Arxentina, axustes que afogan

Outubro 11th, 2016  |  Published in| the_category américa latina, neoliberalismo, traballo

2016-04-28-protesta-estudantes-arxentina-bos-aires-p1010814Hai pouco menos dun ano, Macri gañou as eleccións na Arxentina montado sobre os argumentos da mala situación da economía, do aumento do desemprego e da inseguridade cidadá; eivas das que culpaba a Cristina Fernández. Afirmaba que eran consecuencia do aumento do gasto público, fronte á austeridade que el predica e practicaba na Capital Federal, así como do afastamento na política exterior das potencias hexemónicas (con Estados Unidos á cabeza) e da confrontación cos fundos de investimento internacionais (fundos voitres). A súa visión da realidade resumiuse na súa frase “vólvemos ao Mundo”, no Foro de Davos. Prometeu na campaña un cambio inmediato nas tendencias regresivas. Mais chegado á presidencia, por se acaso, adiou a recuperación ao segundo semestre deste ano.

Macri dedicou os primeiros meses a pechar un acordo custoso cos fundos voitres, mais que segundo el auguraba, ían atraer axiña investimento exterior pra recuperar a economía. Ademais, aumentou, nalgúns casos ate catro veces, os prezos da enerxía, transporte e gas; reduciu os aranceis ás exportacións de soia, en beneficio dos empresarios do sector, desvalorizou o peso e paralizou as paritarias (negociación colectiva). Os resultados non foron os que anunciaba, e as políticas de axuste agravaron o desemprego, a perda de valor dos salarios, a pobreza. A liberalización aumentou as importacións e minguou a produción industrial (- 7,9% en xuño en termos interanuais). Aínda así, o actual Governo non está disposto a rectificar, polo momento, máxime cando recibe o apoio e felicitacións do FMI. Este organismo internacional di que o país vai polo bo camiño. Que se pode esperar dunha institución que sempre estivo ao servizo das grandes potencias e das empresas transnacionais?

Con toda rapidez, na Arxentina estase destruíndo o espellismo da solución do alumno obediente aos ditados das grandes potencias, que a dereita afirma permite superar o estancamento xerado pola caída do prezo das materias primas, as rixideces laborais, e a carga dos servizos básicos públicos ou subvencionados. Sen dúbida o crecemento do gasto público amosou os seus límites na Arxentina, ao estar supeditado a un sistema económico-social subordinado ás necesidades das grandes transnacionais e fortunas, e cunha enorme dependencia exterior. Porén, cando menos, o seu carácter redistributivo evitou os efectos sociais máis regresivos da globalización, que non é pouca cousa, porque afecta directamente a unha gran parte da povoación. No segundo trimestre, o paro chegou ao 9,3%, fronte ao 5,3% no terceiro trimestre do ano pasado; o subemprego (traballo sen dereitos) atinxe o 33,4% da povoación ocupada, e os salarios perderon ate agosto un 10% do seu valor dende principios de ano.

Neste contexto, cun futuro tan negro, resulta lóxico que mesmo a CGT (que vén de reunificar nunha única central os sindicatos máis importantes) se vexa obrigada a amagar con apoiar as mobilizacións e paros que auspician as dúas CTA e algúns gremios (sindicatos) adheridos ou independentes. A crecente contestación da clase traballadora, nun país cunha afiliación sindical do 32% da povoación activa, coloca o Governo de Macri nunha situación difícil. Daquela que se abrisen algunhas fendas cos seus aliados do Partido Radical, e especialmente con sectores do peronismo que buscaban prebendas do Goberno do momento, ou terminaron confrontando con Cristina Fernández. Despois do éxito da Marcha Federal, da folga e mobilización dos docentes e bancarios, as dúas CTA esperan forzar a CGT (a maior central do país), a convocar unha folga xeral que poña ao Governo contra as cordas. Sería un paso decisivo pra frear as medidas de axuste. Mais non será doado. A Arxentina é hoxe o laboratorio que nos setenta foi Chile, pras políticas de shock do capital.

Artigo publicado en La Región o 11 de outubro de 2016

Os comentarios están pechados.