imaxe-phpO sistema de pensións mantén un déficit importante, duns 15 mil millóns euros/ano, e o Fundo de Reserva perdeu durante a lexislatura de Rajoy case tres veces esa cantidade (41.600 millóns). A patronal e o Goberno aproveitan a conxuntura para propoñer unha nova reforma. Segundo eles, esta deberíase tratar de urxencia no “Pacto de Toledo”, para lle dar unha escenificación de consenso. Axúdalles nesta estratexia a esixencia da Unión Europea dun novo axuste nas contas públicas de 5.500 millóns de euros, para cumprir co déficit pactado, e unha actitude desmobilizadora por parte dos sindicatos e dos partidos da chamada esquerda (sistémica).

Aínda que a patronal e o Goberno poñen énfase no avellentamento demográfico e a redución do ratio entre poboación ocupada e pensionistas, o certo é que neste intre, as razóns para o déficit no sistema de pensións teñen unha relación directa coas medidas laborais e fiscais postas en práctica. Nomeadamente, coas subvencións na cota da Seguridade Social ás empresas por novas contratacións ou a conversión dos contratos temporais en fixos, ou a tarifa plana de 50 euros aos autónomos (fronte á mínima de 267 euros) por seis meses, renovábeis por outros dous períodos, cun aumento progresivo na cota. Estas políticas significaron cada ano 2.500 millóns de euros de aumento no déficit da Seguridade Social. A estas medidas de “promoción” do emprego a costa dos ingresos das pensións, se lle suma un salario mínimo moi baixo, o retroceso do salario medio, e o crecemento da temporalidade e a alta taxa de desemprego. E no eido fiscal, o aumento dos impostos indirectos, como o IVE, e unha rebaixa no imposto de sociedades e especialmente no tramo máis alto do IRPF. Xa cunha finalidade máis especifica e relacionada coas pensións, está a bonificación da contratación de pensións privadas, cun custe de 1.200 millóns de euros para as arcas públicas.

Dise dende o poder que, nun caso son os efectos da crise, e noutro os pasos necesarios para superala. Mais o certo é que ningunha circunstancia xustifica que se faga a costa das pensións, afectando ao sector máis débil da sociedade. Por se non abondase con este panorama preocupante, o Goberno anuncia novas bonificacións aos autónomos nas cotas da Seguridade Social, en forma de tarifa plana, nalgúns casos a custe cero. Ou sexa, ningunha obriga e todos os dereitos. Véxase o tratamento desigual: achegas públicas aos empresarios e autónomos, e menores ingresos e peores condicións laborais para os/as asalariados. Resulta evidente o tratamento clasista, e que este non vai rematar malia que os efectos macroeconómicos da crise sexan superados. Unha aposta que se fai dende o Goberno malia que unha boa parte dos fundos privados de pensións, ou quebran ou dan saldos negativos aos/as investidores (os pensionistas). Tampouco se pode ignorar que son subvencións fiscais que favorecen á franxa da sociedade con ingresos máis altos, aquela que pode adicar parte do excedente a este complemento.

O certo é que se os salarios se mantivesen en relación co medre da produtividade, se eliminasen as subvencións nas cotas da Seguridade Social e o tope máximo sobre o que se aplican (3.642 euros mensuais), e se aumentase o salario mínimo, non existiría déficit e o Fundo de Reserva non estaría a punto se esgotar. Mais esa non era a folla de ruta do capital e dos partidos sistémicos, para alén das diverxencias nos dereitos individuais e de sensibilidade (máis que de xustiza) en relación aos sectores da base da pirámide. Mais mesmo sendo así, non se pode negar que no futuro a proporción de pensionistas medrará sempre que, como é razoábel, se manteña a idade de xubilación. Aínda que esta tendencia será compensada pola total incorporación da muller ao traballo retribuído e o aumento da produtividade, que mesmo debería permitir reducir a xornada laboral e a idade de xubilación. A menos que o aumento da produtividade, como sucedeu nas ultimas décadas reverta en exclusiva nos beneficios empresariais, ou sexa nas grandes fortunas e altos directivos/as.

Por outra banda, é lóxico que as pensións de viuvez e orfandade se paguen con cargo nos Orzamentos Xerais do Estado, como se fai agora coas pensións non contributivas, ou mediante un imposto especial. Tamén é necesario desvincular as pensións que corresponden aos asalariados/as, das que derivan dos ingresos e gastos dos autónomos, xa que responden a realidades moi distintas. Por último, destacar que a subordinación económica, social e cultural de Galiza, pola falta de soberanía, e a dependencia de centros de poder externo, sexa Madrid ou Bruxelas, ten un reflexo no desenvolvemento económico, no emprego e nos salarios. E polo tanto, tamén no déficit do sistema e na contía das pensións. Por exemplo, son moitos os galegos e galegos que retornan unha vez xubilados; figuran como un gasto, e os dereitos adquiridos como unha transferencia de recursos do centro á periferia. Por non falar de aspectos de moita maior entidade, como a transferencia da crise do centro á periferia. Hai que garantir as pensións, mais coido que a esta altura, o único xeito é reformando a fundo o sistema económico e social.

Artigo publicado en Galicia Hoxe o 10 de novembro de 2016