Un debate histórico, ruptura ou transición

Decembro 30th, 2016  |  Published in| the_category Historia, nacionalismo

Sen dúbida 2016 é un ano ateigado de novas que dan para facer unha extensa reflexión e un bo artigo. Neste curto período podemos destacar: a pequena guerra mundial en Siria, que a esta altura xa ten gañadores, e non precisamente o imperialismo hexemónico; o retroceso dos governos progresistas na América Latina; as convulsións internas do capitalismo que marcan un cambio de tendencia no proceso de globalización (Brexit, triunfo de Trump, resultado do referendo en Italia); os múltiples indicios de que a crise volve; e uns resultados nas eleccións galegas que dan unha nova oportunidade ao BNG. Agora ben, como coido que estes temas foron abondo tratados e seguirémolos debatendo o vindeiro ano, permítame o lector/a que retroceda catro décadas e lembre algúns acontecementos na Galiza daquel tempo. 1976 foi, xunto con 1977, un ano chave, de conxuntura. Entendendo como tal un período de forte disputa no que estaba morrendo unha etapa e nacendo outra que responde mellor á correlación de forzas do momento, polo que pode implicar tanto un avance como un recuar social e democrático. Do pasado sempre se aprende, especialmente cando se refuga reproducir mecanicamente as alternativas para enriquecer a análise.

No ámbito internacional en 1959 triunfa a Revolución Cubana, e na década dos sesenta destacan os procesos de liberación nacional e o avance da clase traballadora nos países centrais. No Estado español, Franco morría en novembro de 1975 e Suárez asumía a presidencia en xullo de 1976. A amnistía política de agosto dese ano fora mínima, e sería ampliada pola presión social en marzo do ano 1977 (ao saíren da cadea os catro detidos da UPG). Legalizouse o PC en abril de 1977 (mais non a UPG, nen a AN-PG, nen ERGA), e as manifestacións do 1º de maio dese ano foron en moitos casos reprimidas pola policía, por exemplo en Vigo. A apertura sindical real tivo que esperar ao ano 1977, cando se permitiu a asociación sindical e se eliminaron as restricións ao dereito de folga.

No mes de maio de 1975 constituíse o Sindicato Obreiro Galego, unindo os xermolos sindicais que se auspiciaran pola Fronte Obreira da UPG. O SOG decide non se presentar ás eleccións sindicais convocadas polo réxime en xuño dese ano, conseguindo que nalgunhas empresas esta fose a postura maioritaria, como en Finsa de Compostela (80% da abstención), Genosa na Coruña (70%) e Freire en Vigo (69%). Na primeira traballaba quen asina este artigo, na segunda coido que Elvira Souto e na terceira Xosé Anxo Méndez. CC.OO. decidira participar nas eleccións conseguindo ocupar cargos de responsabilidade en varios sectores, especialmente do metal. Esta actitude incoherente daríalle vantaxes, xa que utilizaría parte da estrutura vertical, despois da morte de Franco e no inicio da transición.

Polo tanto, 1976 será un ano de conxuntura, de disputa na rúa entre a mobilización social, especialmente do movemento obreiro, e o réxime, e dentro deste, entre a fracción que opta por unha transición, pactando cos sectores máis moderados da oposición, e aqueles que pretenden garantir as herdanzas do franquismo con medidas represivas. As diverxencias dentro das forzas do réxime acláranse o ano seguinte, por mor da presión social, contribuíndo a que a transición sexa garantida mediante os Pactos da Moncloa en outubro de 1977. Deste xeito, dábase por rematada a vía da ruptura. Sería un paso atrás histórico nas conquistas democráticas, no que o PCE tivo un papel determinante. Estes pactos debilitarían a clase traballadora, e terían importantes consecuencias no futuro a respeito da loita de clases, xa que instituían a concertación, agochaban o carácter plurinacional do Estado e negaban o dereito de autodeterminación (de Galiza, Catalunya e Euskadi).

O carácter masivo das mobilizacións laborais en 1976 tiña os precedentes nas loitas de 1972 en Ferrol e Vigo, e especialmente na recuperación das protestas obreiras en 1975. Neste último ano, no sector naval, e sobre todo, nun conflito como o da construción da térmica das Pontes. Os dados que temos, de ámbito estatal, salientan que 1976, que é o primeiro ano do que temos información, foi o do maior número de folgas até hoxe. Aínda que o número de participantes foi menor que en 1979 ou en anos posteriores, nos que se realizaron paros xerais. Ademais, 1978 e 1980 marcaron o máximo de días de traballo afectados por folgas. Sen dúbida esta valoración é aplicábel tamén a Galiza. No mes de febreiro 8.000 traballadores/as paraban en varias empresas do metal da bisbarra de Vigo, facendo coincidir as accións reivindicativas, especialmente pola negociación dos convenios colectivos. O 21 de febreiro entre tres e catro mil (segundo La Voz de Galicia) participaban en asembleas e manifestacións na cidade. Este xornal facía mención a 6.000 sancionados e 116 despedimentos polas direccións das empresas.

Porén, onde se expresaría mais nidiamente o estado de ánimo da xente, sería no feito de que a conflitividade laboral se alargase das grandes empresas aos convenios sectoriais. É dicir, á pequena e mediana empresa. E isto foi unha oportunidade para aquelas forzas políticas que apareceron á esquerda do PCE, tanto no aspecto social, como democrático e nacional, a medida que o eurocomunismo daba primacía ás regras do sistema. E foi a ANPG quen mellor representou esta alternativa rupturista: propuña un programa de economía mixta onde os sectores estratéxicos tiñan que ser públicos, esixía unha democratización rachando totalmente cos sectores comprometidos co réxime, e reclamaba unha Galiza soberana nun Estado Confederal (as Bases Constitucionais para a Nación Galega). Era unha alternativa difícil de conquistar, mais necesaria e ilusionante. Tivo ademais un valor simbólico importante que Moncho Reboiras dese a súa vida polas clases populares galegas, e que varios militantes pasasen varios anos na cadea. Amosaba un proxecto sólido, comprometido, atrevido. Aínda que sen dúbida, a decisión da UPG, a finais de 1975, de dar prioridade absoluta ás tarefas políticas foi o que permitiu expandir na sociedade a alternativa anticolonial, sumar militancia, concretar a política de fronte e fortalecer as estruturas de masas. No marco desta priorización do traballo de masas, no mes de febreiro de 1976 o SOG, UTEG e as CC.LL, realizaban unha rolda de prensa conxunta en Compostela, destacando que eran sindicatos nacionalistas e autónomos de calquera organización política.

No ano 1976, 100 cargos electos do sindicato vertical denunciaron o convenio provincial do siderometal da Coruña. Na mesma xuntanza acordaron manifestar a solidariedade con Barreras de Vigo, Bazán e Astano de Ferrol, que estaban realizando mobilizacións a prol de melloras nos seus convenios. Deste xeito, manifestaban unha orientación de carácter ideolóxico e político neste movemento reivindicativo, en oposición ao réxime. Ademais decidiron realizar unha manifestación en Ponteceso o 29 de febreiro. Neste ano a conflitividade tamén se estendeu a sectores como o ensino e a saúde, realizándose manifestacións como a de Pontevedra coa participación de tres mil mestres, ou as protestas no Psiquiátrico de Conxo. No aspecto democrático, cómpre destacar a manifestación de novembro en Compostela a prol da amnistía total, na que participan catro mil persoas.

A finais deste ano comezaron outros dous conflitos importantes para o sindicalismo nacionalista. A mobilización dos/as traballadores de La Metalúrgica en Vigo, en oposición aos despedimentos masivos na empresa (249 dos 350 operarios/as que conformaban o cadro de persoal), e o das empresas do metal na provincia de Lugo. Na Metalúrgica parou o persoal durante 102 días (grazas á solidariedade obreira). O SOG tivo un papel destacado, malia carecer de representación na empresa. O metal en Lugo, iría á folga durante catro días, e decidiu asinar o convenio o día 21 de decembro. Esta foi unha decisión que o SOG rexeitou, participando no conflito como asesor grazas á presión da asemblea. Unha mostra da situación do momento foi que a COS (Coordinadora de Organizacións Sindicais), formada por CC.OO., UGT e USO, convocou o 12 de novembro unha folga xeral de 24 horas contra o axuste laboral, as medidas económicas do Governo de Adolfo Suárez, así como pola amnistía e os dereitos democráticos (con incidencia mínima na Galiza). Este era o primeiro paro deste tipo desde a Segunda República.

Resulta evidente a esta altura que o nacionalismo xa non era unha organización limitada no esencial a repartir propaganda e manter unha intensa actividade a prol da cultura galega. O SOG, a UTEG e outros sindicatos sectoriais nacionalistas participaban activamente nos conflitos laborais (tamén nos agrarios e estudantís). Facía propostas e presentaba militantes que eran elixidos polas asembleas de traballadores. Os sindicatos nacionalistas ligados ao proxecto frontista da Asemblea Nacional-Popular Galega disputaban a CC.OO. (e a outras forzas que racharan organicamente con esta dende posturas máis combativas), a dirección do movemento obreiro galego, aínda que Comisións mantiña a hexemonía. Cómpre lembrar que algúns dos cadros do sindicalismo nacionalista proviñan do movemento estudantil, polo que hai que valorar como correcta a súa proletarización, xa que contribuíu a lle dar ao sindicalismo anticolonial un forte discurso estratéxico (como se pode comprobar nos textos da época), confrontando ruptura con transición. Esta postura era consecuente coa caracterización de Galiza como unha colonia do Estado español (como xa fixera Antolín Faraldo en 1846), e definir ás clases populares, e moi especialmente a clase obreira, como suxeitos no proceso de liberación nacional e social.

O nacionalismo gañou espazo social cando, ademais de confrontar coas forzas do sistema, apostando pola ruptura, foi quen de dar o debate político, e manter a unidade na mobilización sobre o concreto, coas organizacións da esquerda que facían da concertación a súa estratexia. Foi así porque a concertación trasladouse a todos os ámbitos asimilando forzas que antes foran combativas. Por exemplo, facendo xirar a mobilización arredor do campo institucional, ou dándolle prioridade á mesa de negociación sindical sobre protesta laboral. O antagonismo entre concertación e ruptura segue vixente. E neste aspecto, a experiencia histórica do nacionalismo ten moito valor, como práctica e como reflexión.

Artigo publicado en Sermos Galiza 27-30 de decembro de 2016

Os comentarios están pechados.