Moitos medios de información fixeron estes días valoracións dos dous períodos de goberno de Obama, co gallo da súa despedida nun acto en Chicago. Nese evento teimou na mensaxe da confrontación, aínda que a combinou con espectáculo e sentimentalismo, ao estilo Hollywood. A idea base é que non se debe dar marcha atrás na expansión da globalización e do negocio da guerra, co argumento do perigo externo. Lembremos que o complexo industrial-militar representa sobre un 25-30% da economía estadounidense, e abrangue sectores como armamento, comunicacións, mercenarios a soldo de empresas privadas, etc.

Para xustificar un esforzo militar tan grande, e que medra cada ano, hai que sementar na conciencia popular a existencia de inimigos poderosos. Non abonda cos atentados terroristas, nen con invocar a protección dos intereses das corporacións empresariais no exterior. E ese papel se lle adxudicou a Rusia, coa vantaxe que durante décadas a Unión Soviética xa fora a representación do imperio do mal para Washington, aínda que daquela era un sistema social alternativo. Isto é xogar cun conflito nuclear, o que reflicte o grao de irresponsabilidade dos que alentan a confrontación.

Rusia ten un orzamento militar nove veces inferior ao dos Estados Unidos, conta só con dúas bases no exterior. Washington ten bases en cento trinta países. A acusación de que algúns medios rusos interviñeron nas eleccións pola información que daban sobre o tema, é unha brincadeira. Os medios do imperio multiplican varias veces esa capacidade na rede e interveñen sistematicamente nas eleccións doutros países, mesmo gobernados por aliados. Por non falar da espionaxe constante e recoñecida a cargos políticos, organizacións e empresas. Será unha potestade exclusiva dunha raza superior? Non é críbel que Moscova interviñese nas eleccións, ante todo porque non lle interesaba se gañaba Hilary Clinton, e non ten seguridade plena de cal vai ser a postura definitiva de Trump en relación ás sancións, Siria, Ucraína, etc. Putin non é tan parvo, e manterse á marxe e agardar era o máis intelixente. Non haberá en todo isto, ademais, algo de cabreo infantil polo sucedido en Alepo?

Artigo publicado en Diario de Ferrol 19 de xaneiro de 2017