O conflito sirio deixou o imperialismo espido. Este utiliza todos os medios para evitar un mundo multipolar, e impedir un mellor reparto do poder e da riqueza, mesmo que se restrinxa ás potencias emerxentes. Daquela que aposte pola intervención e pola guerra, e que Siria e outras nacións estean atrapadas nesta confrontación estratéxica. Porén, a batalla de Alepo deixa en evidencia que dentro do bloque imperialista hai importantes diverxencias, aínda que non se cuestione a hexemonía dos Estados Unidos por parte dos seus aliados. Washington segue mantendo un papel sobranceiro no eido militar e da espionaxe, na información e cultura de masas, nas finanzas, etc.

O acordo entre Rusia, Irán e Turquía sobre Alepo, e posteriormente o alto o fogo no país, marcan un antes e un despois, xa que se fixo á marxe dos Estados Unidos e da Unión Europea. Siria quería garantir en Alepo o desaloxo da poboación civil, para evitar que servisen de parapeto aos terroristas, e retirar as minas colocadas por estes. Turquía buscaba asegurar unha saída da oposición armada e defender os seus intereses, ameazados pola extensión do conflito. Mais estes acordos non seguen o guión de Washington, xa que abriron unha fenda entre “moderados” e radicais, e deron folgos a acordos de alto o fogo e a unha saída política.

Tanto Estados Unidos e os seus aliados da UE, como Turquía, Arabia Saudita e as monarquías do Golfo, e Israel, están comprometidos con algunhas das fraccións armadas da oposición. Fornécenos de armamento, asesores militares e recursos económicos. E no caso de Turquía e Xordania, tamén de Israel, contan ademais con lugares de acubillo e para que reciban atención sanitaria. Porén, mesmo estando todos en contra de Assad, os sucesivos avances do exército sirio deron pulo ás diverxencias entre estes países e entre as distintas fraccións terroristas. Polo que neste intre, formúlanse dous interrogantes maiores. Cal vai ser a actitude de Trump unha vez na presidencia? E cal será a folla de ruta que adoptará definitivamente Erdogan? Ademais, sendo a conflito un gran negocio para as empresas transnacionais, non primará a opción da guerra como mal necesario?

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 5 de xaneiro de 2017