saudi-lampNunha entrevista ao xornal alemán Kölner Stadt-Anzeiger, un comandante da Fronte Al Nusra afirmou que reciben asesoramento militar e recursos económicos de Turquía, Arabia Saudita, Catar e Kuwait. E que Estados Unidos subminístralles sistemas de mísiles anti-tanques guiados TOW que son esenciais para equilibrar a correlación de forzas co exército sirio. Lembremos que a Fronte Al Nusra, opera agora baixo o nome de Jabhat Fatá al Sham. Aínda que rachou publicamente a relación con Al Qaeda, todos os analistas consideran que é unha formalidade para seguir recibindo apoio das potencias occidentais, para canear así a acusación de que apoian grupos terroristas, mais que non implica mudanzas de ningún tipo.

En Siria, as grandes potencias están confrontando a súa capacidade militar e disputando espazo económico. O máis destacábel neste intre, ademais do fracasado acordo de paz entre os Estados Unidos e Rusia, é o crecente protagonismo de Erdogan ao invadir a zona norte do país. Disque co obxectivo de combater o Estado Islámico (EI), mais trátase dunha mala escusa para esmagar os curdos. O obxectivo no inmediato semella ser a creación dun protectorado e a división de Siria. Unha meta que comparte con Washington e Israel. Polo momento, a intervención directa de Ancara detivo o seu avance contra as zonas ocupadas polo Daesh (EI), agás na fronteira con Turquía.

A prioridade de Estados Unidos e dos seus aliados segue sendo o control absoluto do mundo. Nuns casos, mediante golpes brandos, noutros utilizando as revolucións de cores. E cando iso non chega, mediante a intervención militar. Sendo así, entendese que os acordos de paz teñan como única finalidade gañar tempo e evitar a caída da parte leste de Alepo controlada pola oposición armada. Así o reflicte que as accións militares da oposición foron crecendo durante a tregua, e non ao envés como é razoábel en todo proceso deste tipo. Obedece a un guión semellante que Washington se negase a facer público o pacto, e non forzase a oposición “moderada” a rachar vínculos cos terroristas da Fronte Al Nusra (Al Qaeda). Ademais, reforzan esta lóxica militarista os bombardeos de Israel sobre as forzas do goberno nas áreas próximas aos territorios ocupados dos Altos do Golan, así como o ataque aéreo (din que por erro) do aeroporto de Deir ez-Zor, provocando máis de sesenta mortos e un cento de feridos. Bombardeo realizado pola alianza comandada por Estados Unidos, e que foi aproveitado polo EI para atacar esta cidade, que teñen cercada (e na que viven 150.000 persoas).

Como a correlación de forzas sobre o terreo aínda non lles é favorábel, puxeron a traballar os medios de comunicación da súa orbita, distorsionando os feitos sobre o terreo. Así fan de cada bombardeo e ataque das forzas do Goberno unha masacre, mentres que silencian as agresións da oposición armada, os atentados terroristas, e por suposto as consecuencias dos bombardeos da alianza comandada polos Estados Unidos. Daquela que careza de toda credibilidade a acusación de que avións rusos ou sirios atacaron un convoi da ONU con alimentos. Con que finalidade militar ou propagandística? Sería un haraquiri, máxime co control internacional que as potencias occidentais teñen sobre os medios. Semella máis unha vez unha política de intoxicación. Nestes temas, Estados Unidos ten unha longa historia de accións encubertas para xustificar intervencións e ataques, por non falar dos asasinatos de adversarios sen xuízo previo, mediante operacións ilegais e secretas; todo co sobado argumento da defensa da democracia.

Non se pode ignorar que o proceso de privatización de actividades básicas ou estratéxicas polo Goberno, e o aumento da desertificación, agravaron a situación económica en Siria, abrindo unha fenda social que foi aproveitada por grupos internos e potencias exteriores para destruír un estado que é molesto para Israel e Estados Unidos. Mais, mesmo con estas eivas, a situación económica e social de Siria era envexábel en comparanza co seu entorno; mesmo con Turquía, que é socio da OTAN e ten acordos prioritarios coa Unión Europea. Tampouco se pode obviar que esta e outras guerras son funcionais para o complexo industrial militar norteamericano, que representa entre o 25-30% do PIB da maior potencia do mundo. Por se non abondase, trátase dun sector en gran medida privatizado, onde a rendibilidade é a prioridade. En poucas palabras, a guerra é sobre todo un negocio.

Siria ten un gran valor xeo-estratéxico pola súa fronteira con Israel, así como pola súa posición xeográfica nunha área onde están as maiores reservas de petróleo do mundo. Son aspectos que non se poden esquecer, e moito menos desprezar, cando se procura unha solución pacífica deste conflito. E nesta confrontación de intereses, Estados Unidos non ten máis folla de ruta que cumprir todos os seus obxectivos imperiais, máxime cunha Unión Europea submisa, carente de proxecto propio. A paz semella lonxe, e mesmo pódense abrir novas frontes militares, a menos que algunha das partes gañe a batalla sobre o terreo. E os resultados das eleccións norteamericanas, especialmente co triunfo de Clinton, non modifican o guión.

Artigo publicado en Galicia Hoxe o 28 de setembro de 2016