bolivia-mineirosO conflito entre “cooperativistas” da minaría e o Governo boliviano, que comezou o pasado 10 de agosto, cando o Congreso aprobou a reforma da Lei de Cooperativas, e rematou (polo momento) traxicamente o 26 do mesmo mes, abre unha fenda entre o MAS e un dos sectores económico-sociais que foi aliado esencial no proceso de cambio político. O saldo da confrontación é o cruel asasinato do vice-ministro do interior Rodolfo Illanes, a orde da captura e o ingreso en prisión de varios dirixentes da Federación Nacional de Cooperativas Mineiras (Fencomin), acusados de executar ou colaborar co asasinato de Illanes.

Non menos tráxica é a morte por balas de tres mineiros, e doutro máis por manipulación de artefactos explosivos. Todos eles participaban nos piquetes que cortaban as estradas para conseguir que se retirasen as reformas no réxime de cooperativas mineiras. Neste último caso puido ser por causa de balas policiais ou de “fogo amigo”, dado que a policía tiña orde do Presidente de non portar armas, polo que tampouco se desbota unha conspiración da oposición, para dar alento á confrontación violenta. Dá unha idea da importancia da protesta, que o día 11 de agosto o Governo denunciase que os piquetes cortaban estradas en seis das nove rexións do país; accións nas que participaron 5.200 manifestantes, utilizando explosivos.

A Revolución de 1952, con Paz Estenssoro, nacionalizou a minaría, reforzando a explotación estatal do sector. No ano 1985, de novo baixo un governo de Paz Estenssoro, permitiuse a “flexibilización laboral” e realizáronse durante 1986-87 vinte mil despedimentos no sector mineiro estatal, que pasaron a se artellar na minaría cooperativa que xa existía previamente, fortalecéndoa. Posteriormente o governo neoliberal de Gonzalo Sánchez de Lozada “Goni” (1993-1997 e 2002-2003), empresario mineiro, termina por desmontar a empresa estatal Comibol, entregando as minas a corporacións transnacionais, e outorgando concesións aos cooperativistas cedéndolles mesmo maquinaria. Na práctica, transformáronos en pequenos empresarios.

Malia seren favorecidos por Sánchez de Lozada, os cooperativistas mineiros participaron en primeira liña da oposición na loita contra os gobernos neoliberais, tanto de Goni como de Mesa. E despois da dimisión deste último forzaron a convocatoria de novas eleccións que gañaría o MAS. Daquela había en Bolivia 778 cooperativas mineiras, moi por riba das 454 do ano 1990, o que indica o seu pulo. Esta foi a situación que atopou Evo Morales cando gañou as eleccións no 2005. Un ano despois, Evo recuperaba para o Estado a explotación directa da mina Huanuni, xestionada ate ese intre en réxime de “joint venture”. Axiña déronse as primeiras contradicións cos “cooperativistas locais”, o que se resolveu integrándoos na Comibol. Nos governos de Evo sempre houbo unha importante presenza deste sector.

A minaría segue a ser relevante en Bolivia. Representaba un 6,24% do PIB en 2014 e un 30% das exportacións, e xera rente de 140.000 empregos. Deles, arredor de 120.000 pertencen ao sector cooperativista. Mesmo así, as exportacións son menores que as do sector privado, e os pagos en impostos e regalías son moi inferiores (2,5% fronte ao 8,5% das empresas privadas). Asemade, o sector “cooperativo” hai moito que deixou de selo, xa que non só contrata peóns (algo que sucede noutros países) senón que ademais non permite que estes se sindicalicen. Dáse o caso de que moitos peóns contratan á súa vez outros peóns, de “segunda”. Polo tanto é lóxico que a Central Obreira Boliviana (COB) premera o Governo para que se elimine esta excepción, e a falta de garantías laborais.

As cooperativas mineiras opóñense tanto á reforma do Governo na cuestión laboral como a ter que cumprir a lexislación medioambiental. Na actualidade, un 80% delas carece de licencia. Esíxenlle ao Estado a construción de redes eléctricas en todas as concesións e unha tarifa especial, e sobre todo, poderse asociar con empresas privadas, mesmo internacionais. Ignoran deste xeito que se trata dunha concesión pública e o carácter social do cooperativismo. Hoxe en día existen 31 acordos con empresas privadas. Mais o Governo vén de decidir reverter ao Estado as minas subarrendadas polas cooperativas a empresas privadas. Aínda que o Executivo mantivo en todo momento as negociacións cos “cooperativistas”, resulta evidente que as distancias son moi grandes. Atinxen ao modelo social, á ecoloxía, e ao trato de privilexio a un empresariado depredador que utiliza os seus antecedentes obreiros, tradición de loita no sector e dificultades para competir coas corporacións transnacionais, como argumentos para aumentar a taxa de lucro. Evo Morales terá que procurar ampliar apoios naqueles que poñen o público, os dereitos laborais e a ecoloxía, por riba do “sálvese quen poda”. Aínda que se chegue a acordos entre as partes, a morte do vice-ministro marcou un límite.

Artigo publicado en Sermos Galiza semanario, 15 de setembro de 2016