar a base social para alén da militancia.

Hoxe o panorama político está tan viciado, que de haber novas eleccións, seica medraría en deputados/as o PP, xa que sería o que menos votos porcentuais perdería entre os partidos antes nomeados. É así, porque o aumento da abstención reflicte o descontente social co governo, mais tamén cos partidos da oposición, mesmo con aqueles que se presentan como diferentes no xeito de facer política e se relacionar cos cidadáns. A razón de fondo para este reaxer é que as dificultades económicas abranguen 2/3 das familias, por mor de que o desemprego segue a ser moi alto, mais sobre todo polo medre da precariedade, dos baixos salarios, das xornadas extenuantes e dos ritmos de traballo. Por se non fose abondo, súmanse a estes factores adversos unha fiscalidade regresiva e unha redución e privatización (neste caso da xestión) dos servizos públicos, e de prestacións como as pensións, desemprego, dependencia, etc. E sobre todo, que esta tendencia mantense malia as promesas dun cambio rápido por parte das novas forzas.

Co “remate” da crise, coa recuperación do PIB a niveis de 2008, que foi o momento máis álxido da economía e de persoas ocupadas, non se retornou ás taxas de emprego e condicións laborais anteriores, que xa non eran gran cousa. Neste período, medrou a desigualdade, a pobreza, a marxinalidade. Ou sexa, o resultado da crise foi un axuste entre clases sociais e territorios, a caída da natalidade, e nos casos máis graves acompañado do recuar demográfico (como na Galiza). E ante a falta de expectativas, a desintegración familiar, o aumento da violencia, da delincuencia. Hai quen afirma, dende o derrotismo, que non podía ser doutro xeito. Non é verdade, hai outras alternativas. E faltou a resposta política necesaria nos partidos antisistémicos, mentres unha parte importante da esquerda abrazou o neoliberalismo “progresista” como a saída máis axeitada. Ou sexa, corrixir só os aspectos máis dramáticos do capitalismo, esquecendo que a concentración e centralización do poder e da riqueza é consubstancial a este sistema, en todas as súas fases, e que coa globalización neoliberal chegou á súa máxima expresión. Daquela que nesta etapa carezan de calquera efectividade as medidas keynesianas. Por iso choca, que mesmo forzas que ate hai pouco mantiveron discursos rupturistas poñan agora a mensaxe estratéxica nun segundo plano (especialmente a loita de clases) destacando exclusivamente as reivindicacións inmediatas, reformistas, parciais, as que contemplan só a punta do iceberg.

Unha demostración deste afastamento entre a esquerda e as clases populares témolo, no Estado español e na Galiza, en cuestións como a especulación bancaria e a tarifa eléctrica. A banca prexudica ao máis débil economicamente, sexa o/a aforrador/a, pequenos accionistas, e persoas receptoras de créditos, especialmente os hipotecarios. Lembremos que os banqueiros foron salvados con cartos públicos. Un fenómeno semellante dáse no aumento da tarifa eléctrica, un custe que é totalmente opaco para o consumidor, e que non deixa de aumentar. O descontente social é evidente. Un contexto propicio para a nacionalización de ambos os sectores. Porén a proposta da esquerda, mesmo daquela que se presenta como rupturista, non pasa, como máximo, de esixir unha comisión de estudo para a súa nacionalización (como esixe Podemos). En resumo, que a chamada vangarda vai por detrás do estado de ánimo da xente e polo tanto non contribúe a crear conciencia política, nen a ilusionar os/as activistas para que participen e se mobilicen. Os partidos sistémicos poden ficar tranquilos, especialmente os máis conservadores. Así ren mudará.

O mesmo podemos dicir en relación á cuestión laboral. Todos esixen a eliminación das últimas reformas e da lei mordaza, así como manter o poder adquisitivo das pensións. Mais as forzas da oposición alternativa non saen dos límites dese guión. Sendo a derrogación un avance, non eliminaría unha lexislación e un marco económico favorábeis á patronal en todos os sentidos. Máis do 80% da poboación depende dos salarios directa ou indirectamente (como as xubilacións), polo que tendo en consideración o grao de explotación, non se entende que forzas que din ter sensibilidade popular non fagan da loita de clases unha prioridade nas propostas e nas mensaxes. Non é casual que exista na clase obreira e na mocidade un dos índices máis altos de abstención.

Artigo publicado en Sermos Galiza 24-28 de xaneiro 2017