Brasil, golpe sen armas

Setembro 6th, 2016  |  Published in| the_category américa latina, Internacional, neoliberalismo, Sen clasificar

Dilma_LulaMalia que a globalización neoliberal aumentou a desigualdade social e entre países, a desfeita da natureza, as guerras e a violencia, as migracións masivas, e vai de crise en crise, as clases dominantes seguen tendo a iniciativa, e polo tanto unha correlación de forzas moi favorábel. E iso acaba de se reflectir máis unha vez co golpe parlamentar que destituíu Dilma Rousseff no Brasil. Non é un caso único, procesos semellantes xa se deron en Honduras e Paraguai, e todo amosa que se está desenvolvendo un guión semellante en Venezuela. Noutras partes do mundo, nos estados que formaron parte no seu día do chamado socialismo real, o golpe adquire a forma de revolución de cores, como en Xeorxia e na Ucraína.

A destitución de Dilma obedece a razóns exclusivamente políticas, como recoñece o mesmo Temer. A escusa é a presunta maquillaxe das contas públicas. Sendo certo que membros do Partido do Traballo están imputados en delitos de corrupción, e algúns condenados, son porén moitísimos máis os dos partidos que agora apoian a destitución. Nomeadamente, é o caso de 35 dos 61 senadores que votaron a prol da destitución (a Cámara está constituída por 81). Unha situación semellante existe na Cámara de Deputados e Deputadas. Non existe ningunha proba, nen evidencia concreta, de que Rousseff cometese ningún delito.

Coincidindo co xuízo, e a garantía de continuidade, sábese que Temer dará a coñecer as empresas públicas que serán privatizadas, así como unha próxima reforma laboral e do sistema de pensións, e o fin dos programas sociais xurdidos en 2003 (cando Lula chegou ao poder). Cómpre lembrar que Temer e Serra, o ministro de relacións exteriores, están vinculados á corrupción en Petrobras, aínda que os grandes medios tapan o tema. Porque este golpe é posíbel grazas á súa colaboración, colocando o foco onde lles interesa e desilusionando as clases populares, enlamándoo todo.

Durante os anos de governo de Lula e Dilma houbo avances económico-sociais importantes, especialmente na diversificación da actividade produtiva e nas exportacións, na ruptura da dependencia de Washington, na atención da pobreza estrema. Porén, non se pode ignorar, que non se mudaron os alicerces do sistema, que mesmo aumentou negativamente a relación entre traballo e capital, non se reduciu a inseguridade cotiá, e que segue pendente unha reforma agraria, aínda que se fixeron algunhas distribucións da terra por presión do Movimento dos Sem Terra. Estas políticas positivas pretendían dar pulo á economía e reducir a desigualdade, evitando un choque coas clases dominantes, facendo exclusivamente reformas moi básicas, que aumentasen o consumo sen tocar os ingresos da gran burguesía. A procura do consenso non evitou o golpe cando baixaron os prezos das materias primas, recuou a economía, medrou o déficit público e o desemprego, e baixaron os salarios da clase traballadora, xerando desacougo e contradicións na esquerda. As clases dominantes xa non necesitaban do PT, e máis unha vez, optaron polo que sempre fixeron, rebaixar salarios e prestacións básicas, aumentar a disciplina social, e volver ao colo de Washington.

Os golpes de estado parlamentares no Brasil, Paraguai e Honduras, amosan con claridade a dobre vara de medir dos organismos internacionais (OEA, ONU, etc), o carácter funcional que ten a democracia prás grandes potencias, que fan unha lectura da mesma subordinada aos seus intereses económicos e xeo-estratéxicos. Tamén deixa en evidencia que é imposíbel realizar mudanzas favorábeis ás maiorías sociais sen sociedades mobilizadas, organizadas, protagonistas, e sen unha ruptura coa globalización neoliberal. Hai analistas que auguran un aumento da confrontación de clases… O recuar dos dereitos democráticos e sociais alenta esta tendencia.

Artigo publicado en La región o 6 de setembro de 2016

Os comentarios están pechados.