Hai analistas que consideran que o Brexit e a elección de Trump á presidencia dos Estados Unidos son pasos importantes cara a desglobalización. Engaden que o comercio internacional está a crecer por debaixo do medre do PIB, e que nalgúns países están a se recuperar as taxas aduaneiras. Asemade, existe moita oposición social á globalización. Paralelamente, cada vez máis amplos sectores do capital chegan ao convencemento de que o crecemento da economía será cada vez menor, malia os tratados de libre comercio, prexudicando a taxa de lucro empresarial. Ademais, o proceso produce perigos crecentes no ámbito militar, debido á exclusión de Rusia e China dos tratados de libre comercio, e ao aumento da confrontación con estas potencias en todos os eidos, dado que non se queren compartir os beneficios en pé de igualdade. Daquela que o TTIP sexa sinónimo de OTAN económica.

A anterior é unha valoración pesimista (porén obxectiva) sobre a traxectoria e o futuro da globalización, que non comparte o conxunto das clases dominantes. Iso explica a belixerancia coa que responderon a uns resultados non esperados os grandes medios de comunicación, no Reino Unido e nos Estados Unidos. Outras cuestións máis humanitarias que están a debate entre ambas as tendencias só son un engado, utilizado por estes sectores privilexiados que non teñen reparo en afogar economicamente ou destruír militarmente os países que queren defender a súa soberanía, sen importarlles o custe social e en vidas humanas. Esta fracción do capital, aínda hexemónica, considera que a resposta acaída sería un avance máis rápido na eliminación das regulacións comerciais, laborais, medioambientais, culturais e políticas. Isto beneficiaría no inmediato ás corporacións transnacionais e grandes fortunas, como xa está a acontecer.

Polo tanto, non foi casual que se estivesen a negociar nos últimos anos tratados como o TTP, CETA, TTIP e TISA. Aos que lle hai que engadir outros de carácter rexional, todos por iniciativa dos Estados Unidos e/ou da Unión Europea. Nestas negociacións, os lobbys empresariais tiveron un papel determinante. Algúns destes tratados son agora cuestionados, outros serán renegociados, e o TTIP e TISA pode que queden no limbo. Esta freada é un feito positivo para a clase traballadora, porque pon a debate o modelo de desenvolvemento. E aínda que sexa por razóns demagóxicas nos partidos sistémicos, tamén pasarán a primeiro plano a distribución do traballo e as desigualdades. Asemade, pode aliviar a confrontación entre potencias, co que isto ten de transcendental para evitar unha guerra xeneralizada e avanzar nun mundo multipolar, no que habería máis posibilidades de que as pequenas nacións podan exercer maiores niveis de soberanía.

Por outra banda, debemos ter en consideración que a correlación de forzas entre as clases populares e as clases dominantes non se modificou substancialmente na última década. E cando o fixo, foi a favor do capital. Daquela que os cambios que poida haber non van implicar unha mellora laboral e social. Ademais, resulta evidente que existe un retroceso das políticas progresistas, especialmente na América Latina. Polo tanto, mesmo se se reconduce a globalización no sistema mundo, e se adquire un carácter multipolar e máis rexional, ren fai pensar que vai retroceder o proceso de concentración e centralización da riqueza e do poder, que é consubstancial co capitalismo. O atranco actual mesmo podería servir, a medio prazo, para que a recomposición imperialista fortaleza o sistema capitalista.

Para desenvolver unha economía autocentrada e sustentábel, que preserve o medio ambiente e estea ao servizo do povo, cómpre que a clase traballadora, aliada a outros segmentos populares, teña unha maioría social organizada, mobilizada, e que conquiste o poder político. Neste aspecto, as contradicións no seo do capital, sexan de carácter territorial ou sectorial tamén axudan. Mais non son unha condición suficiente, nen un antídoto que nos libre dos erros nos métodos de traballo, das eivas na folla de ruta, ou de ignorar a importancia do relato para acumular e sementar as ideas do cambio. Utilizar as contradicións do inimigo e desenvolver unha liña correcta; ese é un desafío determinante para o suxeito transformador.

Artigo publicado en comprendermos o 7 de decembro de 2016