A cuestión catalá

Agosto 16th, 2016  |  Published in| the_category europa, nacionalismo, soberania

2012 09 11 cataluña barcelona diada P1140354Malia non lle gustar aos partidos españois e españolistas, o problema catalán non se soluciona con medidas represivas, tanto se son tomadas polo Tribunal Constitucional como por resolucións do Executivo. Trátase dun problema político, que depende de ter ou non en consideración a vontade do povo catalán. Non é unha cuestión menor, é un aspecto central da democracia. Claro que sempre é posíbel negar a existencia de Catalunya, Euskadi e Galiza como nacións, como suxeitos colectivos e que teñan competencias decisivas, malia seren recoñecidas como nacionalidades históricas. Nestes casos cal é a diferenza entre nación e nacionalidade?… O único argumento de peso é, como hai cinco séculos, que a razón está co que conta coa forza do poder do seu lado.

En relación ao conflito catalán, o Governo central ten máis saídas que a represiva. Por exemplo, pode ofrecer unha confederación na que a soberanía resida en cada nación (as nacionalidades históricas). Sería un paso pra conseguir un novo contrato social e político, que evidentemente debería completarse con avances progresistas no laboral e social (traballo e salarios dignos; servizos sociais de calidade, pensións e dependencia; fiscalidade progresista, etc.). Avances deste tipo necesitan da saída do euro e da OTAN, manterse á marxe dos tratados de libre comercio, e apostar por unha economía autocentrada e sustentábel, e por unhas relacións exteriores solidarias. En poucas palabras, privilexiar os intereses populares, e non coma hoxe que todo está en función das corporacións, grandes fortunas, e territorios máis poderosos. A asociación entre a concentración e a centralización do poder e da riqueza, son evidentes no retroceso de Galiza, tanto no PIB como na povoación, no Estado español.

Volvendo á problemática catalá. Resulta evidente que os partidos soberanistas non están dispostos a dar marcha atrás, e que Rajoy pechou todas as vías de negociación. Por exemplo, ao impedir que PDC teña grupo propio na Cámara de Deputados e no Senado, refugando criterios que se aceptaron na anterior lexislatura. Pódese argumentar que esta decisión obedece a que o PP busca un acordo con Ciudadanos, dado que mantén unha actitude de extrema belixerancia cos nacionalismos da periferia e é necesario pra governabilidade. Porén, non se pode ignorar que os conservadores, mesmo tendo unha actitude máis práctica, levan no seu ADN a españolidade como única realidade. Daquela que Rajoy, que seica podería falar en catalán se fixese falla, nunca o fai en galego, malia que se gaba de ser de Pontevedra. Non sabe? Ten vergoña? Non quere?…

O Governo, e os partidos españois, non poden ignorar que a cuestión catalá vai pra alén do nacionalismo. As enquisas amosan que os/as que avalan a independencia son máis que aqueles que se consideran nacionalistas. A maioría do povo catalán non se ve formando parte do Estado español. Sen dúbida esta porcentaxe medrou coa decisión do Tribunal Constitucional de rexeitar aspectos fundamentais da reforma do Estatuto, e seguiu a crecer coas dúas caras do Governo de Zapatero e a agresividade do Executivo de Rajoy. Agora ben, con seguridade esta análise téñena feito. Tamén saben das solucións menos traumáticas. Mais o certo é que apostan por esperar que o tempo o debilite todo, e se non funciona recorrer á solución represiva, ao ordeno e mando. Fano por iso de que todo lles pertence, conquistárono hai cinco ou tres séculos, segundo a nacionalidade da que se trate. Daquela que Podemos afirmase con acerto que o PP é unha fábrica de independentistas. Claro que eles tampouco clarifican se apostan por unha confederación, federación ou autonomías con distintas competencias; acumulan sobre a ambigüidade. O evidente é que as solucións non viran de parte do Estado centralista.

Artigo publicado en La Región o 16 de agosto de 2016

Os comentarios están pechados.