A propaganda foi fundamental en todos os momentos da historia da humanidade. Tanto pra vender un produto ou servizo, como pra consolidar estruturas de poder ou dar alento a un proceso revolucionario. Cada vez é menos doado distinguir entre propaganda e información, entre unha representación figurada e a realidade. Nas últimas décadas tivemos exemplos escandalosos da utilización do poder mediático pra condicionar a opinión publica mundial, pra mudar a correlación de forzas e o futuro da humanidade.

Lembremos as fotografías en todos os xornais do mundo dos seica catro mil asasinados por orde de Ceaucescu, uns feitos que nunca se produciron, mais que lle custaron a vida ao presidente da Romanía e á súa muller, despois dun xuízo militar sumarísimo transmitido por televisión. Houbera disturbios na cidade, e mortos, tanto da oposición como da policía, porén en cifras moito menores. Fíxose unha montaxe pra condicionar a situación política sacrificando a verdade, a rectificación posterior careceu de valor, porque o obxectivo da mentira xa dera resultado. Hai ducias de casos máis deste tipo. Casualmente, case todos eles ligados á maior potencia do mundo, os Estados Unidos. Os máis destacábeis nas últimas décadas: o das armas de “destrución masiva” de Iraq, o roubo das incubadoras de Kuwait e os bombardeos aéreos contra a povoación civil polo exército de Gaddafi.

Nesta conxuntura, están en disputa os posíbeis escenarios pra vindeira etapa. Todos eles dependen da correlación de forzas no ámbito económico e militar. E como a verdade non se pode verificar decontado, sacrifícase máis que nunca. A información convértese así en libelo. Algo que acontece de xeito sistemático alí onde a confrontación de intereses é máis forte, concretamente na pequena guerra mundial que se libra en Siria. Máxime cando o que estaba en xogo era Alepo, que tiña enorme valor, pola súa importancia militar e política, dado que foi a capital económica do país, e sempre xogou un papel estratéxico. Daquela que no intre no que se decidía o futuro da cidade, pra alén do esforzo militar das potencias hexemónicas e dos seus aliados rexionais, os medios cumpriron un papel moi significativo, tratando de frear a conquista premendo a Rusia diante da opinión pública mundial. Afirmábase que a toma da cidade ía ser un masacre, e esta hipótese sustentábase con vídeos duns “cascos brancos” resgatando persoas de edificios desfeitos, declaracións de médicos da zona, e chamamentos pra que cesase a ofensiva “criminal” do exército procedentes dunha vítima cargada de simbolismo, xa que era nena e muller.

Tomouse Alepo, non houbo milleiros de vítimas civís, a maior parte dos civís permaneceron na zona controlada polo Governo, e os “cascos brancos” evaporáronse. Descubríase despois que se facían vídeos… en Exipto, nos que simulaban vítimas do exército de Assad e nos que aparecía unha nena chea de pó e sangue. Na zona leste de Alepo apareceron: foxos con ducias de persoas masacradas por se opoñer aos grupos xihadistas ou por querer fuxir da zona; almacéns con alimentos abondo pra os grupos terroristas mentres a povoación pasaba fame; armamento moderno e munición que amosaba a complicidade dos países da rexión, da UE e dos Estados Unidos con estes grupos. Todo isto, no mellor dos casos, deu lugar a breves notas nos medios. Neste contexto presentábase en Ankara a nena de Alepo como unha heroína abrazando Erdogan. Porén dos “cascos brancos” ninguén volveu facer comentario. Se cadra porque estes eran, como dicía o Governo sirio, militantes da Fronte Al Nusra (Al Qaeda) que facían teatro diante das cámaras coa complicidade occidental. Todo parece confirmalo. Son a evidencia da relación intima entre o imperialismo e aliados e unha rede de axencias especiais e ONGs cun lado escuro.

Artigo publicado en La Región o 17 de xaneiro de 2017