Non Aliñados, a forza da distensión

Novembro 8th, 2016  |  Published in| the_category Historia, Internacional, soberania

1966-delhi-indira-tito-nasserO 24 de outubro de 1966, hai agora medio século, comezaba en Nova Delhi a Conferencia Tripartita do Movemento de Países Non Aliñados (MNOL), na que participarían Indira Gandhi pola India, Nasser por Exipto e Tito por Iugoslavia. Este movemento internacional aínda segue activo, mais cun papel pouco relevante, por mor da globalización e do pensamento único. As últimas reunións dos non aliñados foron en Teherán, no ano 2012, e na Illa de Margarita, en Venezuela, no ano 2016. Neste encontro destacáronse como prioridades, entre outras, a refundación da ONU, a defensa do povo palestino, o fin do bloqueo a Cuba, e a descolonización de Porto Rico. Actualmente o MNOL está presidido por Nicolás Maduro, presidente de Venezuela.

Fagamos un pouco de historia. O antecedente máis significativo do movemento foi sen lugar a dúbidas a Conferencia de Bandung, celebrada entre o 18 e 24 de abril de 1955 na cidade do mesmo nome en Indonesia. Participaron 29 países de África e Asia, en representación de 550 millóns de persoas. Entre os dirixentes que asistiron destacaban Nehru da India, Nasser de Exipto, Sukarno de Indonesia e Chou En Lai de China. Mais China ficaría apartada no futuro debido aos temores dos demais países de que hexemonizase o movemento. Temos que ter en consideración que o mundo estaba de cheo nunha Guerra Fría, coa Unión Soviética e os partidos comunistas fortalecidos polo seu papel na Segunda Guerra Mundial. Un contexto favorábel pra que os procesos de liberación contra a colonización agromasen en Asia e África (Indonesia independizouse en 1945 e a India en 1947).

Na primeira Conferencia do MNOL, que se realizou en Belgrado en setembro de 1961, participaron 25 estados e outros tres como observadores. Cuba foi o único de Latinoamérica. A conquista da independencia polas colonias foi fortalecendo o movemento, como se reflicte no feito de que na IIª Conferencia, no ano 1964 no Cairo, Exipto, participaron 47 estados de pleno dereito, outros 19 como observadores e 30 organizacións de liberación nacional que loitaban pola independencia dos seus países. O MNOL acada o seu maior empuxe coincidindo co retroceso do imperialismo (inglés, francés, portugués, e especialmente o norteamericano coa retirada de Vietnam). Este auxe é evidente na Vª Conferencia, que terá lugar en Colombo (Ceilán, hoxe Sri Lanka) no ano 1976, e na VIª en Cuba, no ano 1979. Nesta última participarían 96 estados de pleno dereito, 10 como observadores e 9 convidados.

Os principios fundacionais do MNOL son: o antiimperialismo, a oposición ao colonialismo e neocolonialismo; a loita a prol da distensión internacional; rexeitamento do apartheid, racismo e sionismo; oposición ás alianzas militares, así como ás bases militares das potencias imperialistas nos países non aliñados e nas colonias; a cooperación económica e política entre os países do chamado Terceiro Mundo; a loita por unha nova orde económico internacional. O movemento segue a se rexer por estes principios mínimos, porén antagónicos coa globalización neoliberal, coa evidente finalidade de manter unidos países moi diversos e con retos tan distintos.

Os Non Aliñados tiveron un papel destacado durante a Guerra Fría, xa que contribuíron a diminuír a tensión na polarización entre os Estados Unidos e a Unión Soviética. A Guía do Terceiro Mundo salienta este aspecto cando valora o papel do MNOL. E engade, que naceu como unha organización alternativa entre as dúas superpotencias e que foi evolucionando co tempo pra se centrar na defensa dos intereses económicos dos países marxinados: eliminación da discriminación comercial, aceleración da industrialización e modernización da agricultura, aumento da transferencia de capitais e regulamentación das condicións; etc.

Artigo publicado en La Región o 8 de novembro de 2016

Os comentarios están pechados.