Obama, ou o inimigo externo como escusa

Xaneiro 11th, 2017  |  Published in| the_category globalizacion, Internacional, militarismo

O envío por parte de Washington de máis efectivos bélicos a Alemaña, camiño dos países do leste da Unión Europea, é un paso máis na estratexia da tensión militar contra Rusia. Neste caso, trátase de 87 tanques Abrams M1A1, 20 sistemas de artillería autopropulsada Paladin, 136 vehículos de combate Bradley e 4.000 militares estadounidenses, que se espallarán entre Polonia, Bulgaria, Romanía e os países bálticos. Esta acción súmase á expulsión, hai poucos días, de 35 diplomáticos rusos e ás sancións contra empresas e persoas desta nacionalidade, seica porque o Goberno ruso interveu na campaña electoral de Estados Unidos favorecendo a Trump. Non se poden considerar como unha casualidade que estas operacións se realicen poucas semanas antes de que asuma Trump, que se ten manifestado a prol de procurar acordos coa segunda potencia nuclear do mundo, e considerando esta como un aliado esencial na loita contra o terrorismo. Tampouco se pode ignorar que son os Estados Unidos os que controlan a rede, os que fan espionaxe acotío a todos os países (e aos seus propios habitantes) como se demostrou en incontábeis ocasións, e mesmo a nacións aliadas como Alemaña. Pretender que Rusia vai máis adiantada neste cuestión non deixa de ser ridículo. Wikileaks recoñecía por boca de Julian Assange que as filtracións proviñan do propio Partido Demócrata.

Todas estas medidas de Obama indican que o poderoso lobby industrial-militar, e outros sectores vencellados con el, como o bancario, o tecnolóxico e o das comunicacións, tenlle máis medo a unha redución do gasto militar que ao terrorismo, mentres este afecte esencialmente a países que queren manter a súa soberanía. Desactivar a conflitividade armada para centrar competencia na actividade económica, financeira e propagandística, como pretendía Trump no discurso electoral, reduciría este sector económico, afectando as corporacións e grandes fortunas, e por suposto tamén tería consecuencias sobre o emprego, aínda que isto pode ser compensado por un medre da actividade industrial. Teñamos en consideración que a paz na rexión prexudicaría a empresas privadas importantes, non só na fabricación de armamento, senón no enorme negocio dos contratistas privados (mercenarios e loxística). Estes dende hai máis dunha décadas constitúen un soporte fundamental das tropas de asesoramento, ocupación, e accións especiais no exterior.

Moitas empresas estadounidenses están vinculadas á guerra e ao “inimigo exterior”. Daquela que canto máis grande sexa este, maior será o negocio. Neste aspecto, teñen todos os boletos Rusia e China e, moi en segundo lugar, o Estado Islámico e a Fronte Al Nusra. Todo indica que estas organizacións agromaron grazas á conivencia de Washington e outras potencias aliadas, europeas e rexionais, malia que despois os monstros collen vida propia e non son doados de manexar ou desactivar. Só así se entende a postura das potencias occidentais con respecto a Alepo, mesmo aceptando que a metade dos insurxentes estivesen na orbita dos Irmáns Musulmáns, ou sexa de Turquía, e un terzo relacionados con Al Nusra e Estado Islámico, xa que resulta evidente que todos predican a xaria, que pretenden impoñer un estado confesional. U-la democracia, o pluralismo, os dereitos esenciais?

A esta altura, habería que se preguntar que foi daqueles “cascos brancos” dos que non se volveu falar? Que foi dos médicos e meniñas que pedían axuda fronte a masacre do goberno e dos que non se volveu saber? Asemade, coa liberación da cidade verifícanse as ameazas dos xihadistas á poboación civil e a fame que padecían, mentres que os terroristas tiñan almacéns ateigados de alimentos e armamento de todo tipo enviados por gobernos e ONGs occidentais. Non é que estas novas non aparezan nos medios occidentais, senón que ocupan un anaquiño na parte inferior dos xornais e uns minutos nas televisións, mentres que as que amosan a maldade do Governo e dos seus aliados, a comezar por Rusia, abranguen paxinas enteiras e horas de emisión. A maioría dos medios están ao servizo dos intereses económicos e políticos, e carecen de obxectividade

Mais en poucas semanas coñeceremos ate que punto estas accións de Obama condicionarán as promesas de Trump en relación a este tema. En calquera caso o que non está en cuestión é a continuidade da globalización neoliberal. Neste aspecto non hai fractura dentro da burguesía dos Estados Unidos, nin da mundial. O neoliberalismo permitiu debilitar o movemento sindical e os partidos de clase no mundo, e polo tanto aumentar a taxa de lucro do capital. A disputa non é de sistema, senón de formas, de como se debe repartir o excedente entre países e dentro de cada un deles entre sectores da burguesía. Evidentemente, isto ten consecuencias sobre a distribución do PIB e do emprego, mais non sobre a taxa de beneficios, e polo tanto mantén a tendencia ascendente da precariedade, dos baixos salarios. Para que estes aspectos revertan débese conquistar a hexemonía da clase traballadora, na rúa e nas institucións, e sobre todo na loita das ideas, na iniciativa. Trump pode facer algúns cambios, o tempo dirá se ten vontade e se algunha vez foi esa a súa intención, no que afecta aos sectores máis golpeados pola deslocalización industrial (programada polo propio capital estadounidense). Mais no caso de que realice mudanzas profundas, é dubidoso que eliminen ou rebaixen significativamente a globalización e moito menos o neoliberalismo.

Ficamos nunha conxuntura, daquela que se fale de incerteza política, e que cada analista presente un escenario distinto sobre o futuro: continuidade da hexemonía estadounidense ou mundo multipolar (ou variábeis desta última opción). O que resulta evidente é que en calquera destes contextos a Unión Europea perderá peso ou se desintegrará, xa que as súas contradicións internas van a máis. En fin, ficamos nun momento histórico no que todos os escenarios están abertos… á espera dos proxectos superadores, liberadores, que só poden vir da man das clases populares e de partidos que representen os seus intereses. Xa que a problema fundamental segue sendo o medre da desigualdade entre países e entre clases, o aumento da xornada laboral e como contrapartida o incremento do desemprego, e que a guerra, a saúde e a morte, son un negocio máis, xa que a cobiza non ten límites.

Artigo publicado en Galicia Hoxe o 11 de xaneiro de 2017

Os comentarios están pechados.