Lembranza da Galiza Mártir

Agosto 23rd, 2016  |  Published in| the_category Historia, nacionalismo, soberania

2012 08 17 boveda poio P1121009No ano 1942, a Irmandade Galega de Bos Aires, presidida daquela por Antón Alonso Ríos, a proposta de Castelao, tomou a decisión de converter a data do asasinato de Alexandre Bóveda no Día da Galiza Mártir. Lembremos que Bóveda naceu no ano 1903 en Ourense. Foi funcionario público da Delegación de Facenda de Pontevedra. Asistiu á tertulia de Castelao e Losada Diéguez. Nesta cidade amosou a súa capacidade emprendedora, xa que será fundador do Orfeón e da Caixa de Aforros, da que foi director.

Na edición no exilio de A Nosa Terra de setembro de 1942, destácase con relación á escolla da conmemoración que “tamén nesta data, Día dos Mártires Galegos, veneramos a todos os mártires do pasado, a todos os que, no percorrer dos tempos, caeron na defensa do chan patrio ou da súa liberdade”. No número de ANT de 1946 faise unha lembranza daqueles que foron asasinados polo “alzamento nacional” e a ditadura franquista: Víctor Casas, Anxel Casal, Camilo Díaz, Johán Carballeira, Luís Poza, Johán Suárez Pícallo, Manuel Castelao, Xermán Adrio, Arturo Noguerol, Roberto Blanco Torres, Xaime Quintanilla, etc.

Recoñéceselle deste xeito a Bóveda, tanto o seu exemplo como a coherencia, e ser o organizador e dinamizador do Partido galeguista (PG). Ademais de colaborador fundamental do Seminario de Estudos Galegos no proxecto de Estatuto de Galiza que se debateu no encontro de ORGA en xuño de 1931 na Coruña, e da súa participación destacada no anteproxecto de Autonomía aprobado o 28 de xuño de 1936 en consulta popular. Malia ser católico militante, Bóveda aposta, como a maioría do PG, pola alianza coa Fronte Popular pra frear o avance do fascismo. Hai quen pensa que a “xente ben” de Pontevedra, de dereitas, nunca lle perdoou que se puxera do lado dos galeguistas, dos labregos e obreiros. Por iso, houbo unha actitude tan despiadada. Queríase dar un escarmento, aínda que Bóveda non tiña ningunha relación con actos de violencia.

O seu pensamento fica reproducido no seguinte texto: “Un réxime federal de nazonalidades ibéricas en que a democracia se poda manifestar ceibe de todo dominio, e ser máis avanzada que unha República centralizada e burguesa”. Facía propostas progresistas, que pretendían eliminar as limitacións que a nivel externo e interno existían; nuns casos pola dependencia de Madrid, do centralismo cástrante e colonialista, e noutros, por unha sociedade baixo controis caciquís e lastrada pola emigración. Esta era a transformación que querían os galeguistas naquel intre; nunha nación cun 70% de povoación rural e sobrevivindo cunha agricultura de autoconsumo na que un pequeno excedente adicábase ao mercado, freando o desenvolvemento.

Os estudos dan a cifra de 4.700 persoas asasinadas na Galiza durante o levantamento fascista. Evidentemente, o número de detidos e perseguidos foi moito maior. A esta represión hai que engadir a desfeita económica e social e a carencia da máis mínima liberdade que lle seguiu, e no rural, o control férreo da vida das persoas pola Igrexa e a Garda Civil. Encetaba así unha etapa da historia da nosa nación ateigada de represión, de recreación do atraso, e de emigración masiva a América, sen retorno (dende 1940 a 1970, o saldo migratorio negativo de Galiza foi de 581.869 persoas, segundo a análise intercensal, INE).

Bóveda foi fusilado na Caeira, preto de Pontevedra, o 17 de agosto de 1936, hai oito décadas, despois dunha pantomima de xuízo. Tiña 33 anos. Formou parte da dirección do Partido Galeguista desde a súa fundación en decembro do ano 1931. As balas do seu asasinato e de moitos outros/as, fosen nacionalistas, republicanos, socialistas, comunistas, anarquistas… impuxeron o retroceso cultural e económico, a mordaza política e a negación da identidade singular de Galiza durante máis de catro décadas.

Artigo publicado en La Región o 23 de agosto de 2016

Os comentarios están pechados.