1977 08 12 cartaz upg, moncho reboiras q(ver)Todo aconteceu hai agora 41 anos, o 12 de agosto de 1975, na rúa da Terra da cidade de Ferrol, a poucos pasos da praza de Armas, cando Xosé Ramón Reboiras Noia, obreiro, enxeñeiro técnico, dirixente da UPG, era asasinado pola policía da ditadura franquista. Tiña só 25 anos. Un veciño relataba posteriormente para un xornal: “escoitei tres ráfagas de metralladora sobre as tres menos cuarto da mañá… dúas horas despois guindaron unha bomba de gases lacrimóxenos, utilizaron o megáfono para que se rendera… ouviuse un disparo illado e a continuación rematou todo”. Este tráxico feito, que terminaba coa vida dun dos referentes do nacionalismo galego do momento, coincidía co despido o día nove de 1.250 operarios das auxiliares nas Pontes, por mor dun conflito laboral.

Moncho Reboiras naceu en Imo, concello de Dodro, e criouse en Vigo, no barrio de Teis. Desde moi mozo bebeu nas ideas de progreso e nacionalistas, nun primeiro intre ligado ao grupo alentado polo Padre Seixas e despois á Asociación Cultural de Vigo. Durante a folga de 1972, xa militando na Unión do Povo Galego, participou no conflito activamente. Un dirixente de Organización Obreira, o “Dentes” de Barreras, lembra que foi quen facilitou a esta organización unha multicopista. Organización Obreira xurdiu como consecuencia da ruptura co Partido Comunista dun grupo considerábel das Xuventudes Comunistas. Entre eles estaba “Felipe” (Anxo García Méndez), que tiña unha postura claramente nacionalista e foi secretario da Organización Marxista-Leninista de Galiza (OM-LG). El, xunto a outros activistas de OO, integraríase na UPG, e no SOG anos despois.

A Moncho Reboiras coñecino cando volveu da “mili”, aos poucos meses de eu retornar da Arxentina, e despois de que contribuíse a fundar ERGA en Compostela (decembro 1972), foi na casa de Manuel Fernández (Manolo de Remesar) en Compostela, practicamente non falamos. Atopámonos por segunda vez nunha situación máis comprometida, por mor dun accidente que tivo Manolo de “Remesar”, no que eu ía de acompañante, preto da Coruña. Levabamos o coche cheo de propaganda. Chovía e nunha curva saíuse da estrada, dando varias voltas nun prado. Eu lesionei varias vertebras e costelas. Daquela xa estaba constituída a Fronte Obreira da UPG (na primavera de 1973), e o sindical era a miña tarefa principal. Moncho viunos buscar e levoume a unha clínica na Coruña. Era esencial evitar que intervise a garda civil e retirar todo o material para a súa divulgación clandestina.

Meses despois vivimos un tempo na mesma casa, xunto con Manolo de Remesar, na cidade da Coruña (nunha casoupa a un cento de metros por detrás da cadea, moi perto da Torre de Hércules). Foi no mes de agosto de 1973. El traballaba na empresa Intelsa segundo as súas biografías (pola miña parte coido que era en Isolux) e eu en Emesa, ambos como electricistas. Reboiras non sabía o que era o acougo, e sempre estaba de bo humor, tiña un sorriso nos beizos. Ás veces pedíame que o acompañara. Tiña un seiscentos no que facía moitos quilómetros todas as semanas para contactar con persoas en Viveiro, en Lira, Melide, Sésamo (onde visitaba ao crego Moncho Valcárcel), unha parroquia preto de Caldas de Reis, e moitos outros recunchos da nación… coido que do ámbito cultural, ao que tanto axudou a fortalecer. Pouco despois, marchei traballar á Finsa en Compostela e el foi vivir ao Burgo, no concello de Culleredo. A partir deste intre coincidiriamos só nas reunións, no recén creado Comité Executivo da UPG, e nalgúns encontros acordados por razóns políticas e organizativas. En síntese, Moncho Reboiras era unha persoa de conviccións firmes, que traballaba arreo pola liberación nacional e social de Galiza, e que non esixía nada aos demais que el non estivese disposto a facer.

Sen dúbida, coa súa morte perdeuse un gran dirixente, tanto en relación coa construción de partido como no traballo de masas. Agora ben, cando valoramos o seu legado non podemos esquecer que era moi mozo cando foi asasinado, así como as limitacións políticas, de divulgación social, mesmo de coñecemento da teoría política, que impuña a ditadura franquista. Mesmo con estes atrancos, deixou un importante contributo no eido organizativo, tanto no ámbito sindical como das asociacións culturais. A el debéselle moito do éxito do movemento nacional popular galego nesta etapa, na que se conseguiu nun curto período de tempo un considerábel número de activistas e o aumento da incidencia social das estruturas de base. Por exemplo, os xermolos sindicais deron soporte ao Sindicato Obreiro Galego, nacido en maio de 1975, e este foi fundamental para a constitución da Intersindical Nacional Galega.

Tampouco se pode esquecer que o seu asasinato foi un revulsivo que petou moi forte no corazón de moitos miles de persoas na nación, especialmente de mozos e mozas, e que espertou sentimentos e reivindicacións adormecidas ou engaioladas pola colonización. O que isto representou para o medre do nacionalismo anticolonial é moi difícil de valorar, porén tivo sen lugar a dúbidas –xunto con outras actuacións- unha gran importancia naquela conxuntura decisiva, xa que fixo da UPG, AN-PG e SOG referencias no momento preciso.

Cómpre lembrar a Ramón Reboiras Noia como exemplo de militante, de dirixente coherente ao servizo das clases populares. Unha persoa que non desistiu nunca da loita contra a opresión nacional e a explotación da clase traballadora. Aprendamos da súa teimosía e atrevemento, da súa vontade transformadora. Algo moi importante en todo momento, especialmente neste tempo histórico con novos retos que necesitan de claridade de ideas e iniciativa revolucionaria.

Artigo publicado en Boletin BNG-Pontevedra o 8 de agosto de 2016