O ministro de Asuntos Exteriores, Alfonso Dastis, converteu Galiza no país máis rico do Estado español. Segundo el, a emigración enriquece, abre a mente e fortalece. Se fose verdade hai moito que Galiza sería un exemplo de desenvolvemento, xa que durante un século emigraron máis dun millón e medio de persoas á América Latina e Europa, e aínda viven no exterior máis de medio millón de galegos e galegas. O desenvolvemento de Irlanda, outro país de emigrantes, que ás veces se pon como exemplo, ten moito que ver coa súa independencia do Reino Unido.

A emigración forzada por causas económicas, que é a preponderante, racha a vida das persoas, afástaas da súa familia e amigos, e tradúcese en grandes sacrificios persoais, xa que os mozos e mozas perden a xuventude. É verdade que a emigración endurece, dá folgos á iniciativa e aporta moita experiencia, porén non se poden ignorar ou desprezar os custes, e que o país de orixe perde gran parte da contribución que fixo durante anos en termos laborais e de formación. Iso sabémolo moi ben os que fomos emigrantes, e somos fillos e netos deles. Ademais, estas afirmacións de Dastis son semellantes ás que facía o franquismo cando alentaba a emigración a Europa na década dos sesenta e setenta do século pasado. Emigrantes polos que a ditadura recibía unha compensación económica. Ou sexa, eran un negocio, ademais de desactivar a conflitividade.

Dito o anterior, debéranse debullar máis as propostas da oposición en relación a que se alargue a prestación sanitaria aos que emigraron para alén dos 90 días. O lóxico é que estas persoas reciban a prestación no país no que traballan e recuperen o dereito cando retornan. En troques, urxe que os maiores de 26 anos, que non teñen traballo e viven aquí, accedan sen os atrancos actuais a esta prestación. Asemade, precisa máis debate eliminar o voto rogado; cómpre garantir que se exercita polo afectado/a e con coñecemento de todas as opcións. Se cadra sería necesario distinguir entre o/a emigrante e os/as descendentes que adquiriron á cidadanía, dado que 2/3 dos residentes ausentes xa naceron no exterior, e representan unha parte decisiva do censo electoral.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 29 de decembro de 2016