A redención dos foros, unha conquista

Novembro 29th, 2016  |  Published in| the_category Historia, soberania, sociedade

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

No ano 1926, hai nove décadas, durante a ditadura de Primo de Rivera, aprobouse o Decreto-Lei pra redención forzosa dos foros, que eran unha pesada lousa sobre os labregos e labregas. Foi unha decisión meditada, e tiña como obxectivo frear a crecente axitación campesiña que atinxía moi especialmente o mundo rural galego. Contou co apoio das asociacións campesiñas máis importantes, comezando polo sindicalismo católico (CNCA), así como dunha fracción dos que querían a abolición. O sindicalismo abolicionista (CRAG) propuña que non se lle dese compensación económica aos posuidores dos foros e tiña unha forte tendencia rexionalista e de esquerdas.

A redención non era o máis xusto, porén remataba cun sistema que causou que as terras se pagasen mil veces polos que as traballaban, mentres seguían sendo propiedade de fidalgos absentistas e de burgueses que vivían de rendas. Coa desamortización de 1836, os mosteiros deixaran de ser os grandes propietarios e foristas. Por certo, de pequeno souben dos foros a través do que meu pai me contaba na Arxentina. Dicíame que o meu avó emigrara a Cuba pra traballar na cana de azucre, e acadar recursos pra amortizar os foros, que seica eran da familia dos Valencia. Deste xeito, disque foi dos primeiros que rescatou as terras que a familia traballaba na aldea de Saumede, en Berredo, no concello da Bola.

A reivindicación pra eliminación dos foros non era algo novo. En todo o século XIX, especialmente no último terzo, destaca a loita campesiña contra as levas militares e os trabucos (impostos), mais sempre estivo presente a oposición aos foros. A Lei do 28 de xaneiro de 1906 permitindo o asociacionismo no agro, malia que limitado á modernización do sector, abre unha fiestra pola que os foros se converten en cuestión central. Un ano despois, nace Solidaridad Gallega e a Unión Campesina, e deseguido o Directorio Antiforal de Teis e o Comité Antiforista de Becerreá. Só pola iniciativa de Solidaridad Gallega creáronse 400 sociedades agrarias, e en 1908 sumaban 30.000 familias asociadas.

A acción dos agraristas colleu pulo coa realización das Asembleas Agrarias, e a publicación da revista Prácticas Modernas, dirixida por Rof Codina, coa que buscaban contribuír á mellora da produción e ao desenvolvemento agrario. A primeira asemblea realizouse en Monforte en 1908, así como as de 1910 e 1911. Nelas tivo un papel destacado Solidaridad Gallega, e figuras como Rodrigo Sanz e Casares Quiroga. A 4ª e 5ª asembleas fixéronse en Ribadavia, nos anos 1912 e 1913 respectivamente. Nelas tería un papel relevante Acción Gallega e o verbo aceso e popular de Basilio Álvarez. Mais as conclusións non foron por onde quería o abade de Beiro, que as valorou así: “O noso eterno xemer, a nosa ancestral humildade, a nosa mansedume secular…”. A 6ª asemblea realizouse en Redondela no ano 1915 e a 7ª e derradeira na Coruña en 1919. Nesta recuperarían protagonismo Rodrigo Sanz e Casares Quiroga, e abolicionistas como Dionisio Quintillán.

Este período non estivo exento de grandes mobilizacións e revoltas campesiñas, moitas tinguidas de sangue das vítimas labregas. Algunhas de tanta gravidade, como a de Oseira en 1909 (Cea), a de Nebra en 1916 (Porto do Son), Sofán en 1919 (Carballo), e Sobredo en 1922 (Tui). Esta última provocaría que Basilio Álvarez escribise en La Zarpa: “Xa temos bandeira: os mortos. Xa temos soldados: os campesiños. Xa temos patria: Galiza”. La Zarpa publicouse en Ourense entre 1921 e 1936. Resulta evidente que a a lei de redención forzosa dos foros non foi unha concesión da ditadura. Foi produto da loita contra a inxustiza, contra a explotación e a opresión. Unha loita na que participaron por igual homes e mulleres, como se reflicte nos xornais do momento e na relación de vítimas da represión.

Artigo publicado en La Region o 29 de novembro de 2016

Os comentarios están pechados.