As causas do recuar demográfico

Xaneiro 3rd, 2017  |  Published in| the_category migracion, neoliberalismo, soberania, sociedade

Todos os estudos dan por feito que a povoación galega vaise a reducir dramaticamente nas vindeiras décadas, partindo da análise dos actuais parámetros económico-sociais; os mesmos que Núñez Feijóo considera óptimos en todos os aspectos, “grazas á súa xestión, aínda que mellorábeis”. Cómpre recoñecer que esta contradición tampouco lle tivo custes ao Presidente da Xunta nas pasadas eleccións galegas, xa que contra o que auguraban as enquisas repetiu maioría absoluta no Parlamento. Unha eiva que algúns pretenden atribuír en exclusiva á falta de conciencia política do povo. Esquecen que aumentou a abstención, e que unha parte da responsabilidade pode estar nos partidos e referentes da oposición, que non son quen de ilusionar aos/as votantes de esquerda, e tampouco conseguen atraer aos/as abstencionistas, que representan un terzo do electorado. Os medios tamén teñen o seu papel nesta traxedia.

O certo é que a natalidade decrece porque a sociedade é cada vez máis desigual, con ducias de milleiros de persoas no desemprego, e con 2/3 das familias manifestando que chegan a final de mes con dificultades ou moitas dificultades. É así polo crecemento da precariedade e os baixos salarios, con xornadas longuísimas que non cobran e polas que non se cotiza, con contratos temporais, mesmo de horas. Nestas condicións, quen vai emparellar e ter fillos/as? Só pode facelo unha estreita franxa da sociedade ou os/as demasiado atrevidos. Daquela que unha boa parte da mocidade emigre.

A solución é un sistema máis xusto. Cómpren salarios dignos e que, como mínimo, se cumpran as xornadas e as condicións laborais do convenio. Deste xeito habería traballo pra todos e todas. E non só iso, estarían garantidas as pensións actuais e futuras. Seguir coa leria de que a crise afecta ao mundo empresarial, e que sen garantir beneficios non se pode manter o emprego, é unha verdade a medias. Nunca, nunca nos últimos corenta anos, o capital obtivo tanto lucro da riqueza producida por mor do esforzo colectivo na Galiza. Hoxe as rendas do capital e mixtas son superiores ás do traballo malia que este último representa o 83% da povoación ocupada. O certo é que os beneficios concentranse en moi poucas corporacións transnacionais e persoas, que cada vez son máis poderosas e ricas, en prexuízo tamén dos autónomos/as e pequenas empresas. Mais, estes prefiren rebaixar salarios e reducir a achega fiscal, e non confrontar coa inxustiza. Unha saída transitoria, que evita enfrontarse ao problema de fondo, e que no inmediato se manifesta con toda crueza na perda de peso da economía galega, no recuar demográfico.

E dentro destas solucións ficticias e transitorias, hainos que propoñen a alternativa de fomentar a inmigración, como se esta garantise per se un medre da economía e da natalidade (hoxe xa hai un 17% de povoación nacida fóra do país). Ademais, deste xeito daríaselle máis pulo á emigración da mocidade, xa que os/as inmigrantes teñen menos custe salarial e participan pouco na loita reivindicativa. Esta opción, no caso galego, da alento á substitución da povoación autóctona. Todo seica moi normal e moderno pra algúns, dentro deste mundo globalizado e neoliberal onde o único importante é o lucro empresarial, e no que se administra unha nación como se fose unha facenda. Evidentemente, con este contexto, de pouco valen despois as propostas pra repescar mozos e mozas que están na emigración, pra alén de casos moi minoritarios en actividades da investigación e alta dirección. Non hai solucións intermedias, a nación galega necesita de soberanía e de xustiza social. Sen estes alicerces mínimos non hai futuro pra todos e todas. Semella unha análise moi dura, porén son menos alentadores os prognósticos dos que gaban o capital e aceptan a dependencia.

Artigo publicado en La Región o 3 de xaneiro de 2017, en Atlantico o 4 de xaneiro de 2017

Os comentarios están pechados.