Moncho Reboiras, atrevemento e coherencia

Agosto 11th, 2016  |  Published in| the_category Historia, nacionalismo, soberania

1980 08 12 cartaz upg aniversario asasinato mobncho reboirasa3Eran anos de ditadura, xa non tan agresiva e desapiadada como na Guerra Civil e nas décadas posteriores. Mais o franquismo aínda amosaba as unllas cando facía falla, cando consideraba que era necesaria a represión, mesmo a tortura e o crime para frear o descontente social e político, por forza clandestino. Neste contexto, agromou na década dos sesenta e setenta do século pasado máis unha vez o nacionalismo galego. Desta volta tería un carácter máis virado á esquerda, á democracia popular. Uniuse a loita pola soberanía coas reivindicacións da clase traballadora, do campesiñado secularmente esmagado, dos sectores avanzados da cultura. Respondíase así a un mundo en transformación, no que se abrían paso a loita antimperialista e a xustiza social.

As folgas de Ferrol e Vigo no ano 1972, coa participación e protagonismo da clase obreira galega, que confrontou na rúa durante meses o réxime, foi a demostración dos cambios estruturais, do crecemento do sector industrial, da construción e dos servizos, tamén de que o agro e a pesca estaban en transformación. E aínda que a represión foi brutal, en 1975 rexorden os conflitos. Xa non abondaba cos medios represivos para frear as reivindicacións populares e de liberación nacional.

Neste contexto foi asasinado Xosé Ramón Reboiras Noia, membro do Comité Executivo da Unión do Povo Galego, o 12 de agosto de 1975 na cidade de Ferrol, na rúa da Terra. Tiña 25 anos. “Moncho”, naceu en Imo, concello de Dodro, criouse no barrio de Teis en Vigo, traballou como electricista nesta cidade e na Coruña. Tivo un papel destacado no desenvolvemento da Fronte Cultural e dos xermolos sindicais impulsados pola UPG dende a Fronte Obreira (constituída na primavera de 1973). Para aqueles que o coñecemos, e militamos con el, sabemos que todo o seu tempo, despois do traballo, adicábao ás tarefas políticas. Moncho sempre tiña un sorriso nos beizos, a súa teimosía non estaba confrontada coa súa capacidade natural para realizar contactos e debater posturas. Quería convencer máis que impoñer. Foi un militante exemplar, coherente, entregado, que fixo súa a consigna de Galiza Ceibe, Poder Popular.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 11 de agosto de 2016

Os comentarios están pechados.