A UE aposta polas armas

Decembro 8th, 2016  |  Published in| the_category europa, globalizacion, militarismo

A Unión Europea, que tan cutre se mostra cando se trata do gasto social, de protección á clase traballadora, vai agora acumulando excepcións cando lle interesa. Xa non computan como déficit público os gastos derivados da atención aos/ás refuxiados. Non penso que o faga por solidariedade senón para aumentar a man de obra de reserva. Se non fose así, farían todo o posíbel para deter a guerra ou para dotar os campamentos de refuxiados dos medios necesarios para unha vida digna. Optaron por favorecer a inmigración dos máis novos e formados. Non foi por solidariedade, xa que non existe cos desempregados, precarios, e dependentes na UE.

Agora queren engadir unha nova excepción, para crear un Fondo Europeo para a Defensa Militar, dotado con 5 mil millóns de euros, que deberían asumir os países membros. Como temen que non vai contar co apoio unánime, xa especulan con utilizar o investimento privado e a emisión de bonos. Esta proposta reflicte, ademais da dobre vara de medir, que a Unión Europea aposta no militarismo cara o exterior, porque os maiores problemas actuais derivan da súa expansión económica e militar en África, Medio Oriente e Europa do leste. A finalidade deste fondo sería para a investigación e a aplicación de novas tecnoloxías, e para o uso conxunto das capacidades militares, ou sexa, un exército europeo. Para vender este produto na sociedade métese polo medio o tema da protección das fronteiras, para controlar os refuxiados e evitar a entrada de terroristas.

Un dos argumentos de máis peso para a construción da UE era o de garantir a paz entre as vellas potencias, que durante séculos se disputaron a hexemonía en Europa. Se cadra conseguiuse ese obxectivo, mais a costa de destruír practicamente toda a periferia da Unión Europea, e terminar confrontando coa segunda potencia nuclear do planeta. Por se non abondase, a vontade popular só está representada nun Parlamento que carece de calquera incidencia real nas decisións da Unión. Unha burocracia goberna a UE ao servizo dos lobbys empresariais, mentres medra a desigualdade, pérdense dereitos laborais, medra a violencia, e imos de burbulla en burbulla na especulación.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 8 de decembro de 2016

Os comentarios están pechados.