O rexeitamento do referendo catalán por parte de En Comú Podem e a proposta de que se convoquen novas eleccións, xunto cunha interpretación limitada da soberanía, abren unha nova fronte contra o independentismo. Estas declaracións foron recollidas por Europa Press o pasado 3 de xaneiro e reproducidas en medios como Público. Segundo o seu portavoz, Xavier Domènech, non paga a pena realizar un novo referendo, como o convocado para setembro deste ano, porque o resultado sería unha repetición do acontecido o pasado 9 de novembro de 2014. Entende que esa é unha vía “fracasada” e como tampouco é posíbel unha reforma constitucional, que permita dar solución ao problema das nacións dependentes, a proposta de Podem é defender as diferentes soberanías: económica, cultural, etc. Define o seu proxecto como soberanista e non independentista, aínda que afirme unha e outra vez que pon en primeiro plano “a capacidade da xente a decidir”.

Ante todo cómpre indicar que, considerar perdida a batalla antes de dala fortalece as clases dominantes, que se negan a recoñecer o dereito de autodeterminación. Sería un erro estratéxico, máxime contando cun apoio popular tan forte a prol da independencia e estando en disputa a maioría electoral no referendo. Desistir da convocatoria amosaría que a cuestión de fondo é de financiamento e do recoñecemento formal do feito nacional, como argumenta o PSOE. Gostaríalle ao PP e Ciudadanos que o primeiro fose o problema, daquela que unha e outra vez teimaran na idea de que desmontar o conflito era doado con cartos, xa que isto era o que realmente pretendía CiU (e por extensión PDC). A esta altura deberían recoñecer que a cuestión é de moita maior envergadura, e que as diverxencias suman máis aspectos, desde os económicos ate os identitarios. Dánse mesmo co PDC, aínda que este partido teña unha folla de ruta máis dialogante e contemporizadora e un proxecto social neoliberal.

Outro aspecto desta noticia a termos en consideración é que, En Comú Podem retalla a soberanía cando fala de conquistala no económico e cultural, como se o dereito a decidir fose posíbel sen a soberanía política. Esta última ten un carácter determinante, sen soberanía política é imposíbel tela no eido económico e cultural, aínda que a primeira non garanta mecanicamente os demais ámbitos, como se pode comprobar en ducias de países independentes que na práctica son protectorados ou neocolonias. Loxicamente, en termos teóricos, quen defende a soberanía nacional ten dúas opcións, ou a independencia ou unha confederación, xa que no segundo caso a soberanía reside en cada unha das partes constitutivas do Estado Confederal e ceden a este determinadas competencias.

Agora ben, a alternativa da confederación hai que analizala hoxe no contexto da globalización neoliberal, que ten unha inmensa dimensión da financiarización da economía, da información e cultura de masas. Tampouco se pode ignorar que unha boa parte das competencias máis importantes foron traspasadas á Unión Europea, entre elas algunhas tan determinantes como a moeda e os aranceis. Eu deixo aquí o tema exposto, sen desenvolvelo, para non me apartar da finalidade deste artigo. Porque, en relación con En Comú Podem (e Podemos) a cuestión é que non definen con claridade cal é o modelo político, económico e social polo que apostan. E aceptando de palabra o dereito á autodeterminación, despois cando cómpre facelo efectivo renuncian a esa loita, como é no caso catalán. Pensar que algunha vez no estado español vai existir unha correlación de forzas favorábel a este dereito, sen que exista un risco real de ruptura e unha ampla mobilización popular, é a maior das utopías. O cambio será fillo da tensión política, da confrontación, e de que as clases dominantes consideren que o dereito a decidir ou unha confederación é un atranco menos grave para os seus intereses económicos.

Daquela que neste contexto, con esta correlación de forzas, a proposta de En Comú Podem de rexeitar o referendo significa adiar indefinidamente o proceso de independencia, e neste punto súmase obxectivamente ao bloque españolista. Dálle azos ás posturas centralistas, e sementa na sociedade a idea de que non hai posibilidade ningunha de que o povo catalán decida soberanamente, máxime cando se realiza cun discurso de esquerda e seica se asume a Catalunya como nación. É o que moitos chamarían unha puñalada polas costas premeditada. Será casualidade que se anuncie semanas despois da marcha independentista, á que acudiu Ada Colau (de Podem) e de que se dese a coñecer unha enquisa que daba máis votos negativos que positivos a respecto da independencia?

Artigo publicado en Sermos Galiza do 10-13 de xaneiro de 2017