Diversidade de intereses en Mosul

Novembro 3rd, 2016  |  Published in| the_category globalizacion, Internacional, militarismo

iraq-mosul-ofensivaOs norteamericanos aproveitan ao máximo o seu control sobre os grandes medios de comunicación. Lembremos a súa escenificación do desembarco en Somalia e o ataque a Libia. Agora fixeron outro tanto no inicio do cerco a Mosul para a liberar dos terroristas do Estado Islámico (EI) ou Daesh. Cando o EI recua con rapidez a información sobre a fronte de batalla é cotiá e directa. Porén, cando medran as dificultades o tema case desaparece dos medios. Aínda que todo fai pensar que a batalla definitiva será na cidade.

Como parte do guión, cando en Mosul hai atrancos Alepo volve ocupar o primeiro plano. Trátase de condicionar a Siria e Rusia para evitar a conquista do leste da cidade, controlado pola oposición, facendo da información unha arma de guerra. Daquela que só teñan valor os civís mortos no leste. Os do resto de Alepo non contan, tampouco os que se producen en Mosul. As denuncias de bombardeos contra obxectivos civís, por parte dos Estados Unidos e aliados, tanto en Siria como noutros países, son efectos colaterais. Os que seica causan o Goberno sirio ou Rusia, non probados nen admitidos polos acusados, son crimes de guerra demostrados. Manipulación e unha dobre vara de medir, que amosa ate que punto as potencias occidentais están perdendo poder e alentan a confrontación, o todo vale.

Os analistas destacan que a liberación de Mosul é importante para derrotar o terrorismo en Oriente Medio, sempre que non se lles facilite a saída cara Raqqa. Tamén indican puntos débiles nesta campaña. Como a intervención de Turquía, apoiándose nos curdos de Barzani, coa clara pretensión de impoñer os seus intereses na zona (tamén os de tipo territorial?) abrindo unha fenda co Goberno Iraquí que pode rematar nun conflito militar sobre o terreo que favorecería o Daesh. Resulta evidente que as potencias occidentais están xogando a varias cartas nesta área, tanto en relación a Siria como a Iraq. Polo tanto, o resultado final da ofensiva para a zona non está claro, mesmo se o Estado Islámico tivese que abandonar Mosul. A solución non está só sobre o terreo, senón na estratexia de Washington, e nos seus acordos con Arabia Saudita e Catar.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 3 de novembro de 2016

Os comentarios están pechados.