A Arxentina neoliberal de Macri

Setembro 5th, 2016  |  Published in| the_category américa latina, Internacional, neoliberalismo

Macri-ObamaO triunfo de Ganemos na Arxentina foi unha noticia marabillosa para o gran capital. Tamén para Washington. Todo eran festexos. Como dicía Macri: “retornamos ao mundo”. Axiña procurou un acordo cos fundos voitres, para quedar ben coas corporacións e grandes fortunas, os chamados mercados (hai que recoñecer que teñen inventiva para os eufemismos), co pretexto de recuperar o investimento estranxeiro que ía dinamizar unha economía que comeza a reflectir a queda do prezo das materias primas. Argumentaba Macri que rematando coa especulación monetaria e as taxas ás exportacións agrarias, o país iniciaría unha senda de auxe económico e xeración de emprego. Por se acaso, para se cubrir as costas, as primeiras medidas, ademais de liberalizar o dólar, foron un aumento drástico do prezo dos servizos esenciais (enerxía, transporte, etc.), así como dar por sentado que os efectos positivos non se ían notar ate o segundo semestre do ano.

Pasaron os meses, a actividade económica contraeuse un 4,3% interanual ate xuño de 2016, e no sector industrial a queda foi do 6,3%. Tampouco creceron os investimentos exteriores como vaticinaba o Goberno, e segundo o INDEC o paro atinxiu no segundo trimestre un 9,3% da poboación activa, fronte ao 5,3% no terceiro trimestre do ano pasado. Ou sexa, estivo a piques de se dobrar o desemprego na etapa de goberno de Macri. Asemade, aumentou o subemprego e o emprego non rexistrado (sen dereitos sociais) que pasou do 31,9% ao 33,4%. Por se non abondase, a inflación estase a comer os salarios, que perderon un 10% do seu valor ate principios de agosto, malia que foron moitos os sectores, como ensino e bancarios, que se mobilizaron e forzaron as paritarias anticipadas (negociación colectiva) para recuperar poder adquisitivo. Un dado que o resume todo, a enquisa da CEPA e INDEP amosou ca pobreza pasou do 19,82% en novembro de 2015 ao 33,25% en abril deste ano.

Diante dun panorama tan regresivo, Ganemos e aliados optaron por poñer o foco na corrupción do anterior goberno (a real, e sobre todo a inventada). Contan coa colaboración de sectores do poder xudicial, coa cobertura dos medios de comunicación máis importantes, e co arroupe dalgúns sectores sindicais, que a cambio obteñen achegas para manter a súa obra social e opacidade a respecto dos negocios dos dirixentes. Claro que neste aspecto non é doado tapar que unha boa parte do actual Goberno está máis que comprometido. Non é casual que Macri figure nos papeis de Panamá en varias empresas. Trátase en todo caso dunha minoría sindical, xa que as dúas CTA están a se mobilizar arreo, e os sectores que se reunificaron hai uns días na CGT, a central maioritaria, están valorando como se opoñer aos “tarifazos” nos servizos básicos e os despedimentos masivos, sen rachar relacións con Macri. Lembremos que a sindicalización na Arxentina é unha das máis altas do mundo, atinxe un 32% da poboación activa.

En calquera caso, o que resulta evidente é que a dereita, a súa proposta neoliberal, non dá solución aos problemas do povo arxentino, aos países da periferia. É certo que tampouco o conseguiu cando se apostou por medidas keynesianas, como durante o kirchnerismo, nun contexto no que a globalización neoliberal xa non deixa marxe para proxectos soberanos dentro do capitalismo. Agora ben, mesmo recoñecendo as eivas das políticas económicas e sociais dos gobernos kirchneristas, as diferencias son notábeis coas de Macri, xa que o axuste actual impón a lei da selva. Deste xeito quere salvar a burguesía arxentina (veremos por canto tempo), mesmo que o recurso sexa esmagar as clases populares socializando a pobreza. A pregunta aínda sen resposta é, se o fará mantendo as subvencións aos sectores máis marxinados a costa da franxa media e inferior da clase traballadora, ou optará pola confrontación aberta coa maioría social. O que está claro é que non vai a tocar as rendas altas e medio altas; son a súa base electoral, e sobre todo é representante político dos seus intereses. Todo fai pensar que a Arxentina é hoxe, nas políticas de shock do capital, o laboratorio que nos setenta foi o Chile de Pinochet para o neoliberalismo.

Artigo publicado en Galicia Hoxe o 5 de setembro de 2016

Os comentarios están pechados.