villares imagesCando souben que as Mareas ían presentar Luís Villares como candidato a Presidente da Xunta, valoreino positivamente, tendo en conta que militou nos CAF e que é unha persoa comprometida coa lingua do país. Todo indica que vai ser referendado nas primarias, xa que todo fai pensar que está pactado entre as distintas correntes. Coido que nunca tivemos relación algunha. Porén, as súas primeiras declaracións dilúen o optimismo inicial, en temas tan transcendentes como a cuestión da soberanía e as reivindicacións laborais e sociais, xa que acepta o corsé da Constitución española. Faino sen matizacións, como faría un partido sistémico (PP, PSOE, Ciudadanos…). É rotundo nos medios: “para min a Constitución é o imperio da lei; fóra da lei nada”. Esquece que esa é a lei das clases dominantes, a que serve para discriminar a nosa cultura e lingua. Non podo pensar que o faga por ignorancia, ten estudos, preséntase como cabeza das Mareas para a presidencia de Galiza e ademais é xuíz. Pregúntome se isto último non estará condicionando o seu perfil político máis que a súa militancia nacionalista na mocidade.

A respeito de Galiza, Villares di que é unha nación, para acoutar axiña, “que non procura a superación do marco constitucional”. Ou sexa que para el, é unha nación no formal, sen reivindicacións estruturais e estratéxicas que rematen coa centralización da riqueza e do poder e co intercambio desigual. Unha cuestión sentimental, coma a daqueles que eran tan do país que falaban cos labregos en galego cando ían a aldea. Estamos aviados. Con seguridade en Madrid farannos un monumento. E por se houbese dúbidas, afirma: “Nen se dan as circunstancias nen hai necesidade dunha consulta soberanista” (La Voz de Galicia, 6-08-2016). Evidentemente non hai condicións para gañar hoxe o referendo, mais iso non implica que non sexa un dereito, que teriamos que poder exercer cando nos pete. Daquela que, cando Villares di que quere que as Mareas ocupen o espazo electoral que tivo o BNG, mesmo que el se sinta nacionalista, resulta evidente que levará a auga para o muiño do españolismo seica federalista, mais na práctica autonomista. Por certo, sobre estas declaracións, que di Anova? Que pensan Beiras e Noriega?

Pola súa banda, o seu compañeiro de mocidade e alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, teno claro é fala de mestizaxe, que concreta na mistura entre nacionalismo e federalismo. En realidade, este termo é funcional á globalización neoliberal, xa que dálle carta de normalidade ao aumento da man de obra de reserva en beneficio do capital. Presentase como natural o carácter periférico e subordinado dos países dependentes, xa que en boa medida a solución estaría na mobilidade territorial. Do que está a falar Ferreiro é de rebaixar obxectivos, de descafeinar o nacionalismo de esquerda, de aceptar a lóxica do imperialismo, de disociar economía e sociedade dos dereitos colectivos, da cultura, da historia… en detrimento dos povos máis débiles e dependentes (arroupándoo todo co manto da solidariedade individualista e polarizando as contradicións na liorta partidista). Ademais, os acordos entre opcións soberanistas e federalistas, como é lóxico, constrúense sobre mínimos, neste caso sobre un hipotético federalismo, que ademais nunca se concreta, nen se reivindica para alén da letra dos programas. O exemplo máis evidente é que, máis alá dunha repetitiva escenificación sobre o carácter central da autoorganización e da capacidade de decidir, En Marea termina sempre formando parte do grupo parlamentar de Podemos. E isto implica unha disciplina, ou cando menos agochar as contradicións… E, non significa isto na práctica subordinación? Por outra banda, tampouco foi prioritario nestes meses a derrogación da reforma laboral, da lei mordaza, o bloqueo dos tratados de libre comercio, etc… Todo estivo focalizado no reparto do poder institucional.

Coido que é un paso na dirección correcta que as Mareas presenten unha candidatura propia á marxe de Podemos. Non tanto porque pense nunha reunificación do nacionalismo a curto prazo (esa é fantasía nuns, e canear o debate noutros), senón porque axudaría a construír unha fronte común co BNG, tanto en temas de soberanía como en reivindicacións económicas e sociais, e dar así máis eficazmente a batalla nas institucións, e dar pulo á mobilización social. Porén, todo fai pensar que a confrontación actual dáse máis por unha disputa de postos que por criterios políticos de fundo, xa que a presenza de Esquerda Unida mantén o nexo estatal. Por esta razón unha e outra vez piden a Podemos que se integre no “partido instrumental” ou na “marca” como a define Villares, asumindo a linguaxe da dereita que todo o equipara coa xestión dunha empresa.

A enquisa da Voz deste fin de semana augúralle ás Mareas o terceiro lugar, e a Podemos o cuarto. O que a esta altura estará aumentando a fenda no partido de Pablo Iglesias entre os que queren manter as siglas e aqueles que prefiren apostar polas Mareas, para garantir así ser a segunda forza, conquistar a presidencia da Xunta e impoñer condicións ao PSOE e BNG. Pola miña parte coido que esta folla de ruta perdeu o engado inicial, xa que unha lista conxunta de Mareas-Podemos non vai mellorar os resultados que obteñan por separado. Mesmo pode reducilos, como aconteceu coa candidatura conxunta Podemos-IU. Tamén está por ver que Villares teña o mesmo atractivo que Beiras, máxime se non está garantida a derrota de Feijóo. O apoio electoral que a enquisa lle outorga ao BNG ten lóxica, coincide co obtido no Senado nas eleccións de decembro de 2015. Nas de xuño, unha boa parte ficaron na abstención pensando que carecía de valor ou apostaron conxunturalmente polas Mareas para non “perder” o voto. Mais o éxito da manifestación do Día da Patria, saber que cada elección ten unha dinámica, e a enquisa da Voz, cargan as pilas, dan alento á militancia e aos simpatizantes da fronte. Agora ben, será quen o BNG de consolidar e mellorar esta predicción? Coido que dependerá de non confiar nas enquisas, de aquilatar a mensaxe, especialmente no eido laboral e social, da campaña que faga, e da capacidade das/os cabezas de lista para demostrar a súa valía. Porque, aínda que pareza mentira, estas cuestións contan.

Artigo publicado en Sermos galiza o 9-12 de agosto de 2016